Florentino Delgado “comprometeu a imaxe do Ministerio Fiscal” e, interesado en “manterse no uso da vivenda” e “malia ao claro conflito de intereses”, dirixiu unha causa penal contra a alto cargo do Goberno galego que instaba o seu desaloxo
A Audiencia Nacional vén de emitir unha sentenza na que ratifica a sanción que a Fiscalía do Estado impuxo a quen foi fiscal xefe de Ourense de 2004 a 2019, Florentino Delgado, por abuso do cargo ao negarse durante anos a deixar unha vivenda que a Xunta alugara para que el a ocupase gratuitamente cando foi nomeado e que o seu propietario quería recuperar. Delgado ademais asumiu en persoa unha querela contra a directora xeral do Goberno galego que o instaba a deixar o piso, á que acusou de suposto acoso inmobiliario a outra muller, caso que acabou arquivado. A Audiencia Nacional confirma que o fiscal debía absterse nese caso pola súa “inimizade manifesta” coa persoa á que acusaba, pero que dirixiu esas dilixencias “persoalmente no interese de manterse no uso da vivenda”.
Delgado foi sancionado pola Fiscalía do Estado con dúas suspensións de emprego e soldo dun ano e de seis meses respectivamente por dúas faltas moi graves de abuso da condición de fiscal para obter un trato favorable e inxustificado e de incumprimento do deber de absterse de intervir nun procedemento por inimizade manifesta e interese directo no asunto. Agora a Audiencia Nacional, nunha sentenza do 19 de xaneiro feita pública nos últimos días e que pode ser recorrida ante o Supremo, desestima o seu recurso e confirma a sanción.
A comezos de 2019 Praza.gal contou como a Xunta viña pagando desde 2004 o alugueiro dunha vivenda da que gozaba gratuitamente o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, que se negaba a deixala e cuxo propietario quería recuperala. A información coñecíase pouco despois de que o propio Delgado se querelase contra dous cargos da Xunta por suposto acoso inmobiliario a unha muller que residía nun piso de propiedade autonómica. Agora o relato dos feitos que fai a sanción da Fiscalía e que avala a Audiencia Nacional ratifica a relación entre ambas as dúas circunstancias.
Delgado foi nomeado fiscal xefe de Ourense en outubro de 2004, e ante a disposición do Goberno de Manuel Fraga naqueles anos a facilitar a cobertura dese tipo de prazas ofrecendo algún tipo de axuda ás persoas interesadas para que non quedasen baleiras por resultar pouco atractivas, el mesmo “remitiu escrito” á Xunta propoñendo o alugueiro do piso en cuestión. Pero en 2007 o Goberno de PSdeG e BNG decidiu mudar de política, iniciou os trámites para extinguir o alugueiro que inicialmente se contratara por cinco anos e pediu ao fiscal que entregase as chaves da vivenda ao rematar ese ano.
Tras varias peticións da secretaria xeral do Patrimonio da Xunta para que deixase o piso, en 2016 Delgado contestou cun “folio co selo oficial da Fiscalía” no que advertía á alto cargo da Xunta de posibles “accións penais e civís” contra ela
Nunha carta do 12 de novembro de 2007 a Xunta dille que “como xa se lle comunicara verbalmente” dous meses antes polo propio secretario xeral da Consellería de Presidencia, debía deixar o piso antes do 31 de decembro. A súa resposta foi negarse a deixar a vivenda cunha carta na que advertía ao Goberno galego de que “calquera actuación/es por vías de feito tendentes a presionar un desaloxo (como cortes de subministros) [...] entenderanse coaccións en sentido estrito e orixinarán o exercicio de todas as accións que legalmente correspondan fronte aos presuntos responsables”. A resolución sancionadora da Fiscalía sinala como Delgado “fixo caso omiso e continuou no uso da mencionada vivenda”.
En febreiro de 2010, xa con Feijóo como presidente, a Secretaría Xeral do Patrimonio dirixiu ao fiscal un novo requirimento indicándolle que o 31 de decembro de 2009 vencera o contrato de alugueiro que se asinara por cinco anos e que debía deixar o piso, ante o que o fiscal “de novo desoíu a petición e mantívose no desfrute da vivenda". E novamente en 2016 a secretaria xeral do Patrimonio volveu pedirlle o desaloxo, ao que Delgado contestou cun “folio co selo oficial da Fiscalía” no que advertía á alto cargo da Xunta de posibles “accións penais e civís” contra ela.
Tras estes feitos, en 2018 unha muller que vivía noutro piso propiedade da Xunta que sofría falta de mantemento presentou unha denuncia na Fiscalía de Ourense contra o Goberno galego por un suposto delito de coaccións inmobiliarias para que abandonase a súa vivenda, de renda antiga. Delgado impulsou unha querela por eses feitos contra a secretaria xeral do Patrimonio e outro alto cargo.
A Audiencia considera que “a inicial e lexítima situación do recorrente no uso e goce da vivenda cedida gratuitamente pola Xunta con base á súa exclusiva condición profesional e categoría, Fiscal Xefe da Fiscalía de Ourense, pasa a ser abusiva desde o mesmo momento en que se lle comunica, oficial e reiteradamente (os primeiros requirimentos ao efecto datan de novembro de 2007), que esa situación se dá por rematada”. O tribunal di que “nada obrigaba á Xunta a establecer este beneficio”, algo que fixo “a instancia” do propio fiscal, e salienta a súa negativa a deixar o piso “empregando tons admonitorios cara ás autoridades administrativas que o instaban ao desaloxo”, “coas consecuencias económicas e de outra índole” que iso supuxo.
A Audiencia Nacional di compartir “plenamente” a conclusión á que chegou a sanción da Fiscalía de que Delgado “con esta conduta comprometeu a imaxe do Ministerio Fiscal na provincia de Ourense".
Por outra banda, o tribunal tamén deixa constancia de como Delgado “asumiu persoalmente o despacho das dilixencias de investigación” iniciadas pola denuncia da muller que acusaba á Xunta de acosala para que deixase a súa vivenda. Fíxóo, di a sentenza, “en lugar de absterse ao estar comprometida a súa obxectividade”, dado que a secretaria xeral do Patrimonio á que se acusaba “era a autoridade que lle requirira para que desocupara a vivenda” que el mesmo ocupaba e a quen escribira “con referencias claras sobre a súa posible incriminación por delitos de malversación e coaccións”. “A pesar de corresponder o seu despacho conforme ás normas de reparto de traballo que rexían na Fiscalía de Ourense a outra fiscal”, di o tribunal, Delgado “continuou facéndose cargo das dilixencias”. Fíxoo “malia ao claro conflito de intereses que o afectaba e dirixíndoas persoalmente no interese de manterse no uso da vivenda”.
Por todo iso, a Audiencia Nacional considera xustificadas as sancións a Delgado tanto por abusar do cargo para manterse na vivenda da que gozaba gratuitamente como por non absterse na causa aberta contra a alto cargo da Xunta que o instaba a deixar o piso.
O suposto acoso inmobiliario a unha muller do que Delgado acusaba á Xunta foi arquivado na vía penal, pero un xulgado do contencioso-administrativo vén de condenar o Goberno galego pola falta de mantemento do edificio
Tras facerse pública a comezos de 2019 a situación da vivenda do fiscal xefe, a Fiscalía abriu o procedemento sancionador que agora ratifica a Audiencia Nacional e apartou do cargo a Delgado, que en maio dese ano obtivo outra praza en Madrid. Delgado tamén sería suspendido por atrancar unha denuncia urbanística presentada en 2014 contra o ex-alcalde popular de Ourense, Manuel Cabezas, que non chegou a xuízo ata este ano. Cabezas vén de ser absolto pola Audiencia de Ourense pero a Fiscalía xa anunciou que recorrerá.
Canto ao suposto acoso inmobiliario á muller inquilina da Xunta do que Delgado acusou á secretaria xeral do Patrimonio, o caso foi arquivado pola xustiza. Non se viu responsabilidade penal, pero a Xunta si vén de ser condenada na vía contencioso-administrativa por falta de mantemento do edificio en cuestión.