A Xunta retén o 63% dos papeis que lle pediu a oposición no que vai de lexislatura

Vista dunha sesión parlamentaria © Parlamento de Galicia

Unha das novidades introducidas pola Presidencia do Parlamento que encabeza Pilar Rojo foi a publicación das memorias de actividade parlamentaria. Lonxe dunha exposición máis ou menos ritual de eventos, este documento elaborado polo Servizo de Asistencia Parlamentaria facía públicas, por primeira vez, cifras do funcionamento interno do lexislativo galego e, polo tanto, do cumprimento das obrigas por parte do Goberno. Despois de realizar este exercicio de transparencia durante varios anos, a publicación interrompeuse tras o primeiro período de sesións da nova lexislatura, a segunda con Feijóo no poder. Entre os datos non publicados figura o volume de documentación reclamada pola oposición e non entregada polo Goberno. Seis de cada dez solicitudes non foron atendidas.

Segundo a información que figura na base de datos do Parlamento, á que tivo acceso Praza Pública, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo retén, a data do 26 de setembro, o 63% da documentación que lle reclamaron os tres grupos opositores facendo uso do artigo 9 do Regulamento, que os faculta para "solicitar das administracións públicas os datos, informes ou documentos que consten en poder destas". Das 353 solicitudes de documentación que suman PSdeG, AGE e BNG a Xunta atendeu 129 e mantén "en tramitación" un total de 224.

O grupo que máis solicitudes ten pendentes é o PSdeG, con 157; en termos porcentuais o máis prexudicado é o BNG

Por grupos, o que máis peticións formulou en termos absolutos e o que ten máis pendentes é o PSdeG. Os socialistas reclamáronlle papeis ao Goberno en 260 ocasións e só 103 expedientes culminaron a súa tramitación. Pola súa banda, AGE realizou 47 peticións e recibiu 15 respostas, mentres que o BNG fixo 35 e obtivo 11. Porcentualmente o grupo máis prexudicado pola falta de dilixencia gobernamental é o Bloque, que polo momento non pode consultar o 76% dos papeis que pediu. A Alternativa sucédelle o propio co 68% das súas solicitudes e o PSdeG agarda polo 60% do que quere consultar.

Marcial Dorado e Pemex, entre a información negada

Os documentos que a oposición agarda tratan multitude de materias, se ben entre elas destacan algúns dos asuntos máis espiñentos para o gabinete de Feijóo. Así, por exemplo, os socialistas levan varios meses a agardar polas copias dos case míticos contratos da petroleira mexicana Pemex para, supostamente, construír buques en Galicia, así como polo acordo asinado entre a multinacional e o propio Goberno galego. Do mesmo xeito, o Executivo tamén se resiste a entregar papeis relativos á explotación mineira de Corcoesto, reclamados polos tres grupos da oposición, ou as copias dos documentos que acrediten as relacións comerciais entre a Xunta e as empresas do narcotraficante Marcial Dorado.

Tan só o 20% dos papeis pendentes non supoñen un incumprimento do Regulamento

Das 224 peticións de documentos que a Xunta mantén "en tramitación" tan só 47, o 20%, non supoñen un incumprimento do Regulamento. Segundo as normas que rexen o lexislativo galego, nun "prazo non superiro a trinta días" dende a solicitude o Goberno "deberá facilitar a documentación solicitada" ou ben "manifestarlle ao presidente do Parlamento [o regulamento está redactado só en masculino]" as "razóns fundadas en dereito" que "impidan" achegar os papeis pedidos pola deputada ou deputado "solicitante".

Solicitudes de documentación a 26/9/2013 CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.