O pasado 3 de marzo, dous días antes de que a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta, María José Echevarría, e o subdirector xeral de Avaliación Ambiental, Alejandro Carrera, asinasen a declaración de impacto ambiental que avala a instalación de Altri en Palas de Rei, o Goberno galego solicitaba formalmente a través do DOG que máis de 800 persoas que alegaran contra o proxecto acreditaran a súa condición de "parte interesada nel. Este 18 de marzo divulga un anuncio do día 14, xornada en que fixo pública esa primeira luz verde ambiental, para realizar a mesma petición sobre outro cento de persoas.

Esta reclamación do Goberno galego baséase na lei procedemento administrativo común das administracións públicas, evidencia. Indica que este cento de persoas tamén pediron seren recoñecidas como "parte interesada" no proceso de autorización da fábrica promovida por Altri e Greenalia da man de Impulsa Galicia -a sociedade promovida pola Xunta e Abanca-. Esa condición obriga a Administración a mantelas informadas sobre cada trámite, pero "nalgúns dos casos ou ben non se indicou adecuadamente o lugar de notificación, ou ben non foi posible efectuala".
Como no anterior chamamento a máis de 800 persoas, o Goberno galego reclama a outro cento de asinantes de alegacións que "non indicaron adecuadamente o lugar de notificación ou non foi posible efectuala" certificaren que cumpren os requisitos para recibir información de cada paso do expediente de autorización da factoría
Neste contexto, a Xunta reitera que a lei dá a consideración de "interesados nun procedemento administrativo" ás persoas que "o promovan como titulares de dereitos ou intereses lexítimos individuais ou colectivos" ou que sexan alleos ao proceso en si, pero "teñan dereitos que poidan resultar afectados pola decisión que se adopte". Asemade, este é un dereito de "asociacións e organizacións representativas de intereses económicos e sociais" como "titulares de intereses lexítimos colectivos", entre outros supostos.
Así, baseándose nesa lexislación, o Executivo reclama a este cento de persoas que, "no prazo máximo de 10 días hábiles", acrediten estes requisitos. En caso contrario, "teranse por desistidos da súa petición" de seren consideradas parte interesada no expediente de Altri.

Como informou Praza.gal, este chamamentos teñen como principais destinatarias as persoas asinantes de alegacións xenéricas promovidas por entidades ecoloxistas, veciñais ou políticas e, en xeral, por organizacións contrarias á instalación de Altri na Ulloa. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aferrouse a ese tipo de alegacións para relativizar que o total superasen as 25.000 xa que, dixo, "a maioría son copias".