Todos os grupos do Parlamento de Galicia teñen dereito, en virtude do artigo 9 do Regulamento da Cámara, a solicitar da Xunta "datos, informes ou documentos que consten en poder desta" e sobre o Goberno pesa a obriga de achegar esa documentación "en prazo non superior a trinta días" ou, no mesmo intervalo temporal, de achegar "razóns fundadas en dereito" que impidan amosar os papeis solicitados. Durante a lexislatura que rematou definitivamente coas eleccións do pasado o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo deixou sen atender case o 40% desas solicitudes de información.
Segundo a Memoria de Actividade Parlamentaria da IX Lexislatura, que o lexislativo galego vén de facer pública, entre novembro de 2012 e xullo de 2016 os grupos parlamentarios rexistraron un total de 1.246 solicitudes de documentación, das que 1.232 foran formuladas polos grupos da oposición e as 14 restantes, polo PP. Case o 90% das peticións do grupo que sustenta ao Goberno tiveron resposta, mentres que a oposición quedou sen o 37,3% da documentación que pediu. Se algún dos grupos da esquerda mantén algunha destas peticións terá que volver formulala, xa que todas as pendentes decaeron ao finalizar a lexislatura.
A oposición formulou 1.232 solicitudes de documentación e o PP rexistrou 14
O grupo parlamentario que máis respostas obtivo foi tamén o que máis volume de documentación pediu, o PSdeG, que viu completadas 600 peticións de documentos, case o 65% das realizadas. O segundo número máis elevado de peticións de papeis respondidas pola Xunta foron as de AGE, con 82 das súas 145 solicitudes atendidas, o 57%. Unhas cifras semellantes foron as do BNG, que formulou 142 solicitudes e obtivo o 63% dos papeis que pedira. Mentres, as deputadas do Grupo Mixto pediron documentos en 10 ocasións e só llelos achegaron nunha delas.
Este ritmo de respostas ás solicitudes de documentación foi, malia deixar pendentes case o 40% de peticións, mellor que o da primeira lexislatura con Feijóo á fronte da Xunta. Como informou Praza.gal, entre 2009 e 2012 os daquela dous grupos da oposición, PSdeG e BNG, reclamaran papeis ao Goberno nun total de 1.337 solicitudes e só tiveran resposta a 510 delas, isto é, apenas o 37% do total. A proporción é, desta volta, xusto á inversa tras mellorar a partir de 2014. Nos datos adiantados daquela por este diario destacaban as tres peticións de documentos que formulara o PP, todas elas referidas á xestión de concellos gobernados polo BNG.
O "non" reiterado a investigar o accidente de Angrois
Os diversos datos estatísticos incluídos nesta memoria -detalla, por exemplo, que Feijóo só compareceu en dúas ocasións en catro anos alén das sesións obrigatorias, unha tras a publicación das fotografías de Marcial Dorado a petición da oposición e outra, a principios de 2015, para expoñer as súas medidas "de impulso democrático"- reflicten tamén outra das que adoita ser fonte frecuente de malestar nas filas da oposición: a negativa do PP á constitución de comisións de investigación. Neste ámbito houbo un asunto que preponderou sobre os demais no período lexislativo que vén de rematar: o accidente de Angrois.
O PP vetou formalmente tres veces a comisión de investigación de Angrois e rexeitouna varias máis cando foi pedida por outras vías
Tal e como reflicte a documentación parlamentaria, a constitución dunha comisión para indagar no sucedido co sinistro do Alvia en xullo de 2013 foi solicitada formalmente en tres ocasións por iniciativa de AGE e BNG, e nas tres bateu co veto do PP, mentes que o PSdeG optou pola abstención. A petición debateuse, non obstante, en moitas máis ocasións por outros condutos -a última, o pasado xuño a través de senllas proposicións non de lei, tamén de Alternativa e do Bloque- e o resultado foi sempre o mesmo: "non".
A negativa foi tamén o que atoparon todas as demais peticións de comisión de investigación agás unha, a formulada polo PP a respecto das antigas caixas de aforro no inicio do mandato. Na mesma sesión en que foi aprobada esa comisión os populares rexeitaron a que pedía o PSdeG sobre o mesmo asunto pero en diferentes termos. O mesmo sucedeu coas dúas peticións para investigar a presunta fraude en cursos de formación da Operación Zeta -unha formulada polo BNG ante a Mesa por non ter escanos dabondo para facelo en pleno e outra, por vía ordinaria- e coas que reclamación indagar na construción e concesión do hospital de Vigo, nos convenios e contratos da Xunta coa Fundación FESÁN e mais no incendio de Fandicosta.
Na comisión de investigación do accidente de Angrois, a máis rexeitada, a cerna do argumentario do PP para o veto sustentábase nunha suposta falta de "competencias" do Parlamento galego para abordar a investigación. No entanto, esta afirmación contradí co artigo 52.1 do Regulamento. Tanto na súa versión previa como na actual, a aprobada o pasado 2015, as normas parlamentarias deixan claro que o lexislativo galego ten a capacidade de crear comisións de investigación "sobre calquera asunto de interese público", con independencia do ámbito competencial de que se trate.
En Marea, PSdeG e BNG poderán pactar e aprobar unha comisión de investigación durante a lexislatura aínda que o PP se opoña
No entanto, o muro da maioría absoluta do PP vai poder ser salvado cando menos unha vez. A reforma do Regulamento -tivo como orixe unha proposta do PSdeG e foi aprobada o pasado ano cos votos de populares e socialistas- trouxo consigo a incorporación dun artigo que contempla a creación "automática" dunha única comisión de investigación durante a lexislatura se é solicitada por "un terzo dos deputados e deputadas da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo, ou as dúas quintas partes dos deputados e deputadas da Cámara".
Aínda que co resultado do 25S é imposible que se dea o primeiro suposto -ningún grupo da oposición ten 25 ou máis escanos- si pode producirse o segundo: dado que En Marea, PSdeG e BNG suman 34 escanos, 4 máis das devanditas dúas quintas partes, se pactan a creación dunha comisión de investigación esta sairá adiante aínda que o PP se opoña. Os pactos pola esquerda tamén serán imprescindibles para propoñer comisións de investigacións polo conduto habitual, xa que para facelo é imprescindible que a petición estea sustentada por unha quinta parte dos escanos -só o PP ten máis de 15- ou por dous grupos completos.