Foron diversas as voces, dende as máis belixerantes ata as máis contidamente críticas, que advertiron de que a primeira luz verde ambiental da Xunta ao plan de Altri e Greenalia para construíren en Palas de Rei unha fábrica de celulosa e de fibra téxtil lyocell a partir deste produto era nin máis nin menos ca iso. Isto é, o proxecto de Greenfiber avanza pola vía do Goberno galego, un dos seus promotores a través da sociedade Impulsa Galicia -fundada pola Xunta canda Abanca e outras empresas-, pero a partida non rematou.
Ulloa Viva decidiu publicar integramente o expediente de Altri, ao que tivo acceso como parte interesada, "no nome da transparencia e do dereito á información"
Neste contexto seguen a entrar en xogo múltiples elementos. Á espera do seguinte visto e prace ambiental de San Caetano -a Autorización Ambiental Integrada-, outra carta da partida foi o primeiro "non" á obtención de fondos europeos -os de descarbonización do plan de recuperación tras a COVID, que a compañía pediu sabendo que incumpre os prazos-. E outras dúas son, nos últimos días, a liberación do expediente completo para autorizar Altri por parte do colectivo Ulloa Viva e mais a dimisión da directora xeral de Patrimonio Cultural.

A publicación da amplísima información documental do expediente (máis de 7 xigabytes de documentos) foi decidida pola plataforma que agrupa as organizacións e persoas contrarias a Altri "no nome da transparencia e do dereito á información". Aseguran ter o convencemento de que "só con acceso a datos reais se pode exercer unha participación efectiva e responsable".
Neste proceso Ulloa Viva ten acreditada a condición de parte interesada no procedemento administrativo, o que lle permite acceder aos papeis que agora divulga. Con esta condición teñen previsto, asemade, litigar contra as autorizacións da fábrica, "estratexia xudicial" para a que teñen aberta unha recollida de fondos na que din precisar un mínimo de 70.000 euros dos que xa levan recadados máis de 62.000.
Dimite a directora que asinou o informe da cheminea "icónica"
Un dos informes da Xunta liberados por Ulloa Viva antes da publicación íntegra do expediente foi o da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Nel, o departamento dependente da Consellería de Cultura deu o seu visto e prace á instalación de Altri adoptando as recomendacións propostas por un consultor contratado pola compañía para avaliar o impacto do seu proxecto no Camiño de Santiago. Entre elas, virar a cheminea de 75 metros que tería a fábrica nunha "icona" arquitectónica.

Ese informe, centrado na "salvagarda dos aspectos ambientais relacionados co patrimonio cultural e de forma singular co Camiño Francés a Santiago", estaba asinado por Carmen Martínez Insua, directora xeral de Patrimonio Cultural dende hai máis de 12 anos. Tras meses no que en círculos políticos e vencellados ao patrimonio cultural soaba con forza a posibilidade dunha dimisión de Martínez Insua, ese cesamento disponse a ser efectivo.
Unha mestura de factores conflúen na dimisión de Martínez Insua como directora de Patrimonio Cultural tras doce anos no cargo despois da publicación do informe no que certifica o seu visto e prace a Altri
Como adiantou El Correo Gallego, Martínez Insua xustifica que "os cambios son necesarios" e prevé "buscar outras alternativas na vida funcionarial". Preguntada polo diario compostelán sobre o informe en torno a Altri, afirma ter a "conciencia totalmente tranquila" xa que o traballo tivo como fundamento "criterios técnicos" e, nese sentido, asegura que as críticas "dende o punto de vista do patrimonio cultural" non "teñen xustificación", senón que "máis ben se tratan de interpretacións erróneas ou malas lecturas dos informes".
Fontes consultadas por Praza.gal apuntan a unha mestura de factores en torno a esta dimisión. Algúns de tipo persoal e alleos ao cargo. Outros, de cansazo e certo fastío no exercicio da dirección de Patrimonio Cultural, sensacións que a controversia en torno ao informe sobre Altri só contribuíu a acrecentar. A remuda -formalizada este mesmo luns no Consello da Xunta- contribúe tamén, por razóns obvias, a avivar a controversia arredor da autorización do proxecto Greenfiber.