De "fibras téxtiles" a "produción de celulosa": o ministro de Industria advirte dunha viraxe en Altri

Jordi Hereu, ministro de Industria, respondendo ao BNG sobre Altri, este 19 de marzo de 2025 no Congreso © Congreso

O ministro de Industria, Jordi Hereu, advertiu este mércores no Congreso que o proxecto actual co que Altri prevé instalarse en Palas de Rei dista moito do presentado inicialmente e que o aval ambiental que lle concedeu a Xunta a pasada semana é "independente do proceso de concesión de axudas". 

Así respondeu Hereu a unha pregunta en sesión plenaria do deputado do BNG, Néstor Rego, que inquiriu ao ministro se o Goberno de España estaba "en disposición de denegar" os 250 millóns de diñeiro público cos que Altri pretende financiarse a través do PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) de descarbonización vinculados aos fondos Next Generation da UE. 

Resposta do ministro de Industria, Jordi Hereu, a Néstor Rego (BNG) sobre as posibles axudas a Altri, este 19 de marzo no Congreso CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Congreso

Rego advirte que a "maioría social galega non perdoaría nunca ao PSOE que o seu goberno traizoase os intereses de Galiza"

Hereu aclarou que o proxecto de Greenfiber está "en fase de avaliación" na comsión técnico e que será analizado "como calquera outro" e tendo en conta "o cumprimento das normativas española e europea". "Cos mesmos criterios de tipo técnico e ambiental e de conformidade coa normativa", insistiu ante as preguntas de Rego, que alertou dunha "bomba ambiental no corazón da Galiza", con graves afectacións medioambientais, económicas e "a perda de centos de postos de traballo", ademais do "rexeitamento maioritario da sociedade galega". 

"A sociedade galega espera e exixe posicións claras", retrucou Rego, que asegurou que "a maioría social galega" que xa se manifestou "masivamente" en dúas ocasións contra Altri "non perdoaría nunca ao PSOE que o seu goberno traizoase os intereses de Galiza". Ademais, insistiu en que o financiamento público da planta de Greenfiber é "unha liña vermella" que "afectaría as relacións futuras" do BNG co Executivo central. 

Hereu sinala "diferenzas importantes" entre o actual proxecto de Altri e o inicial: "Era de fibras téxtiles e agora a maior parte de produción que se prevé é de celulosa", advirte

Foi daquela cando Hereu, aínda que insistiu en que o Goberno central analizaría o proxecto de Altri "con todo o rigor técnico", deitou algunha dúbida sobre a iniciativa industrial, principalmente polas "diferenzas importantes" que hai entre o plan presentado inicialmente e o que vén de recibir unha Declaración de Impacto Ambiental /DIAI) favorable por parte da Xunta. 

"A planta de Altri presentouse no seu momento como un proxecto de fibras téxtiles sostibles e, desde entón e a medida que se foron coñecendo detalles, constatáronse diferenzas importantes respecto ao que se presentou inicialmente", dixo Hereu. "Empezando porque a maior parte de produción que se prevé é de celulosa", insistiu. 

Néstor Rego, deputado do BNG, preguntando ao ministro de Industria sobre Altri, este 19 de marzo de 2025 no Congreso © Congreso

O ministro deixa "claro" que o aval ambiental da Xunta "é independente do proceso de concesión de axudas" e advirte dunha contorna "con altos valores e recursos naturais, fluviais e paisaxísticos"

Ademais, e respecto da DIA publicada pola Xunta a pasada semana, advertiu que hai que "ter claro" que "é independente do proceso de concesión de axudas", en resposta tamén ás declaracións de diferentes responsables da Xunta que, con este primeiro aval ambiental confirmado, botaron a pelota no tellado do Goberno central para proporcionarlle financiamento público e conexión eléctrica. 

"É unha DIA moi condicionada", advertiu Hereu, que sinalou tamén que o documento deixa claro que o proxecto de Altri "móvese nunha contorna con altos valores e recursos naturais, fluviais e paisaxísticos". "Todo isto é o que temos que ter en conta", rematou, tras agradecer que Rego lle fixese unha "pregunta concreta" e non tirase de "insultos", en referencia ás anteriores intervencións de deputados do PP e Vox en cuestións ao Executivo central. 

A conselleira Vázquez cre "sorprendentes" as palabras de Hereu e Lorenzana acúsao de "ter medo de Yolanda Díaz, de Sumar e do BNG"

Tras as palabras de Hereu, a resposta por parte da Xunta non tardou en chegar. Pouco despois da súa intervención no Congreso, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, cualificou de "sorprendentes" as palabras do ministro. "Parece escusa tras escusa e xa non hai escusa; ninguén ten que ter ningún temor en relación a como pode afectar a instalación dunha empresa determinada no territorio", dixo. 

"Que o ministro diga que a DIA é condicionada só se debe a dúas opcións: que non se entera de nada ou que non se quere enterar", dixo respecto a unha cualificación idéntica á utilizada polo presidente da Xunta a pasada semana. "É condicionada porque a Xunta foi máis aló da lei", engadiu Vázquez. 

Lorenzana, conselleira de Economía e Industria, e Vázquez, conselleira de Medio Ambiente CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cargou tamén contra Hereu, ao que acusou de "ter medo de Yolanda Díaz, de Sumar, de moitos partidos" e tamén "do BNG", ao igual que "Besteiro ten medo de Ana Pónton", asegurou. De aí, argumentou, a súa resposta no Congreso ás preguntas de Néstor Rego. 

"O proxecto non mudou; sería bo que dixese en que cambiou; sabe de sobre, e intimamente, que non mudou", insistiu Lorenzana, que considera que a resposta "cómoda" do ministro de Industria debeuse "ao verse absolutamente sometido ás preguntas do BNG". 

"A pregunta é se Hereu tería a mesma ambigüidade respecto dun proxecto vasco ou catalán", manifestou Lorenzana, que dixo que lle chamaba "a atención que unha ministra galega —por Yolanda Díaz— reme en contra do desenvolvemento industrial de Galicia". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.