A investigación política sobre a fracasada fusión de Caixa Galicia e Caixanova leva dous anos paralizada no Parlamento cando xa transcorreron seis dende que foi aberta por primeira vez. No entanto, o que si segue adiante é o periplo xudicial de parte dos seus ex-directivos, e tamén nos tribunais, o litixio iniciado polo deputado Antón Sánchez (En Marea) ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para tentar que a Xunta lle facilite ata seis documentos sobre o papel que xogou o Goberno na fusión.
Alén de afirmar que, en realidade, Sánchez xa ten toda a documentación reclamada, a Xunta tamén xustifica ante o Tribunal Superior que non vulnerou os seus dereitos como membro da Cámara e cuestiona a normativa que estipula os dereitos dos deputados para reclamar e recibir papeis do Goberno. Esas regras están incluídas no Regulamento do Parlamento aprobado na súa última versión en 2015, isto é, con maioría absoluta do PP e cos votos a prol tamén do PSdeG. Segundo a Xunta do PP, a normativa impulsada polo PP fixa prazos non "factibles".
A Xunta reprocha os "exiguos prazos que, unilateralmente, decidiu o Parlamento" para que o Goberno entregue á oposición os papeis que pide; eses prazos están fixados no Regulamento, aprobado en 2015 baixo maioría absoluta do PP
Igual que antes da reforma, o artigo 9 do Regulamento indica que os deputados e deputadas teñen dereito a reclamar da Xunta todos os documentos e informes que o Goberno teña no seu poder. Unha vez realizada a petición formal, a Xunta debe achegar a documentación en 30 días ou, no mesmo prazo, xustificar as razóns legais que lle impiden facelo.
O escrito presentado polo letrado da Xunta que representa o Goberno neste litixio, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, evidencia que os grupos parlamentarios dirixen ao Executivo un "volume inxente" de peticións de documentación, alén doutras figuras parlamentarias de control. Por iso, razoa, "pretender" que "se estarán infrinxindo os dereitos fundamentais" dos deputados" se a Xunta non cumpre "estritamente cos exiguos prazos que, unilateralmente, decidiu o Parlamento" -os fixados polo Regulamento aprobado con maioría absoluta do porpio PP-, deixa a Administración nunha "situación perversa", ante a "dificultade práctica nunha situación moi complicada".
O letrado da Xunta di ao Tribunal que a "limitación de medios cos que conta a Administración" impide cumprir os prazos parlamentarios que o propio PP aprobou
Ademais das peticións de papeis a través do artigo 9, relata o mesmo escrito, o Goberno ten que atender as formuladas dende as diferentes comisións e responder preguntas orais e escritas, todas elas con prazos taxados. "Non resulta, en ocasións coma esta, factible dar cumprimento ao pedido neses prazos coa limitación de medios cos que conta a Administración e atendendo á diversidade e complexidade do reclamado", xustifica. Deste xeito, continúa, aínda que os deputados -neste caso, Antón Sánchez- estean "no seu dereito" de pedir papeis a través dunha comisión -a de investigación das caixas- e pola vía do artigo 9, isto "multiplica" o traballo da Xunta, que como "non pode chegar a todo nos prazos", decide "priorizar". Por iso se atrasou na entrega dos papeis das caixas que así e todo, insiste, xa facilitou.
Na súa defensa do Goberno galego o letrado agrega un argumento máis. Na súa actual versión, o Regulamento "parece recoñecer que o incumprimento do prazo de 30 días non implica automaticamente unha privación do exercicio "das "funcións" dos deputados. Chega a esta conclusión porque actualmente a norma parlamentaria inclúe -dende 2015- a posibilidade de "converter a petición en pregunta de resposta oral" unha vez que "verifica" que a Xunta non lle enviou a documentación en prazo.
Case 700 peticións no que vai de lexislatura, o 70% atendidas
Para xustificar que debe atender un gran "volume" de peticións que "dificulta dar resposta a todas" nos "exiguos prazos que marca o Regulamento do Parlamento" a representación legal da Xunta achegou tamén ao Tribunal Superior un informe da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias que detalla o número de peticións de documentación formuladas polos grupos parlamentarios no que vai de lexislatura. Estas cifras foron publicadas en varias ocasións polo propio Parlamento, pero non o fai dende 2017.
Ata o pasado febreiro o PSdeG formulou 398 peticións de documentos, En Marea 153 e o BNG, 128; o PP presentou 10 das que xa lle responderan nove
Segundo as cifras incluídas no informe remitido pola Xunta ao TSXG, ao que tamén puido acceder Praza.gal, ata finais de febreiro os grupos parlamentarios formularan 689 peticións de documentación á Xunta e delas, 465 foran respondidas -algo máis dun 67% do total-. Ata ese momento o grupo parlamentario que máis peticións realizara fora o PSdeG (398), seguido de En Marea (153) e do BNG (128). Como adoito, o grupo que sustenta ao goberno é o que menos documentación pide por esta vía; ata febreiro o PP realizara 10 peticións e a Xunta xa lle contestara 9 delas.
A Xunta pide ao Tribunal que, se a condena, non a obrigue a entregarlle ao deputado Antón Sánchez todos os papeis das caixas que pide
Este ritmo de respostas mellora un chisco o do primeiro ano de lexislatura. Daquela, cando o Parlamento si fixo públicos os datos, a Xunta non entregara á oposición a metade dos documentos que pedira. Esa mellora relativa tamén é defendida polo Goberno ante o Tribunal, ao que indica que o feito de ter case o 70% das peticións atendidas implica estar "dentro dos estándares habituais da actividade parlamentaria comparada".
Con todos estes argumentos o Goberno galego pide ao TSXG que non admita o recurso interposto por Antón Sánchez. En caso de que o admita, pide que o rexeite integramente e, se isto non é así, que na súa condena á Xunta non estipule a obrigatoriedade de lle entregar os documentos da fusión que pediu, senón que só "obrigue" a realizar "algunhas das respostas previstas" no artigo 9 do Regulamento, isto é, a entregarlle os papeis ou a achegarlle un documento explicando as razóns legais polas que non llos dá.