Altri queda fóra das axudas á descarbonización que solicitou para instalarse en Galicia. O polémico proxecto industrial previsto en Palas de Rei non foi incluído polo Goberno de España na lista de beneficiarios de fondos europeos asociados ao PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) neste ámbito, no que era o seu primeiro intento para acadar achegas comunitarias.
Altri non foi incluído na lista do Goberno de España de beneficiarios do PERTE de descarbonización, polo que aspiraba a 30 millóns de euros en axudas públicas
Así o adiantou este pasado martes eldiario.es e confirmou logo a vicepresidenta e ministra de Traballo do Goberno de España, Yolanda Díaz: "Non imos apoiar ningún proxecto que poña en risco a poboación, a natureza, o noso ecosistema, a propia vida".
"Sempre dixemos alto e claro: Altri Non! E hoxe dicímolo tamén desde o Goberno, como levamos defendendo desde un inicio", insistiu a ministra galega. A pasteira lusa non obterá así ningún dos 30 millóns solicitados nesta liña de axudas, que son só unha parte das súas reclamacións de axudas públicas. Outros 200 millóns, aproximadamente, son os que solicita a compañía, ata alcanzar o 25% de achegas das administracións que defende como inescusables para levar a cabo un investimento que rolda os 1.000 millóns.
Poucas horas despois de coñecerse a noticia, e malia recoñecer que "non recibiu aínda comunicación oficial", a empresa emitiu un comunicado no que anuncia que "recorrerá" a resolución. Farao di, confiando en que o Goberno central "poida alcanzar un acordo coa Comisión Europea para a ampliación do prazo de execución e se tomen en consideración as alegacións da compañía".
Altri aclara que non recibiu comunicación oficial e que non era elixible nestas axudas por razóns de prazo " a non ser que o Goberno español conseguise acordar coa UE unha prórroga"
Porque Greenfiber —sociedade impulsora, con Altri como accionista maioritario (75% do capital) e a galega Greenalia co outro 25%— aclara que entrou nesta convocatoria do PERTE de descarbonización asumindo que estaba destinada a proxectos que se deberían ter completado antes do 31 de marzo de 2026, polo que "non podería ser elixible por razóns de prazo a excepción de que, tal e como se trasladou á empresa, o Goberno español conseguise acordar coa Comisión Europea unha prórroga". Xa que logo, asegura que non tiña opcións de acceder a este paquete de axudas a non ser que o Executivo central solicitase alongar os prazos e pídelle que o faga.
"Había máis proxectos que se atopaban na mesma situación de incumprimento do prazo de execución; a día de hoxe non nos consta que a Comisión Europea aprobase esa prórroga", di a empresa, que asegura que a decisión de continuar co proxecto "nunca estivo supeditada á inclusión deste no PERTE de descarbonización". "É unha máis das vías que está explorando para artellar a estrutura financeira do proxecto e reducir o risco de investimento inicial —que supera os 1.000 millóns de euros— asociado ao uso de novas tecnoloxías e a un elevado nivel de innovación, non para sufragar os custos operacionais do proxecto". "A non obtención desta axuda non altera a folla de ruta prevista", advirte.
A empresa anuncia que recorrerá a súa exclusión das axudas pero pide ao Estado que acorde coa Comisión Europea a ampliación dos prazos de execución para poder cobralas
Así, Greenfiber aclara que "o proxecto segue o seu curso", avanzando "nos próximos trámites como a Autorización Ambiental Integrada (tras ter obtido a Declaración de Impacto Ambiental a mediados de marzo), así como a identificación doutros instrumentos de financiamento público xa utilizados anteriormente polo Goberno de España para outros proxectos industriais". Segundo a empresa, esoutros e o seu "destacan polo seu enfoque específico en proxectos con alto impacto de descarbonización e innovación tecnolóxica".
Ademais, Altri aclara que o seu proxecto "contribúe" á descarbonización por "reducir as emisións de CO2 nun 91% en comparación coa produción convencional de pulpa e lyocell en plantas non integradas e repartidas polo mundo". "O feito de que a materia prima que se prevé utilizar no proceso é madeira producida en proximidade, que ata agora se exportaba fóra de Galicia sen procesar, significa que os traxectos que realizarán os camións de madeira veranse considerablemente reducidos, emitindo, por conseguinte, unha cantidade inferior de CO2 á atmosfera".
A conselleira Lorenzana asegura que é Yolanda Díaz quen ten "a capacidade de decisión" sobre as axudas e acusa o Goberno central de aplicar "criterios políticos" e non técnicos
Coñecida a exclusión do proxecto do PERTE de descarbonización, as reaccións políticas non tardaron en chegar. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, foi moi dura tras advertir do "descoñecemento" que a Xunta ten da resolución da concesión de axudas, "datos anunciados nun perfil de redes sociais pola líder dunha facción do Goberno central", en referencia a Yolanda Díaz.
A vicepresidenta do Goberno central foi a diana da maioría das críticas de Lorenzana, atribuíndolle mesmo "a capacidade de decisión" sobre a inclusión ou non de Altri e Ence entre os PERTE. Para a conselleira, a exclusión demostraría que estas axudas "non se distribúen con criterios técnicos senón políticos".
"Galicia está sendo claramente discriminada nos fondos e mesmo nos criterios para considerar avaliable ou non un proxecto", insistiu Lorenzana, que asegura que outras iniciativas "teñen sido beneficiadas sen nin sequera ter iniciado unha avaliación ambiental". "Pero para os proxectos galegos si se lles esixe", dixo, teimando en que "o único criterio" é o "político dunha líder dunha parte, dunha facción do Goberno central". "O señor Besteiro leva tempo dicindo que se vai resolver con criterios técnicos pero parece que quen o resolve é Yolanda Díaz", engadiu, animando a "preguntar" á vicepresidenta do Goberno central polo "resultado" dos PERTE.
Besteiro (PSdeG) cre que a exclusión de Altri do PERTE "é unha boa noticia para Galicia" e pide a Rueda que "reconsidere" a súa posición
Desde o Parlamento, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cre que é "unha boa noticia para Galicia" e destacou que sempre tivo "a convicción" de que a iniciativa de Altri "non era merecedora desas axudas".
"Entendía e entendo que non era posible que descarbonizase", dixo sobre unha resolución do Ministerio de Industria que "non é algo discrecional". "Hai unha comisión de valoración técnica e uns informes técnicos que apoian esa decisión", dixo, pedindo, en alusión ás continuas palabras de Alfonso Rueda, "o mesmo respecto aos técnicos que fan esta valoración que o que se pide para os da comunidade autónoma".
Ademais, Besteiro cre que o proxecto, que definiu con énfase como "macrocelulosa", tampouco vai ser "merecedor das axudas extraordinarias" da UE porque "non é un proxecto extraordinario medioambientalmente, en innovación industrial ou na súa planificación e desenvolvemento". Así, convidou a Xunta e o presidente Rueda a "reconsiderar" a súa posición ante unha iniciativa "que non se amolda aos novos tempos e parámetros de transición".

Pontón (BNG) pide a PP e Goberno central que "digan con total claridade que non se vai financiar o proxecto de Altri"
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, celebrou a nova pero lembrou que este PERTE é "só unha parte das axudas" ás que aspira Altri. "Seguimos insistindo en que non pode recibir nin un só euro público por contaminar o noso país", dixo para logo reclamar "ao PP e ao Goberno central" que digan "con total claridade que non se vai financiar este proxecto".
Ademais, a líder nacionalista propuxo que os 250 millóns que Altri reclama en axudas públicas "se invistan en recuperar o río Ulla, sanear a ría de Arousa e apoiar o noso tecido produtivo". "Iso si que é un proxecto tractor e unha iniciativa", dixo, que pode crear "milleiros de postos de traballo" en Galicia.
O proxecto de Altri está a recibir unha forte contestación social en Galicia, sobre todo desde que o pasado 14 de marzo a Xunta aprobase a declaración ambiental da iniciativa ao vela "ambientalmente viable". Esta Declaración de Impacto Ambiental (DIA) dará paso a unha Autorización Ambiental Integrada (AAI), que pode ser recorrida. Porén, fronte a este visto e prace da Consellaría de Medio Ambiente, son moitas as alertas lanzadas nos últimos meses por entidades e voces expertas, que chaman a atención sobre os posibles prexuízos que a actividade da planta pode ter na comarca na que se prevé instalar e no conxunto do país.
Estas ameazas son de todo tipo e refírense particularmente ao modelo forestal (atendendo a un posible fomento da plantación de eucaliptos ou á importación da súa madeira) e tamén á afección que a planta pode ter para as augas do río Ulla e da ría de Arousa. Igualmente, alértase sobre o prexuízo ao resto de actividades económicas das comarcas afectadas, por exemplo para as explotacións agrogandeiras e as produtoras de alimentos e tamén para o turismo, tan importante nuns concellos atravesados polo Camiño de Santiago. E, finalmente, hai dúbidas sobre o efecto sobre o medio ambiente e a saúde humana.
Altri en cifras
En cifras, o proxecto de Altri en Palas tamén é impoñente: a factoría ocupará unha superficie de 112 hectáreas, tres veces a zona vella de Lugo; prevé captar 46 millóns de litros de auga ao día, tanta auga como a que consome Ence, e utilizar 1,2 millóns de toneladas de madeira de eucalipto ao ano, un 22% de todo o que se corta en Galicia.

Ademais, a empresa promotora da planta de Palas prevé a creación de 2.500 postos de traballo, 500 empregos directos e 2.000 indirectos, pero o Consello da Cultura Galega rebaixara as previsións a 281 empregos directos, 62 empregos indirectos nas comarcas próximas e outros 201 indirectos no resto de Galicia.
O proxecto é unha aposta decidida de Altri a través de Greenfiber, sociedade constituída en agosto de 2022 coa empresa lusa como accionista maioritario (75% do capital) e a galega Greenalia co outro 25%. Segundo especifica a empresa, a capacidade máxima de produción na factoría de Palas a partir de madeira de eucalipto é de 400.000 toneladas métricas anuais de celulosa soluble, pasta secada ao aire materia prima para diversas fibras téxtiles, así como 200.000 toneladas ao ano de lyocell, tecido artificial e ecolóxico fabricado a partir desa pasta de madeira. Nunha primeira fase, a produción sería de 250.000 toneladas anuais de celulosa e 60.000 de lyocell.