Altri afronta unha batalla xudicial mentres Besteiro insta a Xunta a parar de vez o proxecto

Acto de anuncio do inicio de accións legais contra Altri por parte de Adega, PDRA e CIG CC-BY-NC-ND CIG

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e o sindicato CIG levan ao xulgado a Altri polo procedemento na concesión de augas para a planta prevista en Palas de Rei. A empresa portuguesa, aliada con Greenalia na súa intención de establecer unha fábrica de fibras téxtiles a base de celulosa soluble de eucalipto na Ulloa, afronta así a primeira das batallas xudiciais da que advirten estas entidades e que se une á social e á política mentres moitas voces insisten en pedir a retirada definitiva do proxecto. 

Adega, a PDRA e a CIG levan ao xulgado a Altri polo procedemento na concesión de augas para a planta prevista en Palas

Unha delas, doutra volta este luns, foi a de José Ramón Gómez Besteiro, a denegar de inmediato a autorización industrial de Altri e rematar de vez co proxecto. Unha semana despois de adiantar que a empresa quedaba sen a subestación eléctrica que reclamaba ao Estado, o líder do PSdeG cre que "non hai ningún argumento serio que xustifique seguir alimentando unha mentira que todo o mundo sabe que non leva a ningures".

O grupo parlamentario socialista rexistrou no Parlamento unha iniciativa na que insta a Xunta a "rexeitar formalmente a autorización industrial" do proxecto de Altri. “Non hai escusas para non desautorizalo”, afirmou, logo de que non recibise “absolutamente ningunha axuda porque non cumpría os requisitos de descarbonización”, de que se lle denegasen fondos para proxectos innovadores e de que, agora, "a súa conexión eléctrica tampouco encaixe na planificación".

Gómez Besteiro, en rolda de prensa o 29 de setembro de 2025 CC-BY-SA PSdeG

“Altri é fume e propaganda, un proxecto que naceu morto”, dixo en rolda de prensa Besteiro, que reclamou á Xunta proxectos industriais para Lugo, porque hai “viabilidade absoluta” para eles, e recordou que “o que se desenchufa é Altri, non a provincia”. 

O PSdeG rexistrou no Parlamento unha iniciativa instando a Xunta a "rexeitar" a autorización industrial de Altri. "É fume e propaganda, un proxecto que naceu morto", di Besteiro

O secretario xeral dos socialistas galegos respondeu así ás argumentacións que comparten Altri, o PPdeG e a Xunta á hora de criticar que o Estado deixase do seu plan eléctrico industrial á compañía lusa. Hoxe mesmo, o presidente Alfonso Rueda volveu acusar o Goberno de España de "deixar sen conexión toda unha provincia" e de tomar unha decisión "absolutamente política" e "sen explicacións"

Cada vez máis conscientes do negro futuro de Altri en Galicia, desde a Xunta o seu presidente limítase a asegurar que a empresa "terá que avaliar" as futuras decisións que tomen unha vez que o Executivo central lle explique as razóns polas que quedou sen a subestación eléctrica requirida para o proxecto. A decisión sobre a planta de Palas "corresponde á empresa", insistiu Rueda. 

Mentres, Adega e a PDRA anunciaron tamén mañá deste luns o inicio de "accións legais conxuntas", a primeira delas aa través dun contencioso-administrativo contra a denegación do recurso de alzada que pedía o arquivo do expediente de solicitude de concesión de augas de Altri, "por transcorrer o prazo máximo legal sen que a Xunta o resolvese". A CIG, pola súa banda, adiantou que interporá outro recurso xudicial propio polo mesmo motivo. 

"As tres organizacións facémonos eco dos milleiros de alegacións achegadas pola cidadanía contra a concesión de augas solicitada por Altri", explican sobre o proceso aberto. 

Na tramitación da concesión de augas da multinacional portuguesa (46.000 m3/día), segundo explican as tres organizacións, o Regulamento do Dominio Público Hidráulico fixa un prazo máximo de 18 meses para resolver, tras os cales a solicitude se entenderá desestimada. 

Representantes de Adega, PDRA e CIG anuncian o inicio de accións legais contra Altri CC-BY-NC-ND CIG

O procedemento comezou co inicio do trámite de competencia"nun momento igual ou anterior ao 30 de novembro de 2022, data na que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publicou o anuncio do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Centro, da apertura do trámite de competencia de proxectos da solicitude. "Xa que logo, o prazo para resolver tería rematado o día 30 de maio de 2024, 18 meses despois da data da primeira publicación en boletín oficial", advirten. 

Recursos desestimados

Ante esta circunstancia, explican, Adega, a PDRA e a CIG, xunto cunha manchea de colectivos e particulares, solicitaron no pasado mes de febreiro á directora de Augas de Galicia que declarase a caducidade do procedemento. "Sen termos recibido resposta expresa pasados tres meses, polo que a petición ficou desestimada", aclaran. 

Tras a presentación dun recurso de alzada a esta desestimación, o pasado 1 de agosto Augas de Galicia respondeu desestimando os recursos alegando que o transcurso do prazo para resolver unha concesión implica poder considerala desestimada, mais non determina o arquivo do expediente. "Isto significa que Augas aínda podería resolver fóra do prazo máximo e mesmo autorizar o caudal solicitado por Altri", alertan. 

Na súa resposta, o Servizo de Tramitación de Autorizacións e Concesións de Augas de Galiza xustificaba a súa demora en resolver na “complexidade do procedemento concesionario", que "inflúe nos tempos de tramitación deste procedemento, excedéndoos pero sen que, en ningún caso, dito exceso poida traducirse en prexuízos para terceiros interesados”. 

No entanto, as tres organizacións recorrentes consideran que esta demora "causa inseguridade xurídica e un prexuízo ao interese público invocado polos alegantes". Adega, coa súa participación no trámite de competencia, defendía que o caudal solicitado por Altri fose dedicado a usos ambientais e de abastecemento, obxectivo contrario ao pretendido pola empresa portuguesa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.