A Comisión Europea di que "non é posible comprobar o cumprimento" da normativa europea mentres o proxecto non estea autorizado
A Comisión Europea "seguirá supervisando" o proxecto de Altri en Palas de Rei que vén de recibir a declaración de impacto ambiental favorable por parte da Xunta pero que aínda está pendente de obter a súa autorización ambiental integrada, un seguinte paso no que se lle fixarán parámetros concretos a cumprir. Un proceso aínda en curso polo que o Executivo comunitario vén de sinalar, en resposta do pasado venres á eurodeputada do BNG Ana Miranda, que "aínda non é posible comprobar o cumprimento das disposicións do Dereito da Unión aplicables" ao proxecto industrial.
A pregunta parlamentaria de Miranda á Comisión Europea foi formulada o 19 de febreiro, despois de que se revelase un informe de Augas de Galicia favorable ao proxecto, ao que a asociación ecoloxista Adega replicou sinalando supostas eivas na tramitación da concesión de augas que require a factoría. Ante esa situación, Miranda volvía preguntar á Comisión pola súa posición, que chega agora asinada pola comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall.
A comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall, lembra á eurodeputada do BNG Ana Miranda que a UE "podería decidir adoptar as medidas oportunas"
A súa resposta ten data do pasado venres 4 de abril, tres semanas despois de que a Xunta fixese pública a declaración de impacto ambiental favorable a Altri, asinada o 4 de marzo e coñecida o día 15, pero aínda coa autorización ambiental integrada pendente de concretar os parámetros concretos que ten que cumprir a instalación. Neste contexto a comisaria europea di que "aínda non é posible comprobar o cumprimento das disposicións do Dereito da Unión aplicables" ao proxecto.

Roswall engade que "a Comisión espera que as autoridades rexionais responsables leven a cabo unha sólida avaliación de impacto ambiental, tendo en conta todos os obxectivos medioambientais pertinentes e, en caso necesario, con medidas de mitigación idóneas para garantir que o proxecto cumpra a lexislación aplicable, e en particular as Directivas de protección da natureza e a Directiva marco da auga". Nese eido concreto, nunha anterior resposta a Comisión xa puxera o foco nas augas que quere captar Altri, lembrando que a Xunta ten pendentes melloras ambientais no Ulla.
A comisaria europea lembra que "os prazos e outros aspectos do procedemento réxense pola lexislación española e a Comisión non pode intervir a este respecto". Porén, lembra que "na súa calidade gardiá dos Tratados, a Comisión seguirá supervisando a situación e podería decidir adoptar as medidas oportunas".