Altri, unha encrucillada europea

  • Editorial
Terreos onde prevé instalarse Altri, en Palas de Rei CC-BY-NC-SA Praza.gal

Tras o anuncio no Diario Oficial de Galicia da Declaración de Impacto Ambiental favorable ao proxecto industrial estratéxico da industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas, máis coñecido como Altri, as mobilizacións sociais contrarias a este megaproxecto están cobrando nova intensidade. 

Alén das dúbidas lexítimas que pairan sobre a calidade técnica desta DIA, o característico de Altri é que o xuízo ambiental da Xunta non vai ser exclusivo, senón concorrente. A súa palabra sobre a viabilidade ambiental non vai ser a única nin a máis importante

Non imos reiterar os motivos que xustifican a lexitimidade destas mobilizacións, porque neste momento o máis importante é situar correctamente o escenario no que os actores políticos e sociais terán que desenvolver as súas tácticas de oposición e defensa do megaproxecto nos vindeiros meses. 

Ese escenario sobarda as marxes territoriais do noso país. Pola súa propia natureza de proxecto industrial de enclave -así admitido pola propia Altri-, destinado a consumir recursos naturais nun territorio moi sensible, coa finalidade de producir a grande escala fibra téxtil a partir da pasta de celulosa, Altri suscita sólidas dúbidas de sustentabilidade ambiental nun momento en que a crise climática e de biodiversidade foi situada nun lugar preeminente da axenda política da Unión Europea. Unha defensa dunha auténtica transición ecolóxica do modelo noso produtivo.

Fragmento da declaración de impacto ambiental da Xunta para a fábrica de Altri CC-BY-NC-SA Praza.gal

Como xa era de agardar, dado o seu constante apoio político desde o inicio e a súa promoción a través de Impulsa Galicia, a sociedade promovida pola Xunta canda Abanca, o Goberno galego vén de concluír que o proxecto é ambientalmente viable, con apenas unha serie de medidas correctoras e un programa de vixilancia. A DIA non é asinada por ningún técnico facultativo, senón por unha directora xeral e un subdirector de designación política directa polo goberno autonómico. 

Alén das dúbidas lexítimas que pairan sobre a calidade técnica desta DIA, o característico de Altri é que o xuízo ambiental da Xunta non vai ser exclusivo, senón concorrente. A palabra da Xunta sobre a súa viabilidade ambiental non vai ser a única, nin a máis importante.

O feito de a empresa promotora concorrer aos fondos NGEU do PERTE de descarbonización industrial como un elemento decisivo da súa viabilidade económica, eleva o xuízo sobre a sustentabilidade ambiental a un plano estatal e, en último extremo, a un plano europeo, pois “no deseño e execución das actuacións subvencionadas, as entidades beneficiarias garantirán o respecto ao principio de «non causar un prexuízo significativo» (en diante, nas súas siglas en inglés, DNSH), conforme ao previsto no PRTR, no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febrero de 2021, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular na Guía Técnica da Comisión Europea sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, e segundo o requirido na CID.”

Os intentos de minimizar os danos xudiciais sobre a DIA non poderán evitar a escalada do conxunto do proxecto de Altri a un plano europeo, alén mesmo do Goberno de España

Esta circunstancia afecta amplamente á solidez da DIA realizada. Probablemente, estes días as plataformas máis activas estean xa avaliando a posible impugnación contencioso-administrativa directa da DIA, desde o momento en que a xurisprudencia nesta materia considera que, aínda sendo un informe en principio non impugnable, como acto de trámite do procedemento substantivo, pode gozar de impugnabilidade autónoma cando a súa tramitación careza de elementos esenciais ou presente graves irregularidades. Cómpre lembrar que, no caso da autorización dos proxectos eólicos, a ausencia dunha información pública completa sobre o proxecto e os informes sectoriais foi unha das razóns que levaron ao noso Tribunal Superior de Xustiza a elevar unha cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, aínda pendente de sentenza. 

Recreación da planta de Altri divulgada pola empresa e fragmento da DIA da Xunta CC-BY-NC-SA Praza.gal

O escenario de impugnación xudicial da DIA é, pois, probable; o propio PPdeG preparou minuciosamente este escenario, introducindo na disposición adicional novena do Decreto 49/2024, do 22 de abril, de estrutura orgánica das consellarías da Xunta de Galicia un sutil cambio do órgano competente en avaliación ambiental, que leva as impugnacións contenciosas destas avaliacións á sección segunda da Sala 3ª do TSXG, co inconfesado efecto de subtraer o coñecemento da avaliación ambiental da sección terceira, de impecable traxectoria ambientalista. 

Esta forma sofisticada de negacionismo climático virou en proba do algodón da coherencia ambiental das grandes políticas de desenvolvemento verde da UE. De aí que non caiba ver na mobilización social contra Altri apenas unha mobilización contra o PP: o seu fundamento e finalidade deben lerse nesa clave europea

Mesmo así, estes intentos de minimizar os danos xudiciais sobre a DIA non poderán evitar a escalada do conxunto do proxecto de Altri a un plano europeo, alén mesmo do Goberno de España. Terán que ser os órganos xudiciais e de goberno da Unión Europea os que xulguen se, realmente, os procedementos administrativos e as consecuencias ambientais deste megaproxecto industrial cumpren as regras de sustentabilidade que caracterizan o Pacto Verde Europeo. 

O proxecto Altri, no corazón do Far West da vella Europa, non é senón a continuidade da política desenvolvimentista tradicional dos últimos setenta anos baixo o manto presuntamente verde das habituais “medidas correctoras”.  Esta forma sofisticada de negacionismo climático virou así a “proba do algodón” da coherencia ambiental das grandes políticas de desenvolvemento verde que impulsa a UE e nomeadamente a Comisión Europea, coa ex-ministra Teresa Ribera ao cargo desta relevantísima área. De aí que non caiba ver na mobilización social contra Altri apenas unha mobilización contra o Partido Popular: o fundamento e a finalidade da mobilización debe lerse nesa clave europea, como unha defensa dunha auténtica transición ecolóxica do noso modelo produtivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.