O informe de Turismo de Galicia advirte da posibilidade de prexuízos "leves" a "moderados" sobre a paisaxe e o patrimonio cultural destas comarcas, de importante actividade turística e atravesadas polo Camiño Francés. Para compensalos, suxire "medidas correctoras", como unha mellor sinalización, "rutas megalíticas" ou actividades culturais e deportivas
Nas últimas semanas veñen coñecéndose os informes realizados polos diferentes departamentos da Xunta en relación á fábrica de celulosa que Altri prevé en Palas de Rei e que deben valorar o impacto que a planta pode supor sobre distintos ámbitos, dende o medio ambiente á economía das comarcas afectadas polo proxecto.
Este sábado a Plataforma Ulloa Viva colgou na súa páxina web o expediente completo do proxecto, que inclúe a totalidade dos informes emitidos, postos a disposición da cidadanía para a súa consulta pública, aos que accedeu despois de que o Goberno galego recoñecese a súa condición de parte interesada en relación ao procedemento do proxecto de Altri.
Os informes do Goberno galego, como era esperable, son favorables ao proxecto e limítanse a lembrar as súas obrigas legais ou a necesidade de establecer controis para evitar efectos negativos. Algún dos departamentos que emite os informes si chega a advertir inicialmente de impactos significativos, como foi o caso da Dirección Xeral de Gandaría, que alertou das afectacións na actividade agrogandeira, da falta dun estudo a fondo destas ou dos prexuízos da excesiva demanda de eucalipto. Porén, no seu informe final, Medio Rural acabou por aceptar as emendas da empresa, pasando a non atopar unha "incidencia apreciable" por mor da súa actividade.

A valoración final do informe é "favorable" ao proxecto, explica o documento, "xa que os impactos negativos son de tipo visual e poden ser mitigados" cunha serie de "medidas correctoras"
Noutro dos informes, o da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Xunta non só dá o visto bo á instalación da factoría en Palas, senón que mesmo adopta as recomendacións propostas por un consultor contratado pola compañía, propoñendo que a cheminea da fábrica "se converta nunha icona" con accións como pintala "con tons que se mimeticen coa contorna".
Un dos informes que aínda non fora publicado é o de Turismo de Galicia, dependente directamente da Presidencia da Xunta. O seu documento recolle tamén unha valoración favorable ao proxecto, pero o informe recoñece a posibilidade de que a actividade da celulosa teña "impactos negativos" de "leves" a "moderados", tanto sobre a paisaxe, os espazos naturais protexidos coma sobre o patrimonio cultural destas comarcas, de importante actividade turística e atravesadas polo Camiño Francés a Compostela.
A valoración final do informe é "favorable" ao proxecto, explica o documento, "xa que os impactos negativos son de tipo visual e poden ser mitigados" cunha serie de "medidas correctoras" que se propoñen, como pantallas vexetais, mellora da sinaléctica, a posta en marcha de "rutas megalíticas" ou a organización de actividades na zona.
O informe destaca que dado que un dos atractivos da zona é o seu patrimonio megalítico e que este "non está suficientemente contextualizado", recomenda o establecemento de "rutas megalíticas".Tamén suxire unha "mellor sinalización dos elementos patrimoniais afectados"
Nas súas conclusións o documento sinala que "aparte das medidas previstas na documentación presentada", deberán terse en conta "unha serie de consideracións para minimizar o impacto do proxecto sobre os valores turísticos da zona".
Así, sinálase que "no caso de identificarse, durante ou tras as obras, impactos negativos no sector turístico da contorna", deberán propoñerse "medidas de eliminación, mitigación ou compensación dos mesmos". Por exemplo, o documento apunta que no caso de establecementos hoteleiros ou puntos de interese turístico que sofran unha "perda da calidade visual", o promotor [a empresa] "deberá propor medidas de ocultación puntual, como poden ser pantallas vexetais".

Igualmente, proponse "a promoción de actividades de carácter cultural e deportivo nos concellos afectados"
De igual xeito, o informe destaca que dado que un dos principais atractivos da zona é o seu patrimonio megalítico e que este "non está suficientemente contextualizado", recomenda como posibles "medidas compensatorias" o establecemento de "rutas megalíticas".Tamén suxire unha "mellor sinalización dos elementos patrimoniais afectados". E, igualmente, propón "a promoción de actividades de carácter cultural e deportivo nos concellos afectados".
Así mesmo, recomenda que as obras de construción da factoría se realicen "no menor tempo posible" e evitando a coincidencia con festas e actividades socio-culturais de importancia que teñan lugar nestas comarcas.
A primeira valoración realizada por Turismo de Galicia, nun informe inicial remitido en abril do ano pasado, era máis duro co proxecto de Altri e advertía de impactos máis graves sobre a contorna e sobre o sector turístico
A primeira valoración realizada por Turismo de Galicia, nun informe inicial remitido en abril do ano pasado, era máis duro co proxecto de Altri e advertía de impactos máis graves sobre a contorna e sobre o sector turístico. Así, este primeiro documento alertaba de mpactos “importantes” tanto no Camiño de Santiago coma no Castelo de Pambre e de impactos “moderados” no Castro de Remonde “antes da implantación de ningún tipo de medida” debido aos “cambios xerais na contorna” e aos “cambios considerables na contorna que afectan o carácter do activo”.
Así mesmo, sinalaba cautelas ante "os posibles danos ou afectacións" sobre a ZEC Serra do Careón e sobre as "emisións a atmosfera, que poden afectar a calidade do aire e provocar cheiros". Finalmente, criticaba que a documentación presentada pola empresa non realizaba "a análise das posibles repercusións do proxecto sobre o sector turístico na zona (casas rurais ou establecementos hostaleiros).
O posible prexuízo ao turismo, un dos grandes motores económicos destas comarcas foi un dos máis subliñados nos últimos meses. Sobre todo porque falamos dun turismo -rural, de natureza ou vencellado ao Camiño de Santiago- na que o estado do espazos naturais e da paisaxe son fundamentais
A conclusión dese informe inicial era que "o impacto pode ser suficientemente significativo, para afectar de forma considerable aos distintos elementos de interese turístico". Porén, ao igual que sucedeu noutros informes, coma o da Consellaría de Medio Rural, unha vez recibidas as emendas de Altri, Turismo modificou enormemente as súas conclusións, informando favorablemente do proxexto e limitándose a sinalar a posibilidade dalgún impacto negativo máis moderado ou leve.
O posible prexuízo ao turismo, un dos grandes motores económicos destas comarcas foi un dos máis subliñados nos últimos meses. Sobre todo porque falamos dun turismo -rural, de natureza ou vencellado ao Camiño de Santiago- na que o estado do espazos naturais e da paisaxe son fundamentais.
ICOMOS reafirmou hai uns días a súa demanda dun informe independente sobre o impacto patrimonial do proxecto de ALTRI
No informe publicado polo CCG, Xosé M. Santos comentou que o turismo (especialmente este tipo) é "moi sensible aos cambios" e detallou os efectos negativos para "a tranquilidade ou as expectativas" das persoas que visitan estas comarcas ou deciden facer o Camiño. Así mesmo, incluía os resultados dunha consulta realizada a propietarios de aloxamentos na zona, que esperaban un prexuízo importante nas reservas. Santos concluía que a instalación de Altri neste lugar podería "pór en perigo a que, sen dúbida, é a principal estratexia do Goberno galego en termos turísticos", na que a internacionalización e o fomento do Camiño de Santiago son claves.
A Asociación Galega de Albergues Privados e a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago manifestaron xa a súa oposición ao proxecto polo impacto que consideran que vai ter sobre a ruta, especialmente sobre o Camiño Francés. Tamén o ICOMOS, vencellado á UNESCO, emitiu un comunicado no que recomenda a realización dunha avaliación independente de impacto ambiental que non se limite á zona de amortecemento, senón que considere un contexto máis amplo. ICOMOS reafirmou hai uns días a súa demanda dun informe independente sobre o impacto patrimonial do proxecto de ALTRI.
A estas múltiples voces uniuse a de Mercedes Rois Díaz, directora de Innovación da Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta ata febreiro deste ano, que cualificou de "equivocación" situar esta fábrica "na contorna do Camiño de Santiago, signo de identidade polo que nos coñecen no mundo enteiro", ao tempo que alertaba do "impacto ambiental e cultural sen precedentes".