0 Gardados para despois

O PP lanza os opositores contra a esquerda malia poder convocar os exames co orzamento prorrogado

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Reféns". É a palabra máis repetida nos últimos días por quen preparan oposicións ante a operación política artellada en torno aos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, que o Goberno de España aínda non presentou ante as Cortes Xerais. Xunto á distribución de fondos para os diferentes departamentos estatais a lei orzamentaria inclúe tamén as normas para convocar as ofertas de emprego público nas diferentes Administracións e, neste contexto, o PP deu en guindar o persoal opositor contra o resto de grupos do Congreso, poñendo o foco na esquerda e, moi especialmente, no PSOE. Se os socialistas non lle aproban os Orzamentos a Rajoy non haberá exames e a culpa non será do Goberno, afirman tanto a Xunta como o Ministerio de Facenda, obviando así que, como advirten os sindicatos e o resto de forzas políticas, si existen alternativas para convocaren os exames.

Mentres as contas públicas estatais deste exercicio non son aprobadas rexen as do ano anterior. Esta prolongación está regulada pola lei xeral orzamentaria, que indica que en caso de non existiren Orzamentos Xerais do Estado "antes do primeiro día do exercicio económico", consideraranse "automaticamente prorrogados os orzamentos iniciais do exercicio anterior" ata que haxa uns novos. A prórroga só ten unha restrición: non atinxe "aos créditos para gastos correspondentes a programas ou actuacións" que rematasen o ano previo. As normas das ofertas públicas de emprego si estarían, daquela, incluídas nos preceptos prorrogados.

As contas de 2016 están prorrogadas e, con elas, as normas para convocar ofertas de emprego público

Así as cousas, o Goberno galego e o resto das autonomías si terían a posibilidade de convocar as correspondentes oposicións, aínda que cos "límites e requisitos" establecidos o pasado ano, que afectaban ao conxunto das Administracións con moi poucas excepcións -determinados departamentos militares, por exemplo-. Segundo o artigo 20 da lei de orzamentos de 2016 para os principais sectores agora sumidos na incerteza polo bloqueo das oposicións, sanidade e educación, as comunidades autónomas terían que cinguirse a unha taxa de reposición "ata un máximo do 100%", isto é, só poderían cubrir as baixas, sen ampliar planteis. 

Facenda pode permitir os exames coas normas do ano pasado ou flexibilizalas por decreto, pero tamén impugnar as oposicións que convoquen as autonomías

Daquela, por que están en cuestión as convocatorias? Alén da vontade política de cada Executivo -o Goberno vasco, por exemplo, segue adiante coa súa oferta para 2017 e a Junta de Andalucía mantivo hai poucos días, a respecto das oposicións de educación, que non vai "ceder á chantaxe" dos de Rajoy-, si existe un risco real: Que os procesos selectivos que continúen adiante sexan impugnados polo Ministerio de Facenda, competente en materia de función pública. Esta situación ten múltiples precedentes e atinxiu a gobernos autonómicos de distinta cor -Andalucía en 2012 nos exames para mestres e Castilla y León en 2015, para enfermaría, por exemplo-. Eis a razón pola que gobernos como o aragonés xa optaron por suspender as oposicións que tiñan previstas.

Se o Ministerio permite as oposición aliviaría a presión do PP sobre o PSOE para aprobar os orzamentos de Rajoy

No entanto, o departamento que dirixe Cristóbal Montoro podería optar por outra vía, a da flexibilidade, cando menos en dous graos. A primeira posibilidade é que, simplemente, permita a convocatoria das oposicións coas normas de 2016 se as negociacións orzamentarias se prolongan no Congreso. A segunda foi apuntada polo propio Ministerio hai poucos días, tal e como revelaron os representantes dos sindicatos CC.OO., UGT e CSI-F tras reunírense con Montoro, segundo recolleu Expansión. O departamento estatal, indicaron, ten na súa man darlle luz verde a unha oferta de emprego público para 2017 a través dun Real Decreto Lei negociado á marxe dos orzamentos. Esta posibilidade desbloquearía as oposicións, pero tamén aliviaría a presión sobre os partidos aos que o PP esixe apoio para os Orzamentos. No caso galego, o argumentario da Xunta pasa por conxelar as oposicións se o debate orzamentario non ficou resolto en abril e responsabilizar do bloqueo a En Marea e PSdeG por teren representación no Congreso.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A Xunta só convocou o 20% das prazas que ofertou na Administración Xeral nos últimos catro anos

"Cinismo". É o "exercicio" que, a xuízo do sindicato CSI-F, está a realizar o presidente da Xunta cando "denuncia o bloqueo institucional" que o bloqueo dos Orzamentos Xerais do Estado provoca na convocatoria de oposicións en Galicia. Mentres Alberto Núñez Feijóo formula esta "escusa para non convocar os procesos selectivos previstos para 2017", denuncian, a propia Xunta está  "bloquear de maneira reiterada" as súas propias oposicións na Administración xeral, isto é, as que que fican fóra de sanidade e educación.

En só 43 das máis de 1.000 prazas rematou xa o proceso coa toma de posesión do persoal 

Segundo un estudo elaborado pola central sindical a partir de datos da Dirección Xeral da Función Pública, con data do pasado 31 de xaneiro a Xunta só convocara 271 das 1.333 prazas que, entre acceso libre e promoción interna, incluíu nas súas sucesivas ofertas. Estaban, daquela, "pendentes de convocar" ata 1.109 postos e unicamente en 43 deles se completou todo o proceso, chegando á toma de posesión do persoal nos seus novos postos de traballo: de letrados e finanzas e consolidacións de emprego "anteriores a 2011".

O sindicato CSI-F lamenta o "cinismo" de Feijóo, que "denuncia o bloqueo" no estado mentres "bloquea" as prazas da propia Xunta

Os datos, di CSI-F, son "alarmantes" porque "reflicten o total desinterese da Xunta por cubrir as prazas das súas propias oposicións" e poñen en cuestión "as declaracións do presidente cando publicita as ofertas de emprego público en Galicia como un alarde da recuperación económica". No entanto, di, a non convocatoria de prazas ofertadas "agrava aínda máis" a "importante perda de emprego público dos últimos anos", que no conxunto da Xunta roldou as 3.000 prazas.

Neste contexto e con estes datos na man o sindicato reclama que a Xunta "convoque de maneira inmediata as prazas pendentes", porque o contrario suporía "estafar as decenas de miles de opositores que están á espera de procesos selectivos, investindo múltiples recursos económicos e persoais na súa preparación". Adicionalmente, din, o Goberno debera "negociar cos sindicatos un plan de estabilidade de emprego público" acorde ás "necesidades dos servizos públicos".

Toda a oposición insta a Feijóo a manter as oposicións e non participar na "chantaxe" do Goberno de España

Na liña do xa reclamado por sindicatos da función pública como CIG ou CSI-F, as tres forzas da oposición galega esixiron este venres ao presidente da Xunta que non se sume á "chantaxe" do Goberno de España para premer sobre o PSOE na negociación dos Orzamentos utilizando como arma política a suspensión das ofertas de emprego público. Os avances de gobernos como o vasco ou o andaluz, din, demostran que a Xunta ten na súa man seguir adiante cos plans de convocar unhas 1.000 prazas en educación e unhas 1.600 en sanidade.

Luca Chao (En Marea): "Non se pode xogar deste xeito coas expectativas de quen preparan oposicións"

"É unha chantaxe inaceptable", di dende En Marea a deputada Luca Chao, en cuxa opinión "non se pode xogar deste xeito coas expectativas laborais" tanto de persoas que cobren postos de interinaxe como de quen levan meses "preparando" as oposicións que a propia Xunta anunciou. "Non é de recibo -mantén- que o PP culpe a outros da incapacidade propia" para negociar e aprobar as contas públicas". Nesta liña, avanza Chao, En Marea vén de rexistar "unha batería de preguntas" para que o Goberno de Feijóo aclare se "vai seguir adiante" coas oposicións ou opta por "asumir o ordeno e mando" do Ministerio de Facenda.

Juan D. Villoslada (PSdeG): "A Xunta debe aprobar a oferta coa máxima axilidade, Galicia non é menos que Euskadi ou Andalucía"

En termos de "chantaxe" se le tamén a conxelación coa que amaga Feijóo dende o grupo do PSdeG. "É unha irresponsabilidade, non se poden aprobar os Orzamentos da Xunta para 2017, anunciar mil prazas no ensino e 1.600 en sanidade e ao día seguinte, facer unha chantaxe política e anunciar a conxelación mentres hai miles de persoas esforzándose para preparalas", di o deputado Juan Díaz Villoslada. "Demandamos que o Goberno de Galicia aprobe coa máxima axilidade a oferta de emprego público de 2017" xa que, "como mínimo", pode elaborala baseándose nas contas estatais prorrogadas. Galicia, di Villoslada, "non é menos que o País Vasco ou Andalucía", que xa o están a facer. E se Feijóo "ten algún problema co señor Montoro, que se poñan de acordo".

Ana Pontón (BNG): "Fronte ao mito de que defende os intereses do país, Feijóo acepta que Montoro lle suspenda as oposicións"

Todas as forzas da oposición poñen o foco na incerteza das persoas que esperan polos exames e tamén no impacto que a posible conxelación pode ter, por exemplo, na "cobertura de necesidades de profesorado" que a propia Xunta admitiu, di dende o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón. Feijóo, censura a nacionalista, "acepta que o señor Montoro lle suspenda as oposicións" malia dispoñer na Xunta de "recursos para cubrir esas prazas". Se Feijóo acepta ser parte da estratexia de Rajoy, di Pontón, ficará "demostrado que fronte ao mito de que Feijóo defende os intereses do país e vivimos no Estado máis descentralizado do mundo, realmente temos unha autonomía suspendida".