Verín, outra volta. Como en 2020 e como en tantas outras ocasións. A vila ourensá volveu pasar outra noite de desacougo ollando ás lapas despois de que, contra as tres da tarde deste 3 de agosto, se desencadease un incendio forestal iniciado, segundo Medio Rural e bombeiros forestais despregados sobre o terreo, en máis dunha decena de focos xusto nas horas de máis calor.
Apenas unha hora despois do inicio do lume foi xa preciso activar a denominada situación 2, a figura de emerxencia prevista para cando un incendio forestal pon en risco as casas, neste caso o núcleo habitado do Polvorín, nos arrabaldes da localidade. Vivendas, instalacións comerciais e industriais como as empresa de auga Sousas e, un verán máis, a estrada N-525 e mais a autovía A-52, foron algúns dos ámbitos en perigo dende os primeiros minutos.
Ao contrario do acontecido nos que ata o momento son os maiores incendios rexistrados na historia de Galicia, os do pasado xullo no Courel e Valdeorras, desta volta a orixe do lume non está nas meteoroloxía -o persoal experto ten claro que naqueles casos as lapas xurdiron de raios das fortes treboadas ligadas á vaga de calor. Poucos minutos despois despois de declararse este incendio de Verín, tanto Medio Rural coma os propios servizos de extinción manifestaban a convicción de que se enfrontaban a un incendio intencionado.
Medio Rural e bombeiros forestais manifestan a convicción de que o incendio de Verín, onde xa arderon 600 hectáreas, foi provocado cadrando coas horas de máis calor
A primeiras horas da mañá deste 4 de agosto, a Xunta mantiña activada en Verín a situación 2 aínda que, segundo Medio Rural, xa non existía perigo directo para núcleos habitados. As medicións provisionais indican que en Verín arderon xa unhas 600 hectáreas mentres servizos de extinción do Goberno galego e do Estado centran boa parte dos esforzos nun "flanco de moi difícil acceso".
Esa dificultade deixárona clara dende o inicio os membros da Brif de Laza, a brigada de bombeiros forestais dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica que adoita compartir reflexións e imaxes do seu traballo a través das redes sociais e que tamén foi despregada en Verín nesta ocasión. "Tivemos que empregarnos ao máximo, dar o mellor de nós" mentres un dos traballadores tiña que ser levado ao hospital por mor dun golpe de calor. A maior parte da brigada é orixinaria de Verín e tamén por iso, explican, senten aínda máis "non poder evitar situacións dantescas" como as vividas este xoves, cando chegaron a arder mesmo varios vehículos da poboación.
Outros incendios comunicados pola Xunta
O de Verín é o principal e máis preocupante dos incendios comunicados pola Xunta no inicio deste mes de agosto -que, en aplicación da súa recorrente política informativa, non son todos os que se producen-. Durante este 3 de agosto tamén se produciu cando menos outro que puxo en risco áreas habitadas. Trátase do de Barcela, en Arbo, que chegou dende Portugal e fixo precisa activar a situación 2 pola súa proximidade a un polígono industrial. En territorio galego queimou unhas 70 hectáreas. No mesmo concello, pero na parroquia de Mourentán, continúa activo outro incendio declarado a pasada semana e no que xa arderon unhas 400 hectáreas.
No sur da provincia de Pontevedra e tamén iniciado aínda en xullo permanecía aínda activo a primeiras horas deste 4 de agosto o foco de Padróns, en Ponteareas, dunhas 20 hectáreas. Mentres, de volta na provincia de Ourense, están activos os incendios do Pereiro (A Mezquita) e Castro de Escuadro (Maceda), con cadansúas 150 hectáreas ardidas. O rexistro de focos comunicados pola Xunta completábase esta mañá co incendio de Lobás (Calvos de Randín), cunhas 50 hectáreas.