As comunidades de montes volven quedar fóra das axudas do Ministerio para impulsar proxectos de enerxías renovables

Paneis fotovoltaicos ©

En Galicia funcionan unhas 2.700 comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que xestionan directamente unhas 600.000 hectáreas de terreo, ao redor do 20% de todo o territorio galego. Dende hai dous anos algunhas destas comunidades de montes están a tentar poñer en marcha proxectos de xeración eléctrica renovable (nomeadamente a través da instalación paneis fotovoltaicos ou de muíños eólicos) que sexan recoñecidos como 'comunidades enerxéticas locais'. 

As comunidades de montes veciñais levan dous anos atopando atrancos para ser recoñecidas como 'comunidades enerxéticas locais' e poñer en marcha instalacións de autoconsumo

Trátase dunha figura que busca promover o autoconsumo enerxético impulsada pola Unión Europea a través de dúas directivas que foron incorporadas á lexislación española a través do Real Decreto-lei 23/2020. O problema é que ante a falta de recoñecemento legal da propiedade comunal, debida á negativa da Xunta a recoñecer lexislativamente a figura da propiedade comunal, as comunidades de montes está a atopar serios atrancos burocráticos para gozar das vantaxes de ser consideradas 'comunidades enerxéticas locais', uns obstáculos que en ocasións se suman aos impostos pola grandes compañías eléctricas, que tamén dificultan o acceso dos comuneiros, como destacaba nesta entrevista Gonzalo Pérez, da comunidade de montes de Tameiga, unha das poucas que foi quen de superar estes atrancos.

Comunidade enerxética local de Tameiga © Nosa Enerxía

O Observatorio Eólico presentou un informe pericial que defende a participación dos comuneiros galegos pero que foi ignorado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

As comunidades de enerxía renovable foron traspostas ao dereito español, pero ata agora aínda non se aprobou un regulamento que desenvolva con detalle todo o relativo a esta nova persoa xurídica. Na práctica, a forma xurídica que que veñen adoptando estas comunidades é de asociacións, cooperativas ou sociedades limitadas, o que deixa fora as comunidades de montes ou as obriga a constituírse en asociacións ou cooperativas.

O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno español contempla as comunidades enerxéticas como un actor clave e prevé o seu impulso a través de programas como CE Implementa. Xa houbo dúas convocatorias deste programa e nelas varias comunidades de montes galegas que tentaron concorrer ás axudas ficaron fóra por non seren consideradas comunidades de enerxía renovable.

O OEGA considera que se trata dunha "decisión contraria a dereito", ao excluír unhas entidades que cumpren cos requisitos previstos polas directivas europeas

Ante esta situación, o Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) púxose en contacto co Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, encargou un informe pericial a reputadas xuristas do dereito civil que servise para apoiar as comunidades de montes e compartiu o informe cos responsables do IDAE. Semanas despois, o IDAE comprotemeteuse a realizar unha consulta xurídica a partir do informe pericial, sen chegar a comunicar ata agora o resultado desa consulta. Porén, a realidade é que o IDAE acaba de lanzar dúas novas convocatorias do programa CE Implementa, ás que tampouco poderán concorrer unha vez máis as comunidades de montes galegas. 

Asemblea comuneira en Tameiga © Ecoloxistas en Acción

O OEGA considera que se trata dunha "decisión contraria a dereito", ao excluír unhas entidades "que cumpren con todos e cada un dos requisitos esixidos pola Directiva 2018/2001". A entidade di "non entender" as razóns polas que o IDAE "non considera a posibilidade de que as CMVMC sexan beneficiarias das axudas para a descarbonización da economía en xeral e do medio rural en particular".

As comunidades de montes teñen natureza xurídica singular, que ata agora no ordenamento xurídico español concíbese como unha entidade carente de personalidade xurídica propia en sentido estrito. Porén, o informe pericial encargado polo OEGA defende que se trata "dunha cuestión de carácter formal ou de técnica lexislativa"

As comunidades de montes teñen natureza xurídica singular, que ata agora no ordenamento xurídico español concíbese como unha entidade carente de personalidade xurídica propia en sentido estrito. Porén, o informe pericial encargado polo OEGA defende que se trata "dunha cuestión de carácter formal ou de técnica lexislativa, no senso de que esta falta de personalidade xurídica en puridade non obsta que estas comunidades teñan plena capacidade xurídica para actuar por si mesmas no tráfico xurídico, sendo quen de intervir en actos ou negocios no seu propio nome, incluído o exercicio de cantas accións sexan precisas para a defensa dos seus específicos intereses".

No seu informe o Observatorio Eólico defende que as comunidade de montes cumpren con todos os requisitos esixidos para estas entidades xurídicas, dende a participación voluntaria, a autonomía de actuación á ausencia de ánimo de lucro.

Instalacións eólicas en Muras © Concello de Muras

A directiva europea subliña que a participación en proxectos de enerxías renovables “debe estar aberta a todos os posibles socios locais, baseándose en criterios obxectivos, transparentes e non discriminatorios"

No informe tamén se destaca que "se a normativa europea empregou en concreto a expresión de ‘entidades xurídicas’ no canto da máis convencional de ‘persoas xurídicas’ probablemente foi coa intención de evitar as diverxencias entre países na definición do concepto da personalidade xurídica". A propia directiva europea detalla que "os Estados membros deben ter a posibilidade de elixir calquera forma de entidade para as comunidades de enerxías renovables, sempre que dita entidade poida exercer dereitos e estar suxeita a obrigas actuando por conta propia".

Así mesmo, a directiva subliña que a participación en proxectos de enerxías renovables “debe estar aberta a todos os posibles socios locais, baseándose en criterios obxectivos, transparentes e non discriminatorios” e establece que os consumidores finais que participan en comunidades de enerxías renovables deben facelo “sen estar suxeitos a condicións inxustificadas ou discriminatorias”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.