O Goberno galego xa incumprira noutras edicións as súas propias normas da medalla e este ano volveu adiala a este venres, cando Rueda optou por asistir a unha conferencia de Feijóo, presentado pola Xunta como "líder da oposición " e non como ex-presidente
Cando en 2019 a Xunta creou as Medallas Pardo Bazán para recoñecer "accións relevantes en prol da igualdade" estableceu por decreto que se entregasen o 16 de setembro de cada ano, data do nacemento da escritora. Este ano o Goberno galego volveu incumprir a norma e adiou a entrega a este venres 3 de outubro, pero a mudanza non foi para axustar o acto á axenda oficial do presidente. O acto de entrega foi fixado á mesma hora na que Alfonso Rueda optou por asistir no Grove a unha conferencia no Foro La Toja de Alberto Núñez Feijóo, a quen a Xunta presentou, na súa axenda oficial, non como ex-presidente senón como "líder da oposición".

O Decreto 53/2019, aprobado pola Xunta e non mudado desde aquela, malia que está na súa man facelo, establece que as Medallas Pardo Bazán á igualdade son entregadas "pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue, nun acto solemne que terá lugar o 16 de setembro no lugar que se determine na orde pola que se concede a medalla". Feijóo foi o encargado de entregar as medallas nas súas dúas primeiras edicións, pero xa na segunda incumpriu o decreto que as regula para confrontar co Estado.
A entrega de 2020 foi adiada ao 8 de marzo de 2021, Día da Muller, e a Xunta tentou sen éxito organizar o acto no daquela recentemente recuperado Pazo de Meirás, no que vivira Pardo Bazán, figura coa que o Goberno galego tentaba ligar o edificio para afastar o foco de Franco.
O Estado argumentou que o Pazo aínda non se podía empregar para ese tipo de actos, e cando uns meses despois xa os permitiu, Feijóo non asistiu nel á seguinte entrega das medallas, esta si o 16 de setembro de 2021, que delegou na conselleira María Jesús Lorenzana.

As medallas deste ano foron para Manuela López Besteiro, conselleira con Manuel Fraga, a olímpica Teresa Portela e a unidade da policía autonómica encargada do sistema Viogen
En 2022 e 2023 xa foi Rueda o encargado de entregalas, en Boqueixón un 20 de setembro e na Coruña un 19 de setembro, esquecido xa o conflito co Estado por Meirás. Tamén na Coruña foi a entrega o pasado ano, o 2 de outubro, desta volta a cargo da Conselleira de Política Social, Fabiola García. E ela foi tamén, como responsable das competencias de Igualdade, quen as entregou este venres, 3 de outubro, novamente na Coruña. Uns galardóns que desta volta foron para Manuela López Besteiro, conselleira de Familia, Muller e Xuventude con Manuel Fraga, a olímpica Teresa Portela e a unidade adscrita da policía autonómica encargada do sistema Viogen contra a violencia machista.
O adiamento do acto, contravindo novamente a data establecida por decreto, non foi neste caso para facilitar que as medallas as puidese entregar o presidente da Xunta. Porque á mesma hora Rueda estaba na illa da Toxa, no Foro La Toja, escoitando unha conferencia de Alberto Núñez Feijóo. Un Feijóo a quen a axenda oficial do Goberno galego se referiu non como ex-presidente da Xunta senón como "líder da oposición", e que como tal actuou cun discurso centrado en criticar ao Goberno de Pedro Sánchez. A súa intervención rematouna Feijóo dicindo que el non aspira a gañar o Premio Nobel da Paz, en referencia á pretensión que si ten Donald Trump.
No Foro La Toja Rueda tamén coincidiu coa ex-vicepresidenta do Goberno de España Soraya Sáenz de Santamaría, á que non apoiou nas primarias do PP en 2018 o agora presidente da Xunta, que optou por Pablo Casado.
