Radiografía do sector industrial galego: unha oportunidade de país en crecemento

Naves industriais bioclimáticas no Porto do Molle CC-BY-SA CZF

En Galicia, contra a imaxe estereotipada, hai un abano extenso de empresas de alto valor tecnolóxico, capitalizadas e internacionalizadas, "pero non se ven, non constan, e esa ausencia de visibilidade impide que esa realidade efectiva se poña en valor, dificulta o seu desenvolvemento", di Daniel Hermosilla

Galicia non é un deserto industrial nin o seu sector industrial depende dos ventos favorables de dúas ou tres empresas externas de implantación. Tampouco está condenada a ser un avellentado parque temático turístico ou ás pretéritas economías de subsistencia. As novas xeracións altamente cualificadas tampouco están predestinadas a buscar no exterior o seu desenvolvemento profesional. En Galicia pasan cousas, están xa a acontecer en moitas comarcas e no futuro as iniciativas industriais modernas e con negocios en moitos países poden multiplicarse.

Conta Daniel Hermosilla no seu libro de conversas con Antón Baamonde Galicia, distrito industrial (Galaxia) que en Galicia, contra a imaxe estereotipada, hai un abano extenso de empresas de alto valor tecnolóxico, capitalizadas e internacionalizadas, "pero non se ven, non constan, e esa ausencia de visibilidade impide que esa realidade efectiva se poña en valor. Eu diría máis: dificulta o seu desenvolvemento". Cando falamos de industria en Galicia a maior parte da sociedade pensa en iniciativas xa superadas (as centrais térmicas das Pontes ou Cerceda), en contaminantes industrias de implantación cun futuro en cuestión (Alcoa) ou, moitas veces, en sectores en crise (o naval) ou en proxectos fracasados. Non veñen á cabeza, en cambio, moitas iniciativas de éxito.

Pénsase tamén nun sector industrial dominado por unhas poucas empresas de gran tamaño, por exemplo Inditex na Coruña ou Stellantis en Vigo. Pero máis aló do excelente funcionamento destas dúas compañías, que lideran a facturación e a creación de postos de traballo en Galicia, hai unha miríade de empresas de pequeno e mediano tamaño coa capacidade (pola calidade dos seus produtos e a internacionalización dos seus negocios) de artellar un sector industrial punteiro en Europa. 

Galicia pode ser un distrito industrial, na definición de Alfred Marshall, que afirmou que é posible xerar economías de grande escala a través de empresas pequenas, rexeitando que fose imprescindible contar con empresas de gran tamaño para facelo

Un distrito industrial, en definitiva, na definición de Alfred Marshall, que afirmou que é posible xerar economías de grande escala a través de empresas pequenas, rexeitando que fose imprescindible contar con empresas de gran tamaño. Tamén se poden conseguir rendementos crecentes con moitas unidades de produción pequenas -empresas de  grande especialización concentradas nun determinado territorio- onde distintas compañías asumen distintas fases do proceso produtivo -subcontratando a outras empresas da rede- formando un único mercado de traballo cun know-how compartido que permite que poidan acabar competindo en mercados máis amplos creando produtos de alto valor engadido.

Un sector industrial, ademais, que hoxe non só está concentrado en Vigo e A Coruña, senón que na maior parte das comarcas existen iniciativas de grande interese e potencial que constitúen motores locais de emprego e actividade. As boas conexións de Galicia por mar e o hinterland que constituímos co norte de Portugal acaban de configurar un contexto favorable para o futuro industrial de Galicia. Galicia ten a capacidade de ter empresas líderes nos seus sectores, especialmente en ámbitos maduros, cun denso tecido de compañías, sobre todo cando estas redes de empresas acadan a escala suficiente.

A influencia positiva de Inditex e Stellantis

Ao redor de Stellantis e de Inditex foise creando nos últimos anos un tecido de empresas que están a gañar autonomía e orientándose noutras direccións. "É un factor que acelera o proceso de transformación industrial no que estamos. Temos que aproveitar esta vantaxe competitiva", destaca Hermosilla

Dicíamos que Inditex e Stellantis non son illas nun deserto industrial, pero a súa importancia é innegable. Sobre todo porque ao seu redor se foi creando nos últimos anos "un tecido de empresas que están a gañar autonomía e orientándose noutras direccións", destaca Hermosilla no libro. 

O caso da antiga Citroén e do cluster da automoción na área de Vigo é claro. "Na zona de Vigo atópanse empresas dun tamaño moi importante, vencelladas á tecnoloxía e á investigación. Estas empresas naceron e medraron dentro do mundo da automoción, pero foron despois buscando outros clientes distintos a Citroën e máis tarde noutros sectores diferentes", destaca Hermosilla, que subliña que "os mesmos recursos e servizos que se utilizan para dixitalizar, robotizar ou usar intelixencia artificial no mundo da automoción poden ser trasladados á manufactura noutros sectores (madeira, conserva, rochas...)". "É un factor que acelera o proceso de transformación industrial no que estamos. Temos que aproveitar esta vantaxe competitiva", conclúe o CEO de Rodiñas, que pon como exemplo destas iniciativas punteiras a Syspro Automation, CIMALab, Grupo DGH, Precisgal ou Delta Vigo-Delta Group Spain.

"Estas empresas comezan a capitalizarse, a investir en tecnoloxía, a contratar xente moi cualificada. Empezan a ver normal traballar cuns niveis de esixencia altísimos, de calidade, de prazos, de compromiso. Pasa a ser normal traballar en calquera parte do mundo", explica Hermosilla

A influencia positiva de Inditex foi diversa, dende o sectoro do contract á loxística pasando polas TIC. "Inditex tivo unha política sostida no tempo de encargar en Galicia, a empresas locais, os diversos elementos que precisa para montar as súas tendas en todo o mundo", destaca Hermosilla, que sinala exemplos de empresas galegas altamente consideradas que hoxe operan internacionalmente como Alumán, Kimak, Cándido Hermida, Jevaso, Ramón García, Malasa, Trison. Inditex supuxo tamén un impulso para o potente sector TIC da área da Coruña, que emprega a máis de 14 mil persoas no sector informático e que gañará un novo pulo grazas á designación da Coruña como sede da AESIA e a posta en marcha da Cidade das TIC.

"O feito de traballares para Inditex fai que outras empresas dean por descontado o teu nivel de calidade. Este é o punto de partida para o inicio da internacionalización de moitas compañías. Sobre esa base comezan a pasar cousas que ninguén esperaba. Estas empresas comezan a capitalizarse, a investir en tecnoloxía, a contratar xente moi cualificada. Empezan a ver normal traballar cuns niveis de esixencia altísimos, de calidade, de prazos, de compromiso. Pasa a ser normal traballar en calquera parte do mundo", explica Hermosilla.

Galicia, terra de alta tecnoloxía

Instra, Russula, Denodo na Coruña ou o sector aeroespacial en Vigo son exemplos de compañías de alta tecnoloxía, líderes nos seus sectores e cun mercado internacional

Porque Galicia é terra de alta tecnoloxía, moi especialmente A Coruña con exemplos como a empresa de servizos de enxeñaría Instra; Russula, que traballa cos principais produtores de aceiro do mundo, ou a compañía de xesión de datos Denodo, xurdida da UDC e que en continuo crecemento suma máis de 25 oficinas en 20 países.

No sector informático a área coruñesa conta con máis exemplos de empresas de éxito, como Cinfo, Altia, Plexus. "Ofrecen servizos especializados que doutro xeito teríamos que ir buscar fóra. Estamos xerando ecosistemas de empresas que constitúen unha oportunidade para o conxunto do país", destaca Hermosilla.

Os exemplos de empresas de alta tecnoloxía que poden ser clave no desenvolvemento doutros sectores non se limitan á Coruña. Aí están Gradiant en Vigo, Televés, Plexus e Balidea en Santiago, Egatel en Ourense, Prosistemas no Porriño (empresa líder na execución de chan industrial de alta precisión) ou, no sector aeroespacial UARXSpace, Utingal, Delta Vigo e Precisgal, todas elas na área viguesa.

As enerxías renovables, dende a eólica terrestre e mariña ata o hidróxeno verde son tamén oportunidades de crecemento para Galicia

Tamén as compañías que achegan solucións tecnoloxías para o sector conserveiro ou para o naval, ámbitos nos que Galicia leva moitas décadas sendo punteira. Aí están Instalaciones Navales y Montajes Industriales ou Marine Instruments (Nigrán), Thune Eureka ou Fundivisa (Vilagarcía), Regenasa, Kinarca ou Clauger (Vigo).

Ou, por suposto, o Grupo Zendal, no Porriño, de longa traxectoria no sector farmacéutico e da biotecnoloxía. Ou as empresas galegas do sector das enerxías renovables, como EiDF Solar (Barro), Greenalia (A Coruña), Norvento (Lugo) ou Nervión Naval e Huso (As Somozas). Na comarca de Ferrolterra son moitas as iniciativas neste ámbito -Navantia, Windar Renovables- que poden converter a zona nun hub de eólica mariña flotante.

E, igualmente, as posibilidades que se abren con novas enerxías renovables co proxecto existente para a produción de hidróxeno renovable no Porto exterior da Coruña ou a planta de "hidróxeno verde" de Reganosa e EDP Renovables, H2Pole, prevista nas Pontes.

Un sector industrial espallado por moitas comarcas e asentado no territorio

Destaca a gran cantidade de empresas que na provincia de Lugo desenvolven industrialmente o sector agrogandeiro e no da madeira

Un dos aspectos máis interesantes do sector industrial galego é que este non se concentra en dous ou tres puntos do país ou, unicamente, nas zonas urbanas. Atopamos exemplos moi diversos en moitas comarcas, de grande importancia para as economías locais, iniciativas endóxenas moi asentadas no territorio e nos seus recursos.

Bos exemplos son a gran cantidade de empresas que na provincia de Lugo desenvolven industrialmente o sector agrogandeiro, como Innolact (Ribeiras de Lea), o Grupo Lence (Lugo), Entrepinares (Vilalba), Oviganic (Monforte), Airas Moniz (Chantada), Casa Castelao (Fonsagrada), Traloagro (Friol), Customdrinks (Chantada), Alibos (Monterroso) ou Galletas Daveiga (Chantada). 

Vigo e a Zona Franca © ZFV

Hai industria moi especializada e en crecemento en moitas comarcas e concellos, dende Bergantiños a Ourense, pasando por Padrón ou As Pontes

Lugo ten tamén grandes oportunidades no sector da madeira, con Austria como modelo, con empresas como Tableros Hispano (Lugo), Madeiros Villapol (Trabada), Finsa (Rábade) e outras iniciativas que poden completar todo o proceso industrial e desenvolver proxectos que elaboren produtos finais e altamente especializados, comezando polo sector do moble de deseño. Na provincia lucense atopamos outros interesantes exemplos de empresas, como Jim Sports (Palas de Rei), Bioflytech (Palas de Rei), Indukern (Monforte) ou Hotusa (Chantada).

Hai industria moi especializada e en crecemento en moitas comarcas e concellos, como As Pontes (Senture Tyre Spain, Prometal, Galcore...), Carballo (Novakemio, Herfraga, Strow, Casas Cube...), Laracha (Hierros Añón), Cerceda (Indupanel, Saica, Galopín...), Padrón (Cortizo, Exlabesa...), Forcarei (ABCR Laboratorios), O Carballiño (Dizmar, GRI Towers...), Maside (Plastycasset) e a propia Ourense (CIE Galfor, Hispamoldes, Implasor, Sistemas Delfín, Lonia...).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.