O Consello Económico e Social chama a aproveitar o "potencial" de Galicia para "liderar" o sector das enerxías renovables

Un guindastre traballa na instalación dun aeroxerador eólico © EGA

O Pleno do Consello Económico e Social de Galicia aprobou este mércores, sen votos en contra, un informe sobre 'O sector enerxético galego: presente e futuro', un documento que quere "servir de base para unha ampla reflexión sobre a cuestión enerxética". O informe, coordinado polo profesor Fernando de Llano Paz e obra tamén de Guillermo Iglesias Gómez e Paulino Martínez Fernández, lembra que o futuro das nosas sociedade pasa polas enerxías renovables, que "no caso de Galicia, coas medidas axeitadas, deben supoñer un impacto socioeconómico positivo no territorio e unha diminución da dependencia enerxética". 

O futuro das nosas sociedade pasa polas enerxías renovables, que "no caso de Galicia, coas medidas axeitadas, deben supoñer un impacto socioeconómico positivo no territorio e unha diminución da dependencia enerxética"

O informe analiza a situación actual do sector enerxético e dos actuais sistemas de produción, redes de transporte e hábitos de consumo para pasar a continuación a debullar as perspectivas de futuro do sector e as políticas enerxéticas executadas no presente e posibles no futuro. Os autores destacan que "un dos retos importantes que condicionan o desenvolvemento dun territorio é cómo resolve o seu problema enerxético", é dicir, como xera enerxía necesaria para manter o seu benestar "dun modo seguro, a partir dun acceso continuado e fiable a uns recursos enerxéticos de calidade, asumindo un custo razoable; que non afecte negativamente á competitividade económica do tecido económico do territorio e todo isto dentro dun contexto de respecto ambiental e social".

Parque de eólica mariña en augas de Alemaña CC-BY-SA Praza Pública

"É complicado levar á práctica unha transición sen crear problemas e conflitos de interese", polo que a cuestión enerxética "merece fondas reflexións no contexto actual" 

Conclúen finalmente que "é complicado levar á práctica unha transición sen crear problemas e conflitos de interese",  polo que a cuestión enerxética "merece fondas reflexións no contexto actual" e fan fincapé na necesidade de "tomar decisións meditadas en base a información dispoñible, con coherencia de conxunto para o futuro dos galegos e galegas".

 

 

Galicia, un territorio enerxeticamente dependente

O informe lembra que Galicia "destaca como rexión xeradora de electricidade", xa que produce en torno ao 10% do total do Estado e que unha parte significativa desta electricidade se produce con fontes renovables, principalmente enerxía eólica e tamén hidráulica (esta máis volátil e dependente do réxime anual de precipitacións). Porén, a electricidade é aínda só unha parte minoritaria da enerxía total consumida, tanto para o transporte como para a produción de calor e tamén para o funcionamento de determinadas industrias.

Galicia unicamente cobre un 25% da enerxía que necesita coas achegas de enerxía de carácter autóctono, mentres que as tres cuartas partes restantes son cubertas mediante importacións de recursos fósiles, principalmente petróleo

A realidade é que Galicia é na actualidade un territorio altamente depedente de importacións de materias primas para satisfacer o seu consumo enerxético. Como lembraba esta semana un informe do Observatorio Galego da Acción Climática, o noso país depende durante máis de nove meses ao ano de enerxía fósil importada. O informe do CES sinala nese mesmo senso que Galicia unicamente cobre un 25% da enerxía que necesita coas achegas de enerxía de carácter autóctono, mentres que as tres cuartas partes restantes son cubertas mediante importacións de recursos fósiles, principalmente petróleo, pero tamén gas. A dependencia do petróleo é maior en Galicia debido a un maior desenvolvemento do transporte de mercadorías por estrada fronte ao transporte ferroviario.

O informe apunta ao autoconsumo e ao impulso das comunidades enerxéticas como unha das vías "para que os fogares e empresas de Galicia eviten esa dependencia exterior coa volatilidade de prezos asociada" 

Esta dependencia enerxética da importación de combustibles fósiles provocou nos últimos tempos, lembra o informe, que Galicia ficase exposta "á volatilidade de prezos dos mercados internacionais de recursos primarios enerxéticos", que se trasladou aos mercados domésticos de enerxía final dos consumidores galegos. O informe apunta ao autoconsumo e ao impulso das comunidades enerxéticas como unha das vías "para que os fogares e empresas de Galicia eviten esa dependencia exterior coa volatilidade de prezos asociada" e para que tamén "poidan acadar vantaxes en custos".

 

O desenvolvemento das enerxías renovables

Faise fincapé no "establecemento de canles de diálogo entre os distintos axentes implicados e as administracións" para reducir o conflito asociado ao impulso da eólica mariña

A redución desta dependencia pasa en boa medida polo desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia, que ademais "ten efectos positivos en termos económicos, de emprego e de emisións". Aquí inclúese o desenvolvemento da enerxía eólica mariña, que podería subministrar a nivel europeo preto do 14% da demanda de electricidade en 2030, porcentaxe que se prevé que que chegue ate o 30% en 2050, lembra o informe. O documento sinala que ante o choque que este desenvolvemento está a ter co sector pesqueiro, "o establecemento de canles de diálogo entre os distintos axentes implicados e as administracións, como o Observatorio da Eólica Mariña da Xunta de Galicia, debería contribuír a compatibilizar os intereses dos distintos sectores implicados".

Imaxe aérea do Porto Exterior da Coruña, onde existe un proxecto para a produción de hidróxeno renovable © Autoridade Portuaria da Coruña

O informe reclámalle á política enerxética da Xunta que fomente "as boas prácticas para garantir unha distribución xusta dos distintos impactos das instalacións entre a poboación local, de xeito que se evitarían en gran parte conflitos posteriores"

O informe reclámalle á política enerxética exercida pola Xunta de Galicia que fomente "as boas prácticas para garantir unha distribución xusta dos distintos impactos das instalacións entre a poboación local, de xeito que se evitarían en gran parte conflitos posteriores", en referencia principalmente a este desenvolvemento eólico, que debe "atender tanto aos impactos económicos como aos sociais e ambientais".

O documento, que tamén pide "axilización e clarificación da tramitación administrativa" para os proxectos eólicos, sinala que "as autoridades galegas non deben esquecer a parte da política enerxética máis política, que consiste no establecemento das canles de diálogo con outras administracións públicas, coas empresas, coas organizacións sociais, cos cidadáns para acadar do mellor xeito posible os obxectivos enerxéticos".

 

O "potencial" de Galicia para o "liderado renovable"

O informe destaca que "a transición enerxética en Galicia está chamada a ter un impacto relevante na súa economía"

O informe destaca que "a transición enerxética en Galicia está chamada a ter un impacto relevante na súa economía" e sinala que "o cumprimento do período temporal de vida útil das plantas tecnolóxicas convencionais deberían afianzar o perfil tecnolóxico e enerxético galego hacia o liderado renovable".

Os autores piden "reflexión e clarificación" sobre o nivel de creación de postos de traballo directos e indirectos no sector das renovables e fan fincapé "na participación dos donos do territorio onde se instala e afecta a tecnoloxía renovable"

Os autores piden neste proceso "reflexión e clarificación" sobre o nivel de creación de postos de traballo directos e indirectos no sector das renovables, atendendo "á permanencia no tempo dos postos de traballo creados, máis alá dos períodos iniciais de instalación e posta en funcionamento". Tamén fan fincapé "na participación dos donos do territorio onde se instala e afecta a tecnoloxía renovable" e na "implicación da propia comunidade vinculada con ese territorio chamado a acoller as plantas de enerxía", así como na medida en que "se pode beneficiar o tecido empresarial e industrial galego"

O documento lembra que "a economía está chamada a electrificarse, polo que as redes e infraestruturas enerxéticas terán especial importancia". Neste senso, indica, "deberá planificarse non só a rede eléctrica, incluída a rede de puntos de recarga de motores eléctricos, senón tamén a conexión e mellora da rede gasista e a rede de oleodutos, que marcarán a potencialidade da comunidade no mercado do gas natural e do hidróxeno".

"A localización xeográfica de Galicia, porta marítima atlántica europea, pode xogar un papel importante no mercado do gas natural licuado e do futuro mercado do hidróxeno, nos biocombustibles e na construción marítima vinculada coas enerxías renovables mariñas", destacan

Finalmente, o informe salienta que a aposta polas enerxías renovables vai implicar avances "nas tecnoloxías de almacenamento de enerxía que fagan posible o funcionamento e o equilibrio do sistema". Entre elas destaca o papel do hidróxeno, subliñando que Galicia "ten potencialidade para a súa explotación". Ademais, lembra que "a localización xeográfica de Galicia, porta marítima atlántica europea, pode xogar un papel importante no mercado do gas natural licuado e do futuro mercado do hidróxeno, nos biocombustibles e na construción marítima vinculada coas enerxías renovables mariñas". O documento cita a este respecto o proxecto existente para a produción de hidróxeno renovable no Porto exterior da Coruña ou a planta de "hidróxeno verde" de Reganosa e EDP Renovables, H2Pole, prevista nas Pontes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.