O pasado 15 de febreiro a Vicepresidencia da Xunta tramitaba o pagamento dunha factura de 132 euros a un céntrico restaurante compostelán. O concepto deste pagamento era "reunión de traballo para a elaboración do informe anual do seguimento da actividade parlamentaria". Semanas despois, xa en marzo, o Goberno galego facía público un informe de cinco páxinas no que asegura que o seu "grao de cumprimento" dos acordos acadados no Parlamento é de, practicamente, o 90%.
A elaboración deste informe anual, que a Xunta encadra no "control da acción do goberno polo Parlamento", "un dos piares fundamentais sobre os que se sustenta o estado de dereito e a esencia mesma da democracia" é un dos preceptos da lei de transparencia de 2016. Nesa norma encoméndase ao Executivo a elaboración e publicación, "a finais de cada ano", dun informe "respecto do grao de cumprimento dos acordos aprobados polo Parlamento nese ano". Isto é, dar conta de cantas peticións aprobadas como proposicións non de lei ou mocións son xa realidade. Atendendo ao balance oficial, durante 2017 aprobáronse 284 destes acordos entre plenos e comisións e "están cumpridos ou en proceso de cumprimento un total de 246, o que sitáu o grao de cumprimento nun 86,6%.
O Goberno agrupa os acordos por temáticas, sen detalles sobre o cumprimento concreto de cada un
Aínda que a propia Xunta ten publicado o contido concreto de cada acordo este informe non ofrece ese grao de detalle, senón que se limita a realizar unha "análise" os acordos agrupados por temáticas. Así, por exemplo, chama a "subliñar a destacada presenza de acordos referidos ao apoio aos distintos sectores produtivos", 87 acordos dos que, mantén, o Executivo acada un "nivel de cumprimento do 89,7%". O informe destaca en segundo termo "os 44 acordos adoptados en materias vinculadas ao desenvolvemento de infraestruturas de abastecemento e de comunicación", dos que dá por cumpridos o 84,1%. O Goberno non especifica en que consiste en cada caso a indicación de que un acordo se atopa "en proceso" de ser cumprido, aínda que os que se atopan nese estado son sumados aos cumpridos integramente.
O informe foi publicado tras unha "reunión de traballo" ao respecto nun restaurante compostelán cun custo de 132 euros
Estas cifras ofrecidas no informe impiden, en calquera caso, saber cales dos máis de 200 acordos parlamentarios do 2017 son os que a Xunta dá por cumpridos ou "en proceso" de cumprimento. Nese ano aprobáronse proposicións non de lei e mocións de todo tipo de asuntos, pedindo medidas dende eidos tan concretos como evitar a publicidade enganosa de produtos sanitarios ata pedir xuíces de reforzo en determinados xulgados, a xestión de residuos de pneumáticos usados ou obras nas infraestruturas de regadío na Limia ata máis prazas en determinados centros de ensino, a xestión dos parques naturais ou reparación de fochancas en estradas de titularidade autonómica.
Neses acordos, admite o devandito informe, inclúense tamén os que tratan asuntos que teñen como "responsable final da execución da propostas" a outras Administracións, dende os concellos á Unión Europea pasando polo Goberno central. "Máis dun de cada catro" dos acordos aprobados refírense a outros gobernos e a Xunta sitúa o grao de cumprimento nun 90%, no caso dos que atinxen ao Goberno do Estado, nun 100% os referidos á UE e nun 62,5% os que teñen como destinatarios os concellos.
Cumprimento de aprobación das leis anunciadas e esixencia do PP aos concellos
Os populares eloxian o labor do Goberno de Feijóo e trasladan a esixencia a En Marea, PSdeG e BNG
A publicación deste informe, ao que a Xunta atribúe o 31 de decembro de 2017 como data de actualización, cadra no tempo coa presentación, tamén en marzo, do plan anual normativo do Goberno galego. Neste documento, obrigado pola lexislación estatal, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo anuncia que prevé aprobar 12 novas leis en 2018, cinco delas xa prometidas en 2017. Na súa avaliación do plan normativo de 2017, non obstante, o Executivo atribúese un grao de cumprimento do 73% en canto ás "iniciativas lexislativas previstas no plan" e un 61% o que atinxe a decretos e ordes.
Con este pano de fondo a pasada semana o PPdeG esgrimía a publicación do devandito informe sobre os acordos parlamentarios para esixir, no propio Parlamento, que "En Marea, PSOE e BNG sigan o exemplo da Xunta nos concellos e deputacións nos que gobernan, publicando no seu portal de transparencia os acordos acadados e o seu grao de cumprimento". "A transparencia reforza a calidade democrática" e as forzas da esquerda deben "exercitala", afirmou a vicevoceira dos conservadores, Paula Prado.