Transparencia parcial. A finais de xaneiro e principios de febreiro, xa en pleno debate sobre as políticas de persoal das Administracións públicas e a convocatoria ou non de oposicións, a deputada do PSdeG Concepción Burgo dirixiuse á Xunta para solicitarlle unha información ben concreta. A través dunha batería de 14 preguntas, dous por campus, a parlamentaria lucense reclamaba coñecer "o número de membros do persoal" das universidades galegos "que se xubilaron" cada ano entre 2011 e 2016. Burgo pedía relacións completas das variacións de persoal docente e investigador (PDI) por "categoría profesional e área de coñecemento" e mais do persoal de administración e servizos (PAS) "con indicación da súa categoría profesional".
Esta semana, cun ritmo de contestación máis alto do habitual, chegaron ao Parlamento as respostas da Xunta. Nos 14 casos a Consellería de Educación ofrece unha explicación de páxina e media sobre o réxime xurídico das universidades e os procedementos xerais que rexen o seu persoal. Xunto a ela, o Goberno galego admite que antes de autorizar cada oferta de emprego universitario manexa datos como os que solicita a socialista. No entanto, no canto de facilitarllos, convídaa a buscalos nos sitios web das universidades.
Unha deputada do PSdeG solicitou á Xunta os datos de xubilacións e o Goberno convídaa a buscalos en internet
"A Constitución -explica a Xunta na súa resposta- consagrou no seu artigo 27.10 a autonomía universitaria", que "garante a liberdade de cátedra, estudo e investigación, así como a autonomía de xestión e administración dos seus propios recursos". Esta "autoorganización", debulla, inclúe a "potestade" para organizarse no ámbito do persoal e, a través de cadansúas xerencias, as universidades xestionan o seu persoal. Así, evidencia, "a información sobre as xubilacións rexistradas nos sete campus das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia no período 2011 a 2016 é de supoñer que obra nos arquivos de cada unha destas unidades".
A Consellería recoñece que "solicita ás universidades" a información sobre as súas baixas antes de autorizar as convocatorias de prazas
"En todo caso", abonda a resposta, os orzamentos xerais do Estado e da Xunta fixaron entre 2013 e 2016 "unha taxa de reposición aplicable ao persoal docente investigador funcionario universitario", isto é, a porcentaxe deste persoal que era posible cubrir despois de cada xubilación. "Para dar cumprimento a estas determinacións e autorizar a convocatoria de efectivos destas categorías", agrega, a Dirección Xeral de Orzamentos "ten en conta as baixas de efectivos que se producen nas universidades por diferentes motivos, entre outras, as xubilacións", e por iso "solicita ás universidades dita información".
Neste contexto, unha vez recoñecido que os datos das baixas son coñecidos pola Xunta, chega o convite para buscalos en internet. "De todas formas -indica- a información solicitada pódese atopar nas propias páxinas das tres universidades", di, antes de transcribir os enderezos electrónicos das universidades da Coruña, Santiago e Vigo.
A evolución do persoal
Segundo os datos das tres universidades, perderon 465 efectivos de persoal docente e investigador e 152 de administración e servizos
Efectivamente, as tres universidades galegas ofrecen, a través dos portais de transparencia dos seus sitios web, información sobre a evolución dos seus cadros de persoal. Publícana, non obstante, con diferentes formatos e series temporais dispares -a Universidade de Santiago publica cifras dende 2005, a da Coruña dende 2008 e a de Vigo, dende 2009- que ata o momento chegan ao final do ano 2015. Segundo estas tres bases de datos a finais de 2015 as tres universidades galegas contaban con algo máis de 4.800 persoas no seu cadro de persoal docente e investigador, 465 menos que en 2011, e os PAS eran 2.591, unha redución de 152 a respecto de catro anos antes.
Ademais dos datos publicados polas propias universidades existe tamén, cando menos, outra fonte para achegarse á evolución do persoal destas institucións académicas: a Estatística de Persoal das Universidades que publica o Ministerio de Educación para todo o Estado con datos desagregados por cursos. Segundo este estudo estatístico no curso 2010/2011 traballaban nas universidades de Galicia 5.312 mulleres e homes como persoal docente e investigador, polo que a redución sería de 375 efectivos e, no caso dos PAS, de só 26: de 2.711 a 2.685.