A Xunta é condenada por falta de mantemento do edificio de Ourense onde fora investigada por acoso inmobiliario

Imaxe do edificio da antiga Cámara da Propiedade de Ourense orixe do preito © Xunta

A Consellería de Facenda “non deu a resposta debida e urxente” a avarías graves que inutilizaron o ascensor un ano e levaron unha nonaxenaria coa cadeira rota a mudarse a un hotel, pero o TSXG reduce a súa indemnización a 312 euros 

A comezos de 2019 a xustiza arquivou unha investigación por acoso inmobiliario a dous cargos da Consellería de Facenda que iniciara meses antes o daquela fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado. Acusábaos de manter en mal estado un edificio de titularidade da Xunta en Ourense para botar del a unha inquilina de renda antiga, unha muller que daquela tiña 93 anos. Cando esa investigación estaba aberta Praza.gal publicou que o propio fiscal viña ocupando desde unha década antes unha vivenda alugada e pagada pola Xunta da que o propietario quería botalo, feitos que supuxeron unha investigación por parte da Fiscalía do Estado, que o apartou do posto.

Aquela investigación por acoso inmobiliario contra os cargos da Xunta foi arquivada porque o xuíz constatou as deficiencias do edificio pero non considerou probado que houbese ánimo de coacción contra a inquilina. Porén, a muller reclamou á Xunta unha indemnización que derivou noutro preito na vía contencioso-administrativa que agora vén de resolver o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Os maxistrados consideran que o Goberno galego “non deu a resposta debida e urxente” a varias avarías graves que inutilizaron un ano o ascensor do edificio e levaron á muller, coa cadeira rota, a mudarse a un hotel, pero reducen a súa indemnización a 312 euros.

Imaxes de deficiencias no edificio incluídas na documentación empregada pola Xunta para encargar a súa rehabilitación © Xunta

A sentenza agora feita pública polo poder xudicial comeza desbotando varios argumentos da Xunta, que defendía a inadmisión da reclamación da muller por defectos formais, que debía ser analizada na vía civil e non na contencioso-administrativa, que os feitos prescribiran ou mesmo que había “un deber xurídico da inquilina de soportar o sucedido”. Pola contra, o tribunal considerou que si debía pronunciarse sobre a cuestión e deixa constancia do abandono que sufría o ascensor.

A investigación por acoso inmobiliario fora arquivada porque o xuíz constatou as deficiencias do edificio pero non viu probado ánimo de coacción 

A sentenza sinala que nunha revisión que se realizou ao elevador en xullo de 2017, dous anos e medio despois da anterior que se lle fixera, foron apreciados “sete defectos graves que se tiñan que corrixir nun prazo de seis meses”. Pasado ese tempo non se fixera nada e non foi ata outros catro meses despois, en maio de 2018, “cando se contrataron os traballos de reparación, o que revela a existencia da responsabilidade imputable ao departamento demandado”. 

A sentenza considera que a Xunta “non deu a resposta debida e urxente ao requirimento” realizado na inspección do ascensor, aínda que matiza o alcance desa responsabilidade e xa non ten en conta a posterior duración dos traballos de reparación, que pola súa “complexidade” duraron ata novembro de 2018, un ano e catro meses despois da detección dos sete “defectos graves”.

Sentenza do TSXG que condena á Xunta pola falta de mantemento dun edificio seu en Ourense CC-BY-SA Praza Pública

Mentres o ascensor estaba avariado a muller sufriu unha “caída fortuíta” no seu domicilio coa que rompeu a cadeira, o que a levou a mudarse a un hotel. No preito reclamaba á Xunta unha indemnización de 7.600 euros polos gastos de aloxamento e manutención e doutros 40.000 euros por danos morais.

O tribunal desvincula a situación particular da muller e di que “a indemnización debe cifrarse en razón ás cargas, molestias ou prexuízos que, en condicións normais, tería calquera veciño pola privación do ascensor por causas imputables á propietaria”

Porén, o tribunal considera “desproporcionados e excesivos” eses importes e argumenta que o accidente da muller “non ten relación ningunha coa desatención da titular do edificio [a Xunta] das súas obrigas de manter en bo estado o ascensor, de modo que non se lle pode facer cargar coas consecuencias adversas que para esa veciña lle supuña o plus de dificultade ou imposibilidade para acceder á súa vivenda”.

Por iso, argumentan os maxistrados, “a indemnización debe cifrarse en razón ás cargas, molestias ou prexuízos que, en condicións normais, tería calquera veciño pola privación do ascensor por causas imputables á propietaria”. Deste xeito, o tribunal considera “que o importe razoable e xusto que debe aboar o departamento autonómico polas molestias, cargas e prexuízos ocasionados pola súa indebida actuación ao non atender o prazo imposto polos técnicos oficiais para reparar as sete deficiencias graves advertidas (que é lóxico que haberían de interromper temporalmente o uso do ascensor), debe ascender a 312 euros” máis os xuros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.