O Goberno galego tenta comunicarse así con xente que asinou alegacións xenéricas contra a planta solicitando ademais esa consideración persoal pero non facilitou enderezo
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns un anuncio co que solicita a 820 persoas que alegaron contra o proxecto de Altri en Palas de Rei que acrediten a súa condición de "parte interesada", figura que obriga á Administración a mantelas informadas dos seguintes pasos da súa tramitación. O Goberno galego tenta comunicarse así con xente que asinou alegacións xenéricas -segundo Rueda, a maioría das 25.000 recibidas- pero non facilitou enderezo de contacto.
Ante un proxecto como o de Altri a cidadanía pode simplemente formular alegacións, que a Administración terá ou non en conta, ou facelo e solicitar ademais ser considerado "parte interesada". Neses casos, con independencia de que a Administración atenda ou non as súas alegacións, tería a obriga de mantelos informados dos posteriores pasos administrativos do proxecto. Iso foi o que pediu moita xente que asinou alegacións xenéricas contra Altri, facilitadas por entidades sociais ou grupos ecoloxistas que incluían na súa formulación a solicitude de "parte interesada".
Pero para ser considerado "parte interesada" o solicitante ten que cumprir uns requisitos fixados por lei: ser "titulares de dereitos ou intereses lexítimos individuais ou colectivos", ter "dereitos que poidan resultar afectados" pola decisión que se adopte, ou ter "intereses lexítimos, individuais ou colectivos", que "poidan resultar afectados pola resolución e comparezan no procedemento en canto no se ditase resolución definitiva".
A Xunta quere agora contactar a través do DOG coas persoas que asinaron alegacións xenéricas –ou individuais- sen indicarlle os seus enderezos para que acrediten esa condición de "parte interesada". Quen así o queira xustificar ten un prazo de 10 días hábiles para facelo.