Altri, un asunto privado

Recreación da factoría de Altri divulgada pola compañía e imaxe promocional da serie 'Un asunto privado' (Prime Video, 2022) CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Imaxe da serie: © Bambú Producciones

Marina Quiroga é a protagonista de Un asunto privado. A personaxe que interpreta Aura Garrido na serie de 2022 producida pola galega Bambú para Prime Video non logra, malia aos seus intentos, separar a súa realidade de filla dunha familia da alta sociedade dunha imaxinaria cidade galega -fusión de Vigo e Pontevedra, escenarios da rodaxe- do labor que a apaixona, a investigación dunha serie de crimes coa complicidade de Héctor (Jean Reno), o seu mordomo e amigo.

Ao longo da trama Marina Quiroga debe ir sorteando contradicións e obstáculos para asumir que debe facer convivir a faceta na que a vida a colocou co traballo que sempre quixo desempeñar. Ao cabo, a investigadora e a filla de boa familia son a mesma persoa e ambas cousas, inseparables. E así o deben asumir todas as partes implicadas na historia.

Esta semana Praza.gal informou do resultado infrutuoso dun novo intento para tenter acceder, a través dos mecanismos da lei de transparencia, ao acordo asinado en 2021 entre Altri e Impulsa Galicia, a sociedade fundada pola Xunta e Abanca para "apoiar a maduración" de proxectos que optasen aos fondos europeos Next Generation. A existencia do pacto é pública dende que foi asinado porque Altri a divulgou; pero o seu contido, non.

A Xunta alega agora para non amosar o acordo secreto con Altri que a presidencia de Impulsa Galicia é unha condición distinta á de titular da consellería de Economía aínda que ese cargo no Goberno galego implique automaticamente encabezar a sociedade que pactou coa empresa portuguesa

Tras unha negativa inicial do Goberno á petición, este xornal recorreu ante a Comisión de Transparencia de Galicia alegando, entre outras cuestións, que a Xunta dispuña do documento porque foi asinado por Francisco Conde, daquela vicepresidente do Goberno galego e conselleiro de Economía, cargo que leva aparellado a presidencia de Impulsa Galicia. Pero a resposta, ao xeito do título da serie, foi un "non" alegando que se trata dun asunto privado. A mesma persoa, pero facetas que non se tocan entre si.

Como é sabido, a Xunta ten, cun 40%, a participación máis relevante en Impulsa Galicia. Esa porcentaxe é a que lle permite nomear a presidencia e, ao tempo, alegar que non controla a maioría da empresa porque, mesmo sumando o 10% co que conta Sogama, non supera o 50%. A decisión política foi non pasar da metade e así, por exemplo, poder responder agora que non fai público o pacto con Altri porque Conde o asinou "na súa condición de titular dun órgano dunha sociedade mercantil privada, representando a esta nun negocio xurídico privado" e "non na súa condición de cargo público" en "representación" da Xunta.

Consello de Administración de Impulsa Galicia, actualmente presidido pola conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, e do que tamén participan os conselleiros de Emprego e Facenda © Impulsa Galicia

Este argumento é outra peza no escudo público-privado construído pola Xunta en torno a Impulsa, do que discrepa o Consello de Contas. Para o órgano fiscalizador, o feito de que ao 40% da Xunta se sume o 10% de Sogama -sociedade na que a Administración é maioritaria cun 51%- é mostra de que en realidade o Goberno controla cando menos ao 50% as decisións de Impulsa, compañía na que concorren outros elementos que "apuntalan o control público", tales como estar fisicamente situada en instalacións públicas -a sede do Igape, en Santiago- ou ser parte das "actuacións estratéxicas da política industrial da Xunta de Galicia".

A apelación ao asunto privado serviu de momento para dicir "non" a revelar os papeis de Altri mediante a lei de transparencia e tamén ante reclamacións de BNG e PSdeG

O asunto privado serviu, de momento, para dicir "non" a revelar o pacto con Altri mediante a lei de transparencia. Tamén para responder co bloque reiteradas solicitudes a través do Parlamento por parte do BNG e mais do PSdeG, que tras esta última resposta prepara un novo paquete de iniciativas parlamentarias ao respecto mentres estuda a vía xudicial para tentar obter a documentación do pacto secreto coa compañía portuguesa. 

Esta semana, ao ser cuestionado ao respecto, o presidente da Xunta restoulle importancia á cuestión e deu por bo a consideración de asunto privado para a sinatura do daquela conselleiro e vicepresidente, actualmente deputado do PP no Congreso. Antes, ante as reclamacións de divulgar o pacto secreto, limitárase a reducir as acusacións de ocultación ao "mesmo de sempre". "Outra vaca no millo", ironizara Alfonso Rueda o pasado febreiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.