Da aldraxe por Altri ao silencio por Ence malia perderen a mesma axuda pública

Vista da vila das Pontes, onde prevé instalarse Ence, coa térmica de Endesa aínda en funcionamento e recreación da factoría de Altri en Palas divulgada pola empresa CC-BY-NC-SA Endesa | Greenfiber | Montaxe: Praza.gal

O pasado mércores, o Ministerio de Industria daba a coñecer os resultados da convocatoria da primeira repartición de fondos da liña catro do PERTE de descarbonización industrial. A lista de agraciados obviaba a planta de celulosa e fibras téxtiles que Altri —en alianza coa galega Greenalia— prevé en Palas de Rei, polo que queda sen a subvención de 30 millóns á que aspiraba. A exclusión do denominado proxecto Gama acaparou as reaccións mediáticas e políticas sobre unha resolución que tamén deixou fóra, e sen os 30 millóns, outra iniciativa que prevé asentarse en Galicia: a fábrica de biofibras que Ence impulsa nas Pontes

As críticas do PP e da Xunta á exclusión de Altri das axudas contrastan co silencio sobre a planta de Ence nas Pontes, que tamén quedou fóra

Nada que ver as reaccións. Nin dunha banda nin doutra. A exclusión de Altri destas axudas con fondos europeos foi ben recibida por BNG e PSdeG e mais polas entidades que rexeitan a súa implantación na Ulloa, mentres PP e Xunta acusaban o Goberno central de "discriminación" e de aplicar "criterios políticos" e "non técnicos". Así o expresou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, que si fixo unha breve referencia aos "dous proxectos que se querían montar en Galicia e que non son beneficiarios de fondos" para a continuación centrar a diana no caso da fábrica de Palas e no feito de que Yolanda Díaz, tras adiantar eldiario.es a nova, advertise de que o proxecto Gama quedaba sen PERTE. 

As críticas ou os parabéns pola exclusión de Altri foron continuas; as alusións á de Ence —proxecto de planta de reciclaxe téxtil, tamén en Galicia e que pedía a mesma cantidade de cartos en subvencións— escasas ou nulas. Greenfiber, sociedade impulsora da planta de Palas de Rei, reaccionaba axiña cun comunicado anunciando un recurso á súa exclusión do PERTE, mesmo antes de ter a notificación oficial. 

Directivos de Altri implicados no proxecto para Palas de Rei, nunha comparecencia en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Desde o Parlamento, na súa intervención co gallo do debate de política xeral, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, decidía "pararse nunha cuestión que leva meses centrando os debates (...): a creación dunha fábrica de fibras téxtiles sustentables en Palas de Rei". A continuación, defendía o seu "plantexamento" ("pechar o ciclo produtivo da madeira para que cada euro, desde o principio ata o final, quede en Galicia", dixo) e criticaba a "corrente política na oposición que se opón a todo". 

Rueda ou Prado insistiron no debate de política xeral en denunciar a "discriminación" con Altri ou en cargar contra a oposición á planta de Palas

Logo, en resposta á oposición, teimaba no relato do PP da aldraxe que ao seu ver sofre Galicia por culpa do Goberno central. "Non podemos tolerar discriminacións que se basean en escusas indefendibles", dixo, tras acusar o PSOE de "deixar Galicia sen financiamento" e de provocar que o país poida ser considerada "unha terra hostil" para investidores. "Irán a onde non sexa así", incidiu, nun argumento na liña dos que Altri manifesta a través do seu conselleiro delegado, José Soares, que asegurou que se a empresa non atopa apoio en España marchará a outros lugares, como o sur de Asia. Na última sesión do debate xeral, a secretaria xeral do PPdeG e vicevoceira parlamentaria, Paula Prado, dedicou a maioría da súa intervención a cargar contra a oposición á compañía lusa. 

Ningunha referencia nin defensa do proxecto de Ence, que mantivo silencio, máis aló de indicar nalgún medio que continúa "comprometida" coa biofábrica das Pontes, na que prevé un investimento de case 160 millóns de euros. 

O da súa competidora directa no sector, Altri, foi o segundo proxecto peor valorado de entre os excluídos das axudas de descarbonización e desbotado, antes de todo, por incumprir cos prazos para a súa execución, algo que a propia empresa recoñece que a facía "inelixible". Tamén suspendeu no que ten que ver co consumo de combustibles fósiles, ao non cumprir as esixencias mínimas, e no control das emisións de gases de efecto invernadoiro, recibindo un 3 de nota cando o mínimo esixido era de 7. No caso da planta de Ence, o motivo da denegación foi este último —o que ten que ver coa redución destes gases causantes do cambio climático—, ao recibir unha nota de 4 cando o limiar situábase no 7

Altri foi excluída por non cumprir cos prazos e suspender no consumo de combustibles fósiles e na redución de gases de efecto invernadoiro; Ence, por este último criterio

Pero o debate e as críticas da Xunta centráronse en Altri, unha tendencia que viría confirmar a súa aposta decidida pola multinacional portuguesa, o relativo distanciamento con Ence e as fendas internas que esta situación provoca no PPdeG e mesmo no Goberno galego, segundo fontes do sector coñecedoras do rumbo que a Administración autonómica marca respecto destes proxectos industriais. 

A implicación na iniciativa de Palas de Rei de Greenalia, coa ex-conselleira Beatriz Mato no seu consello de administración, fortaleceu o proxecto fronte a Ence. O descontento da papeleira con fábrica en Lourizán é evidente, segundo estas mesmas fontes, que sinalan algún dos seus recentes movementos como claves para entender a situación. 

Destaques da resolución do Ministerio de Industria que constata a denegación da axuda de 30 millóns a Altri e Ence CC-BY-NC-SA Praza.gal

Ademais, insisten en que Ence —empresa historicamente con fonda vinculación co PP e coa Xunta— hai tempo que fai saber ese descontento tanto en Compostela como en Madrid. Que poucos días despois da aprobación da Declaración de Impacto Ambiental favorable para o proxecto de Altri, Ence saíse a presumir do "avance firme" da súa planta de reciclaxe nas Pontes non é casual, din. Tampouco que se gabase de ser "pioneira en economía circular, produción de enerxía renovable e captura de CO₂" cun proxecto, este si, centrado no téxtil. 

Fontes do sector advirten do malestar de Ence coa Xunta e lembran como presumiu do seu "avance firme" nas Pontes tras a DIA favorable a Altri

Na pasada primavera, fora Altri quen defendera que a tecnoloxía da súa planta será a máis limpa do sector. Sen citar expresamente a Ence, advertía de que a fábrica de Palas será menos contaminante que a celulosa que a súa competidora ten en Pontevedra, cuestión que negan e á que dan a volta por completo os movementos sociais e ecoloxistas contrarios á iniciativa prevista na comarca da Ulloa. 

Outras fontes, neste caso do ámbito político, amósanse convencidas de que os motivos da férrea defensa que a Xunta fai do proxecto de Altri sitúanse no pacto que o Goberno galego asinou coa empresa, e que queda á marxe mesmo da lei de transparencia polo seu carácter "privado"

Nesta defensa da planta de Palas de Rei non aparece Inditex, lembran todas as fontes, que mantén silencio e nada di sobre o proxecto de Altri malia ser sinalada como posible futuro provedor do lyocell que produza a planta e mesmo como impulsor desta. José María Castellano, ex-vicepresidente da multinacional da moda, é agora presidente de Greenalia, socio da papeleira portuguesa en Palas. Todo, insisten, está relacionado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.