As comarcas da Ulloa, Arzúa, Terra de Melide e Deza conforman unha "área rural cun tecido económico diversificado e un significativo dinamismo"
A factoría de Altri prevé instalarse nun extenso predio situado no concello de Palas de Rei, lindeiro cos termos municipais de Melide, Santiso, Agolada e Antas de Ulla. Porén, dada a dimensión do proxecto e o seu tipo de actividade, baseada na explotación de enormes masas de madeira de eucalipto e de inxentes cantidades de auga do río Ulla, os seus efectos sobre a economía da zona van moito máis aló. A planta de Altri, se finalmente vai adiante, vai ter efectos moi importantes sobre catro comarcas -A Ulloa, Arzúa, Terra de Melide e Deza-, ademais de impactar sobre a cadea forestal-madeira no conxunto de Galicia.
Que consecuencias pode ter a actividade de Altri para estas catro comarcas? Nun dos traballos que se incluíron no informe publicado polo Consello da Cultura Galega, os profesores e investigadores Edelmiro López Iglesias, Ana Isabel García Arias, Fernando de la Torre e David Peón debullaron algunhas dimensións económicas do proxecto, atendendo aos seus impactos positivos (realizaron un cálculo sobre os postos de emprego que crearía) e negativos, especialmente os efectos prexuduciais sobre as actividades económicas actualmente existentes na contorna.
O estudo socioeconómico realizado polo proxecto Gama "aprecia ese relativo dinamismo demográfico e económico e afirma que este é positivo para a instalación da empresa". Non obstante, apunta o estudo do CCG, "iso debería levar a prestar maior atención aos posibles impactos negativos sobre outras actividades económicas no territorio"
As comarcas da Ulloa, Arzúa, Terra de Melide e Deza, no centro xeográfico de Galicia, constitúen unha "área rural cun tecido económico diversificado e un significativo dinamismo", segundo destacan os autores do informe, que as caracterizan como un espazo rural activo na clasificación realizada por Emilio Díaz Varela e outros autores no ano 2018, en oposición ás comarcas cualificadas de rural abandonado. Estas comarcas rurais activas caracterízanse pola "especialización agrogandeira sobre todo no bovino, con produtividades medias e altas" e por "unha porcentaxe relativamente alta do territorio dedicada a cultivos e pastos, que coexiste en moitos casos cunha expansión tamén das plantacións forestais".
De feito, como se destaca no informe, o estudo socioeconómico realizado polo proxecto Gama "aprecia ese relativo dinamismo demográfico e económico e afirma que este é positivo para a instalación da empresa". Non obstante, apunta o estudo do CCG, "iso debería levar a prestar maior atención aos posibles impactos negativos sobre outras actividades económicas no territorio".
Nas catro comarcas viven unhas 76 mil persoas e a pesar do seu carácter marcadamente rural presentan nos últimos anos unha estabilidade na súa poboación. Presenta igualmente un saldo migratorio moi positivo, con gran capacidade de atraer persoas doutros territorios
Nas catro comarcas viven unhas 76 mil persoas e a pesar do seu carácter marcadamente rural presentan nos últimos anos unha estabilidade na súa poboación, cun leve descenso (-1,3% dende 2019) inferior ao do conxunto dos concellos rurais do país (-1,7% para os concellos caracterizados polo IGE como Zonas Pouco Poboadas -ZPP- e -3,4 para os concellos clasificados como ZPP baixa). Dos 17 concellos destas catro comarcas 15 aparecen cualificados como ZPP (todo agás Lalín e Melide) e 13 como ZPP baixa.
Son, ademais, comarcas que nos últimos anos están a atraer poboación doutros territorios, un saldo migratorio positivo que compensa o seu negativo saldo vexetativo, común á maior parte do país. No ano 2022 -último con datos detallados- as catro comarcas tiveron un saldo migratorio positivo de 889 persoas, baseado sobre todo nun saldo externo -co resto do Estado e co estrnaxeiro- moi favorable (+836) pero tamén nun saldo migratorio interno -co resto de Galicia- de carácter positivo (+53). O saldo, ademais, é positivo en case todos os concellos, o que amosa unha gran capacidade de atraer pesoas doutros territorios e de fixar poboación.
Estas comarcas teñen dúas potencias económicas fundamentais: un sector agrogandeiro e alimentario moi desenvolvido e modernizado, con empresas innovadoras que venden os seus produtos en toda Galicia e que tamén os exportan ao exterior; e tamén un sector turístico moi importante
Estas comarcas teñen dúas potencias económicas fundamentais: un sector agrogandeiro e alimentario moi desenvolvido e modernizado, con empresas innovadoras que venden os seus produtos en toda Galicia e que tamén os exportan ao exterior, comezando polos queixos e outros derivados lácteos da denominación de orixe protexida (DOP) de Arzúa-Ulloa; e tamén un sector turístico moi importante e en crecemento, baseado no turismo de natureza e rural e no Camiño de Santiago. Son comarcas, ademais, cunha taxa de paro, entre o 7,2% e o 8,6%, por debaixo da media galega (10,5%).
O sector agrario achega máis do 21% do emprego na comarca da Ulloa e tamén unha proporción moi notable do valor engadido bruto nesta comarca (28,3%), o mesmo que na de Arzúa (28,5%) e tamén nas de Terra de Melide e Deza (por riba do 20%), fronte a unha media galega do 5,1%. A produción gandeira suma o 22,3 % das empresas totais desta zona, ás que hai que sumar outras empresas da industria alimentaria.
Son comarcas, ademais, cunha taxa de paro, entre o 7,2% e o 8,6%, por debaixo da media galega (10,5%)
Por este motivo, no informe de Edelmiro López Iglesias, Ana Isabel García Arias, Fernando de la Torre e David Peón explóranse os potenciais impactos negativos da factoría de Altri sobre estes sectores, "que poden darse principalmente por dúas vías: a competencia nos usos do solo para as explotacións gandeiras e os efectos na imaxe dos produtos alimentarios da zona, coa conseguinte repercusión na demanda".
A dificultade para atopar terras de cultivo ou de pastos para a actividade gandeira é un problema que afecta a todo o país e no que a competencia da actividade forestal é un factor salientable. Porén, ata agora, nas catro comarcas analizadas a extensión da superficie agraria utilizada (SAU) segue a ser importante e o espazo dedicado a cultivos e pastos abrangue o 35% do territorio, moi por riba da media galega (20,2%). Ademais, mantense estable nas últimas décadas, en contraste co descenso no conxunto do país.
As explotacións agrogandeiras destas comarcas poden verse afectadas tamén pola competencia dos usos forestais do solo, que reducirán a superficie dispoñible para cultivos e pastos
Porén, indica o informe, "as explotacións gandeiras destas comarcas vense afectadas tamén pola limitación que supón a súa reducida base territorial e as dificultades para ampliala, debidas en parte á competencia dos usos forestais do solo". Neste contexto, alértase, parece "difícil e pouco realista" pensar que "o importante incremento da demanda de madeira de eucalipto" que se derivaría do proxecto de Altri "non tería consecuencias para as explotacións gandeiras do contorno, no sentido de aumentar a competencia dos usos forestais da terra cos agrogandeiros".
Outra cuestión a ter en conta é o do prexuízo que esta intensiva actividade industrial tería para a imaxe dos produtos alimentarios da comarca e, no mesmo sentido, para o atractivo turístico dunha zona que neste momento promociona sobre todo o seu patrimonio natural. O propio documento elaborado pola empresa fai referenzia á "posible existencia de efectos negativos derivados da percepción da poboación sobre os impactos paisaxísticos e ambientais" e á "posibilidade de impactos negativos en diferentes actividades económicas, nomeadamente o turismo".
Outra cuestión a ter en conta é o do prexuízo que esta intensiva actividade industrial tería para a imaxe dos produtos alimentarios da comarca e, no mesmo sentido, para o atractivo turístico dunha zona que neste momento promociona sobre todo o seu patrimonio natural
Aínda que este tivo de efectos son moi difíciles de prever e cuantificar, no informe destácase que está constatado que "as marcas oficiais de calidade dos produtos alimentarios ligadas ao territorio incorporan unha dose elevada de realidades simbólicas, polo que a imaxe que a poboación forme dese territorio ten unha grande influencia na demanda, nas decisións de consumo".
Tamén se menciona a estratexia Da granxa á mesa impulsada pola UE que busca promover "a produción de alimentos sostibles, seguros e nutritivos, asignando, en concreto, un papel moito máis relevante que o actual á agricultura ecolóxica". Un obxectivo no que a presenza de instalacións industriais coma esta na contorna de produción ten efectos negativos.
O informe conclúe que "non parece aventurado prever que unhas instalacións como as do proxecto Gama, na medida en que sexan percibidas como potencialmente contaminantes, poden ter notables efectos negativos sobre a demanda dos queixos da DOP Arzúa-Ulloa, as producións da agricultura ecolóxica e outros produtos agroalimentarios da súa área de influencia".
"Non é xustificable o fomento dun cultivo forestal que, ademais de degradar a biodiversidade, exerce unha enorme presión económica sobre a produción de alimentos", alertou recentemente David Chipperfield
Estes prexuízos esténdense ao outro gran motor da economía destas comarcas: o turismo. Sobre todo porque falamos dun turismo -rural, de natureza ou vencellado ao Camiño de Santiago- na que o estado do espazos naturais e da paisaxe son fundamentais. Noutro dos traballos inseridos no informe publicado polo CCG, Xosé M. Santos comentou que o turismo (especialmente este tipo) é "moi sensible aos cambios" e detallou os efectos negativos para "a tranquilidade ou as expectativas" das persoas que visitan estas comarcas ou deciden facer o Camiño.
Neste senso, tamén David Chipperfield subliñou nun artigo recente en La Voz de Galicia que "o futuro de Galicia non é Altri. A riqueza e o futuro de Galicia están no seu capital natural. O medio ambiente é o seu tesouro. Impulsar Galicia como unha terra produtora de alimentos é garantía non só da sostibilidade medioambiental, senón tamén da calidade de vida que o territorio ofrece". Por ese motivo, engade, "non é xustificable o fomento dun cultivo forestal que, ademais de degradar a biodiversidade, exerce unha enorme presión económica sobre a produción de alimentos".
Comarcas vivas, con empresas innovadoras e en crecemento
Estas catro comarcas contan cun gran número de iniciativas industriais cunha dimensión moi importante e un gran nivel de innovación
Estas catro comarcas contan cun gran número de iniciativas industriais cunha dimensión moi importante e un gran nivel de innovación, como está a suceder en moitos lugares de Galicia. É o caso de Jim Sports, en Palas de Rei, que fabrica material e equipamento deportivo, ademais de infraestruturas deportivas; conta cun cento de traballadores e ten presenza en máis de 30 países. Ou de Bioflytech, tamén en Palas, unha empresa que está traballando na produción de larvas de mosca para convertelas en fariña e graxa para consumo animal.
Igualmente destaca Gruas Guerra (Vila de Cruces), especializada dende hai décadas na produción de guindastres para uso mariño ou forestal; Toldos Gómez (Arzúa); e Hormitubo (Silleda), centrada na fabricación de tubos, marcos e pozos de formigón armado, principalmente para grandes obras públicas, para as que é un dos primeiro proveedores en todo o Estado.
Pódese falar tamén de Megodeza e Mejuto (Lalín), entre as empresas de frío industrial máis importantes de España; de Inasus (Lalín), referente internacional na elaboración de fachadas; de Metaldeza (Lalín), especializada na produción de estruturas metálicas, con gran presenza no exterior; Portadeza (Lalín), un dos aiores fabricantes de portas de madeira de Europa; de Prefabricados Faro (Rodeiro), que fai prefabricados de formigón; ou de Tecglass (Lalín), de procesado de vidro.
Auga, pastos e outras materias primas son a base dunha vizosa industria agroalimentaria, con nomes como Alibós, en Monterroso, que procesa, comercializa e exporta castaña recollida no país. Tamén contan con sona en toda Galicia os ovos de Pazo de Vilane (Antas de Ulla) e os da Granxa Campomayor (Palas de Rei). E os queixos da denominación de orixe Arzúa-Ulloa, con marcas coma as de Queixerías Bama (Touro), Queizuar (O Pino). As carnes elaboradas en Frigoríficos Bandeira (Silleda). E, igualmente, os produtos de Granxa Maruxa ou as cremas de Muuhlloa, en Monterroso.
No último Informe Ardán, correspondente ao ano 2024, destácanse nestas comarcas dúas empresas "con fortaleza financeira", cinco empresas "xeradoras de riqueza" (con obtención de ingresos moi por riba dos recursos investidos) e catro compañías de "alta produtividade" (con grandes ingresos en relación ao seu número de traballadores). Hai tamén tres "empresas gacela" (cun crecemento moi rápido nos últimos anos) e sobre todo once empresas "de alto rendemento", que manteñen de forma sostida unha elevada rendibilidade nos últimos exercicios. Igualmente faise referencia destacada a catro empresas "circulares", que aproveitan materiais xa en circulación.