Neste pasado martes, nada máis coñecerse a exclusión de Altri da listaxe do Goberno de España de proxectos beneficiados cos fondos do PERTE para a descarbonización, a Xunta ergueu axiña a súa repetida argumentación: o Executivo central "discrimina" a Galicia e segue "criterios políticos" e non técnicos para prexudicar iniciativas empresariais no país. Horas antes, Greenfiber —sociedade impulsora da planta que a papeleira portuguesa prevé en Palas de Rei— recoñecía nun comunicado que se presentara a esta convocatoria de axudas da UE sabendo que "non podería ser elixible por razóns de prazo" a non ser que o Estado "conseguise acordar coa Comisión Europa unha prórroga". Aínda así, engadía, recorrería a decisión do Ministro de Industria que deixa a compañía sen 30 millóns de Europa á espera doutros 220 que aspira aínda a conseguir.
A pregunta, advirten fontes comunitarias, é clara: que percorrido ten un recurso á exclusión dun paquete de axudas do que quedas fóra por non cumprir cos prazos? Por que unha empresa se presenta a unha convocatoria sabendo que non chega ás datas marcadas como límite? "A táctica é moi vella", responden, advertindo de que a "imposible" adaptación do proxecto aos tempos impostos polos fondos Next Generation da UE non impide que Altri (e a Xunta) manteñan o discurso da aldraxe de da presunta "discriminación a Galicia".
Porque, tal e como se pode comprobar no documento do Ministerio que aclara as puntuacións dos proxectos rexeitados, o de Altri —o segundo con peor puntuación— foi desestimado, primeiramente, porque a súa "data de finalización supera o prazo máximo indicado" na orde de agosto de 2024 que establece as bases reguladores para a convocatoria dos PERTE de descarbonización.
Altri recoñece que optou ao PERTE de descarbonización sabendo que "non podería ser elixible por razóns de prazo", motivo principal polo que o Ministerio descartou o proxecto
Pero tamén porque non cumpre coas esixencias requiridas respecto do consumo de combustibles fósiles, que "non deben ser a súa fonte de enerxía" nin como "materia prima" nin en "equipos de emerxencia ou similares". Ademais, outro dos criterios nos que non acadou nin tan sequera a puntuación mínima foi o referido ás emisións de gases de efecto invernadoiro e á necesidade de que fosen evitadas con recursos técnicos e melloras medioambientais, recibindo un 3 de nota cando o mínimo esixido era de 7.
Sexa como for, o feito de que o proxecto non estivese en prazo deixou a Altri sen opción ningunha neste PERTE. E cales son os prazos? A propia empresa, no seu comunicado, aclara que a súa participación nesta convocatoria "produciuse con pleno coñecemento de que, no marco dos compromisos asumidos ante a Comisión Europea", os proxectos candidatos "débense ter completado antes do 31 de marzo de 2026". En menos dun ano.
Refírese aos prazos que marca o Plan de Recuperación e Resiliencia de España, que se basea nas datas que fixa o regulamento comunitario que establece ese mecanismo de recuperación impulsado tras a pandemia da COVID. Nel aclárase que os pagamentos aos Estados faranse só ata final dese ano 2026 e que aquelas medidas que se vaian executar con estas subvencións deben estar rematadas antes do 31 de agosto dese ano. En España, como na maioría de Estados, axústanse os prazos para tramitar as axudas e completar todo o requirido para os pagos, de aí que a data límite para a execución dos gastos ou investimentos sexa ese 31 de marzo.
Para cumprir cos prazos, Altri debería funcionar en seis meses desde a aprobación da Avaliación Ambiental Integrada, cando sempre advertiu de que precisaría tres anos
Tendo en conta que Altri asegurou varias veces que precisaría duns tres anos para rematar a planta e producir fibras téxtiles unha vez conseguidos todos os permisos, e que a Xunta prevé ter a Avaliación Ambiental Integrada que necesita antes de que finalice o verán, as expectativas sitúan o proxecto, como mínimo, en 2028. No caso de que quixese apurar os prazos, a empresa tería arredor de seis meses para completar as obras e poder recibir así os fondos de recuperación, ben fosen en forma de PERTE ou noutro paquete de axudas.
A propia UE o deixa claro nos seus documentos. O Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que entrou en vigor en febreiro de 2021 "serve para financiar reformas e investimentos nos Estados membros da UE que se efectuaran desde o inicio da pandemia ata o 31 de decembro de 2026". Respecto dos fondos Next Generation, aclara que o prazo para executalos "finaliza o 31 de agosto de 2026" segundo o regulamento do devandito mecanismo de recuperación.

"É un castelo de naipes de manual, porque iso é en realidade este proxecto, que ten como obxectivo real conseguir en Galicia o eucalipto que non atopan en Portugal. Polo tanto Altri non cumpre os prazos nin para o PERTE de descarbonización nin para calquera outra subvención do Plan de Recuperación que demanden", explica o eurodeputado galego do PSdeG, Nicolás González Casares, que advirte, con ironía, dos "pequenos detalles" que precisaría arranxar xa Greenfiber, como a conexión á rede eléctrica.
Eurodeputados e fontes comunitarias advirten de que Altri non pode optar ao PERTE nin a ningunha outra subvención do Plan de Recuperación da UE
"Incumpriron as regras sabendo delas desde o minuto cero", engade Casares, que supón que a Xunta "continuará no lamentable rol xogado en toda esta historia e buscará culpar o Goberno Central se Altri non obtén o solicitado". "Acusarán o Estado de marxinar a Galicia por non darlle 250 millóns de euros a fondo perdido a unha industria que non pode executar eses fondos en prazo, incumprindo as bases por principio", denuncia, ademais de advertir da "inmaturidade" dun proxecto cuxa idea xurdiu xa en 2020.
Ademais, xa antes, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, advertira do "posible incumprimento de até 14 directivas europeas" por parte de Altri e da "irresponsabilidade" que suporía autorizar o proxecto. Ante a exclusión do PERTE, asegura que o Estado sabe que a súa inclusión provocaría, de contado, "ter un procedemento de infracción aberto en Bruxelas". "Aí está tamén unha das claves", di.
A prórroga que Altri solicita a España suporía reformar o regulamento do mecanismo de recuperación: convencer os 27 Estados, que o impulse a Comisión e que o aprobe o Parlamento
Pero Altri alega que o Goberno de España podería pactar unha prórroga dos prazos na UE. "É un wishufl thinking, un pensamento ilusorio, non ten xeito", explican fontes comunitarias, que advirten do que suporía activar ese cambio. Nada máis e nada menos que reformar un regulamento, o do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. E para iso precísase que o propoña a Comisión, que é quen ten a iniciativa lexislativa, que o aproben (e sexan convencidos) cada un dos 27 Estados no Consello e que vaia ao Parlamento para recibir o visto e prace da Eurocámara, ademais da convocatoria dun trílogo (negociación entre estas tres partes) para adaptar o texto.
"Case nada", insisten as mesmas fontes, que aclaran que "non ten sentido ningún" algo así tendo en conta que xa hai proxectos en marcha e que lembran, tamén, que non hai moito o PP votou en contra da demanda para ampliar os prazos no que tiña que ver coas reformas impulsadas polos Estados ao abeiro deste mecanismo de axudas.

Desde a Eurocámara insisten en que na UE hai "outras prioridades" agora mesmo, que as axudas vinculadas ao proxecto de recuperación tras a pandemia teñen desde hai tempo ese 2026 como data de caducidade e que ampliala, ademais, suporía un prexuízo económico que poucos Estados aceptarían. A pregunta, explican as mesmas fontes, é "que fixeron Altri e a Xunta desde que se anunciou a intención de levar a cabo un proxecto ata que se concretou, tendo en conta que sabían de sobra cales eran os prazos para os fondos europeos".
A opción improbable dos IPCEI
Ante a imposibilidade de que Altri acceda a fondos Next Generation ou vinculados ao mecanismo de recuperación pola COVID, como aseguran varias fontes comunitarias, deixa con poucas opcións a Altri. Tenas? "Poucas ou nulas", insisten, en referencia aos IPCEI (Important Projects of Common European Interest), proxectos de interese común europeo que reciben axudas extraordinarias no caso de que contribúa claramente a obxectivos da UE, teña impacto significativo na competitividade, crecemento sostible e creación de valor na Unión. Tamén no caso de involucrar varios Estados ou con beneficios que "non se limiten a empresas ou sectores en cuestión, senón a toda a economía ou sociedade europea a través de efectivos indirectos positivos", como aclara a UE.
Neste caso, "o proxecto tería que vincularse a un sector estratéxico e debería ser o Estado quen solicitase a súa inclusión nestas axudas", aseguran as mesmas fontes, que advirten tamén da "complexísima tramitación" que supón ou a dificultade que tería para non incumprir as normas de competencia comunitarias.