Ence, da man do seu aliado sueco, a empresa Sharetex, presentou este martes a nivel internacional o seu proxecto de reciclaxe téxtil sostible, Regatex, que prevén desenvolver nas Pontes. A empresa di que "avanza de forma firme" na futura planta e no proxecto previsto na localidade pontesa, que define como "unha iniciativa pioneira en economía circular que combina a recuperación de fibras papeleiras e téxtiles, produción de enerxía renovable e captura de CO₂, cun relevante impacto en materia de emprego e sostibilidade".
Ence di que o seu proxecto nas Pontes "avanza de forma firme" e presume de iniciativa "pioneira en economía circular, produción de enerxía renovable e captura de CO₂"
Nun comunicado, Ence fai referencia á presentación que xunto a Sharetex levou a cabo na conferencia sobre fibras de celulosa celebrada en Colonia (Alemaña), un "evento de referencia" con máis de 200 participantes de 23 países. "Neste marco, os representantes de ambas compañías deron a coñecer as novas aplicacións de fibras de celulosa en téxtiles, con especial énfase nas solucións innovadoras e os avances máis recentes na reciclaxe destes materiais", explica.

O anuncio da pasteira chega na semana seguinte á que a Xunta publicase a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable para Altri, a empresa portuguesa que xunto a Greenalia impulsa unha fábrica de celulosa e fibras téxtiles en Palas de Rei. E só uns días despois que este visto e prace medioambiental erguese aínda máis as protestas contra o proxecto, cunha histórica manifestación o pasado sábado na Pobra do Caramiñal.
No seu comunicado, Ence presume "solucións innovadoras" en reciclaxe e de "fitos" no seu proxecto como, explican, lograr, xunto a Sharetex, "obter por primeira vez celulosa reciclada a partir de polialgodón" ou as primeiras probas de reciclaxe téxtil "a través dunha innovadora tecnoloxía que non precisa de alta presión, temperatura, nin tampouco emprega disolventes tóxicos".
"Este proxecto representa un avance clave na industria téxtil, xa que busca fomentar a economía circular a través da extracción de celulosa reciclada a partir de polialgodón, material previamente difícil de reciclar de maneira eficiente", presume a pasteira.
Ence salienta as vantaxes ambientais do seu proxecto e dos avances na reciclaxe de fibras téxtiles en pleno debate sobre a idoneidade de Altri
O comunicado de Ence enmárcase nun clima de importante contestación ao proxecto dunha empresa competidora e do mesmo sector, como Altri, en Palas de Rei. Na pasada primavera, os máximos dirixentes da compañía lusa defenderan nunha comparecencia a sostibilidade ambiental do seu proxecto para Galicia, asegurando, como xa fixeran en comunicados previos, que a tecnoloxía que terá será a máis limpa do sector. Sen citar expresamente a Ence, advertía de que a fábrica de Palas será menos contaminante que a de Pontevedra, cuestión que negan e á que dan a volta por completo os movementos sociais e ecoloxistas contrarios á iniciativa prevista na comarca da Ulloa.
Agora, Ence destaca que aos resultados obtidos "desde o punto de vista técnico" súmase a recente creación do Consorcio Galego de Téxtiles Posconsumo, que impulsa desde As Pontes para desenvolver un gran proxecto industrial. "Unha plataforma de I+D+i para a reciclaxe innovadora de residuos téxtiles posconsumo, contribuíndo así ao cumprimento dos obxectivos medioambientais da UE e fomentando unha maior capacidade de reciclaxe en Galicia e en toda España".

Así, destaca que levará a cabo nas Pontes un investimento de ata 355 millóns a realizar en tres fases e que xerará arredor de 1.250 postos de traballo. Na primeira destas fases, lembra, porá en marcha unha planta de fibra recuperada na que se inclúe unha planta piloto de recuperación de fibras téxtiles. A segunda prevé unha planta de coxeración de 150 MW de potencia térmica e uns 50 MW de potencia eléctrica, mentres que a terceira consistiría nunha planta de tisú.
Respecto do proxecto Regatex, o que se centra na planta piloto de fibras téxtiles das Pontes, Ence destaca que "contribuirá de maneira significativa á bioeconomía circular mediante a creación dun sistema innovador de reciclaxe téxtil con diferente composición que ata agora non podían ser reutilizada".