Tras desvelar Praza.gal o detalle de falecementos en cada centro logo de 20 meses de reclamacións legais os populares acceden a entregarllos á Cámara
O 9 de agosto, tras 20 meses de reclamacións legais e recursos, Praza.gal fixo público o detalle de mortes con COVID en cada residencia de maiores de Galicia desde o comezo da pandemia ata decembro de 2020, cando chegaron as vacinas. Desvelado finalmente que DomusVi e Fundación San Rosendo foron as entidades con máis mortes e cunha relación de falecementos por número de prazas superior á media, este xoves o PP aceptou finalmente no Parlamento de Galicia que a Xunta faga ela mesma pública os datos.
Tras meses negándose a facilitar a información mesmo aos deputados e deputadas, e logo de rexeitar oficialmente varias peticións de transparencia deste e doutros medios como infoLibre, a Xunta acabou entregando a Praza.gal a información reclamada porque así llo esixiu a Valedora do Pobo, responsable da Comisión de Transparencia de Galicia. Porén, este xoves o vicevoceiro popular, Alberto Pazos, asegurou que “o Goberno galego sempre estivo do lado da transparencia” e que “a opinión pública ten dereito a coñecer estes datos”.
A proposición non de lei aprobada este xoves por unanimidade no Parlamento a instancias do PSdeG e tras negociala co PP reclama que a Xunta faga públicos os datos antes de final de ano, mentres que outra iniciativa similar do BNG que reducía o prazo a unha semana foi rexeitada polos populares. Ata agora tanto nacionalistas como socialistas xa reclamaran os mesmos datos en reiteradas ocasións, pero o PP vetou unhas iniciativas e a Xunta evitou entregar documentos solicitados a través doutros procedementos parlamentarios.
O PP di agora que “a opinión pública ten dereito” e que a Xunta “sempre” estivo ao lado da transparencia, algo que desmentiu a Valedora do Pobo
Canto ás peticións de transparencia deste diario, a primeira, formulada á Consellería de Sanidade, foi rexeitada co argumento de que tería que “reelaborar” antes os datos. Tras esa negativa este diario formulou a mesma petición á Consellería de Política Social, que discrepou de Sanidade sobre a necesidade de reelaborar os datos pero igualmente tamén ocultou o seu detalle facilitando só o número total de falecementos que xa era público.
Praza.gal recorreu daquela ante a Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia, que obrigou á Xunta a tramitar novamente a petición por considerar que “a información que se solicita é información adquirida pola Consellería de Política Social no exercicio das súas funcións, polo que debe considerarse que é información pública, tendo o interesado dereito a que se lle proporcione”.
Foi só daquela, tras a resolución da Valedora, cando a Xunta aceptou facer públicos os datos, cuxa entrega efectiva quedou condicionada a un recurso xudicial interposto por varias empresas do grupo DomusVi que o pasado maio perderon ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Malia esta cronoloxía documentada, este xoves o popular Alberto Pazos manifestou “absoluta vontade de transparencia do Goberno galego, porque a opinión pública ten dereito a coñecer estes datos, estamos convencidos de que en Galicia as cousas se fixeron mellor que na maioría das comunidades autónomas”. O popular tamén asegurou que “o Goberno galego sempre estivo do lado da transparencia ao ditar unha resolución que concedía o acceso á información sobre os falecementos nas residencias galegas”, obviando que esa resolución foi instada pola Valedora do Pobo tras varias negativas previas.
“Consideramos que a transparencia é unha obriga democrática”, sentenciou o deputado do PP malia o longo historial de obstáculos á transparencia por parte do Goberno galego dos que vén deixando constancia a Valedora do Pobo.