O incendio no que arderon 600 hectáreas en Verín camiña cara á estabilización grazas ao traballo dos equipos de extinción. En Boiro e Caldas de Reis hai dous activos cunha alarma pola proximidade das lapas ás vivendas
O incendio con máis de dez focos que se iniciou en Verín contra as tres da tarde deste mércores camiña cara á estabilización con máis de 600 hectáreas ardidas. Porén, os lumes de Caldas de Reis e Boiro suman 200 hectáreas ardidas só na mañá deste venres.
A Consellería do Medio Rural, na súa actualización sobre os incendios forestais ata as 13.30 horas deste venres traslada que non ardeu máis terreo en Verín no que vai de día. Aínda que o incendio segue a considerarse activo, nove técnicos, 32 axentes forestais, 69 brigadas, 31 motobombas, axentes da Unidade Militar de Emerxencias (UME), unha ducia de avións e outra de helicópteros participan na extinción segundo a Xunta, que desactivou a Situación 2 de emerxencia pola proximidade do lume ás vivendas ao remitir o perigo para os núcleos de poboación.
O foco da parroquia de Cures, en Boiro, comezou este xoves pasadas as catro da tarde e queimou unhas 400 hectáreas en apenas un día. Medio Rural activou –pasadas as 17.30 horas deste venres– a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Piñeiro.
A Consellería non informa dos incendios forestais inferiores a 20 hectáreas se non atinxen a espazos protexidos ou áreas habitadas. No que vai de agosto, segundo os datos facilitados por Medio Rural, Galicia achégase ás 2.000 hectáreas de terreo ardidas.
O incendio de Caldas de Reis preocupa pola proximidade das lapas ás casas do núcleo da
Porteliña. Por iso desde onte conta coa Situación 2 de emerxencia activada. Este lume iniciouse na parroquia de Saiar á última hora da tarde do mércores e desde entón leva 450 hectáreas ardidas, segundo a información de Medio Rural.
No caso do que entrou desde Portugal en Arbo, na parroquia de Barcela, a Xunta informa de que quedou controlado ás 12.52 horas deste venres, polo que se desactivou a alerta pola proximidade das casas. Despois da reunión do Consello da Xunta deste xoves, o presidente galego manifestou que este lume que cruzou o río Miño constata que aínda queda traballo para mellorar a cooperación co país veciño.
Por outra banda, permanecen estabilizados os incendos da Mezquita, na parroquia do Pereiro, onde arderon 150 ha. Tamén o outro de Arbo, na parroquia de Mourentán, que queimou 400 hectáreas.
Mentres, o incendio de Calvos de Randín, na parroquia de Lobás, onde arderon 50 ha, quedou extinguido este vernes ás 12.53 horas do mediodía. O mesmo sucedeu contra a fin da tarde o incendio de Maceda, que se iniciara en tres focos diferentes e simultáneos na parroquia de Castro de Escuadro. Alí arderon, segundo as novas medicións tras a extinción, 120,55 hectáreas.