A Xunta non lle deu á oposición seis de cada dez papeis que lle pediu dende 2009

Feijóo, durante unha intervención no Parlamento © Xoán Crespo

A oitava lexislatura autonómica xa é historia. Coa constitución, o pasado venres, do novo Parlamento xa é posible realizar un balance global do labor desenvolvido polo Parlamento composto a partir dos resultados das eleccións do 1 de marzo de 2009. Foi un período lexislativo que deixa en Galicia medio cento de leis, a maioría modificación de normas anteriores, e que, como nos anteriores, amosa notables carencias por parte do Goberno galego no referido a atender o labor de control da oposición. Un bo termómetro disto último é o grao de dilixencia amosado pola Xunta á hora de achegarlle aos grupos diferentes do PP os documentos que lle reclaman, isto é, os papeis gobernamentais aos que a oposición ten dereito a acceder sempre que o desexen, segundo estipula o artigo 9 do Regulamento do Parlamento. Nestes algo máis de tres anos e medio socialistas e nacionalistas non viron satisfeitas seis de cada dez peticións de documentación.

Segundo consta na memoria elaborada polo Servizo de Asistencia Parlamentaria PSdeG e BNG remitiron un total de 1.337 requerimentos deste tipo ao longo da lexislatura e só obtiveron resposta positiva en 510 ocasións ou, o que é o mesmo, só recibiron o 37% da documentación que pediron. Isto acontece na suma de socialistas e nacionalistas e sucede, cunhas cifras case idénticas, se é analizado o labor de cada un destes grupos por separado. No caso do Bloque, reclamou papeis en 594 ocasións e recibiunos 225 veces (o 37%). Mentres, o PSdeG pediu formulou 743 destas peticións e obtivo resposta a 285, isto é, o 38%. Un maior grao de resposta foi o logrado polo grupo que sustenta ao Goberno: o PP pediu papeis 139 veces e tivo reposta ao 52%, con 73 achegas de documentación.

PSdeG e BNG remitiron un total de 1.337 requerimentos de documentación entre 2009 e 2012, o PP fíxoo en 139 ocasións

Se ben estas peticións de documentos non sempre son realizadas por un único deputado ou deputada e partindo da base de que, en funcións dos grupos, hai parlamentarios moi activos e outros que non o son tanto, estas cifras poden servir tameń como un indicardor máis da actividade parlamentaria de cadaquén. Así, atendendo a estes mesmos datos, a cada membro do PP na Cámara corresponderíalle unha media de 3,7 peticións de documentos -tiña 38 deputados-, no PSdeG serían 29,7 para cada un dos seus 25 representantes na pasada lexislatura e, pola banda do BNG, este indicador subiría ata as 49,5 peticións por escano.

Sen comparecencias de Feijóo dende 2010

A devandita memoria parlamentaria contabiliza tamén outros procedementos de control, impulso e información, como as comparecencias. Así, o documento reflicte, por exemplo, que o presidente da Xunta non comparece na Cámara á marxe das sesións obrigatorias -debate anual de política xeral e sesións bisemanais de control- dende o 21 de xullo de 2010. Malia ás numerosas peticións de comparecencia formuladas polo PSdeG -único grupo da oposición que tiña capacidade, polo seu número de deputados, para tramitalas- estas foron reiteradamente rexeitadas agás nunha ocasión, en xullo de 2009, cando socialistas e populares pediron que Feijóo acudise á Cámara para falar do financiamento autonómico e o fixo, cando menos sobre o papel, atendendo á petición do PSdeG.

Aquela comparecencia sobre o financiamento autonómico tivera un ton notablemente crítico co Goberno central, daquela presidido por José Luis Rodríguez Zapatero. O mesmo aconteceu coas catro comparecencias restantes; en xuño de 2009 Feijóo explicoulle á Cámara a súa reunión con Zapatero en La Moncloa, criticando con dureza a súa xestión, o mesmo aconteceu en decembro do mesmo ano, cando compareceu para informar sobre a Conferencia de Presidentes que se viña de celebrar en Madrid. Nun ton semellante foron as dúas últimas comparecencias, en maio e xullo de 2010 cando, respectivamente, o actual presidente en funcións avaliou o impacto en Galicia dos recortes do Executivo central do PSOE e a situación económica e financeira de Galicia.

Feijóo, durante unha intervención no Parlamento © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.