O decreto que regula as medallas anuais que levan o nome da escritora establece que a entrega debe realizarse o 16 de setembro, data do seu nacemento
“A Medalla Emilia Pardo Bazán seralles entregada ás persoas físicas e ás persoas representantes dos colectivos, entidades ou institucións galardoadas pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue, nun acto solemne que terá lugar o día 16 de setembro no lugar que se determine na orde pola que se concede a medalla”. Así o establece o artigo 16 do decreto 53/2019, non mudado ata agora, polo que o Goberno galego creou o galardón simbólico e non reumunerado para “o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes” poñendo como data para a súa entrega o día do nacemento da escritora en 1851. Porén, este domingo a Xunta anunciou a súa intención de entregar os próximos galardóns o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no Pazo de Meirás “polo seu simbolismo e a vinculación do mesmo coa escritora Emilia Pardo Bazán que dá nome aos galardóns e loitou pola igualdade nos seus tempos”.
A Xunta argumenta a elección de Meirás “polo seu simbolismo e a vinculación do mesmo coa escritora Emilia Pardo Bazán que dá nome aos galardóns e loitou pola igualdade nos seus tempos”
Tras crear as medallas en maio de 2019 co antedito decreto a Xunta programou a entrega dos primeiros galardóns para o 16 de setembro seguinte, pero o mesmo día en que se ían celebrar na Fábrica de Tabacos da Coruña, lugar simbólico do traballo feminino, o acto foi cancelado despois de que un home matase en Valga á súa ex-muller e á nai e á irmá dela en presenza dos seus fillos. A entrega acabou realizándose o 9 de decembro no mesmo lugar.
Nada se soubo da edición do galardón en 2020, o ano da pandemia do coronavirus, ata que o sábado 19 de decembro a Xunta comunicou cunha nota de prensa que viña de outorgarlle as medallas á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense, á Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo e a título póstumo a Megumi Shiozawa, que foi presidenta da Casa Galicia Xapón. O DOG non fixo oficial o anuncio ata o 7 de xaneiro deste ano, cando publicou a Orde correspondente que tiña data do 16 de decembro, seis días despois de que o Estado recibise as chaves do Pazo de Meirás tras gañar tres meses antes o preito sobre a súa propiedade á familia Franco.
No seu plan para Meirás a Xunta reserva o xardín para a memoria histórica e di querer que “sexa o Pazo de Emilia Pardo Bazán e non o Pazo de Franco”, pero agora prevé entregar as medallas "nos xardíns"
Agora, a unha semana do 8-M, sen que o recinto fose aínda reaberto ao público tras pasar a mans do Estado e sen que a Xunta comunicase previamente ningún motivo para o mudar a data oficial da entrega dos galardóns, o Goberno galego comunica a súa intención de celebrar o acto o 8 de marzo “nos xardíns” do pazo e di que “xa ten solicitado ao Goberno central o uso das instalacións para a celebración da cerimonia”.
Tras coñecerse a sentenza que recoñeceu a propiedade estatal do Pazo de Meirás a Xunta vén reclamando a súa xestión priorizando nel a figura de Pardo Bazán -que o ordenou construír en 1893 e alí pasou varios meses ao ano ata que morreu en 1921- sobre a do ditador Francisco Franco -que veraneou e celebrou consellos de ministros nel desde 1938 ata a súa morte en 1975-. Malia que agora quere celebrar a entrega das medallas Pardo Bazán nos xardíns, é ese espazo o que o plan da Xunta reserva para a memoria histórica e a lembranza da ditadura mentres que quere que o edificio en si “sexa o Pazo de Emilia Pardo Bazán e non o Pazo de Franco”.