Altri albisca negro o seu futuro en Galicia aos catro anos de aterrar da man da Xunta

Pancarta contra Altri ante a sede da Xunta, en San Caetano, durante unha cadea humana de protesta en xuño de 2024 CC-BY-NC-SA Praza.gal

"Está máis desconectado da realidade que Altri da liña eléctrica", espetoulle José Ramón Gómez Besteiro a Alfonso Rueda durante o pleno desta pasada semana no Parlamento. Un día antes, o líder do PSdeG anunciara que a nova planificación estatal das redes eléctricas ata 2030 deixaba fóra a subestación solicitada pola multinacional portuguesa para o seu proxecto en Palas de Rei. Unha decisión que logo lle confirmou o secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. 

O Estado deixou fóra a compañía portuguesa do plan eléctrico por non ser a súa factoría en Palas un proxecto asentado, nin estratéxico nin co futuro asegurado fronte a outros xa clave

Esta subestación e o posterior permiso de conexión para unha futura liña de alta tensión de 220 kW que facilitaría o Estado cos reforzos do sistema eléctrico era unha das condicións que Altri poñía para levar a cabo o seu investimento. Arredor de 1.000 millóns de euros para a contestada fábrica de fibras téxtiles a base de celulosa soluble de eucalipto que pretende na Ulloa. A outra era a obtención duns 250 millóns de euros a través de axudas públicas: co PERTE de descarbonización industrial vinculado aos fondos europeos e con achegas directas das administracións. Nada do agardado ten, e tanto a Xunta —activa defensora das intencións da empresa a quen deu luz verde ambiental— como a propia multinacional van admitindo xa que o proxecto non ten futuro en Galicia. Polo menos a curto prazo

Recreación da fábrica de Altri en Palas divulgada pola propia empresa © Greenfiber

Todo ocorre a piques de se facer catro anos desde que o 1 de outubro de 2021a empresa lusa anunciase cun comunicado que viña de asinar un acordo con Impulsa Galicia, a sociedade público-privada fundada meses antes pola Xunta (40%) da man de Abanca (38%), para "apoiar a maduración" de proxectos que optasen aos fondos europeos Next Generation. O obxectivo, unha planta que daquela se limitaba a definir como unha "unidade industrial de raiz" para "produzir anualmente cerca de 200.000 toneladas de pasta solúvel e fibras sustentáveis".

Catro anos despois, Impulsa Galicia está disolta sen que o Consello de Contas lograse facela transparente, e Altri ve o seu futuro en Galicia máis negro que nunca. 

"Doulle un 5% de posibilidades", resume unha fonte achegada ao proceso

"Doulle un 5% de posibilidades", auguraba o pasado luns unha fonte achegada ao proceso que leva a cabo Altri e das dificultades para acadar axudas europeas, descartadas no caso dos fondos Next Generation e "moi complicadas" por outras vías. "Pódese decretar a defunción do proxecto", engadía só un día despois, ao comprobar en detalle os investimentos que o plan eléctrico do Estado despexaba para numerosos proxectos industriais claves: plantas de hidróxeno verde, centrais hidroeléctricas de bombeo, así como a garantía de máis potencia para Stellantis, entre outros. 

Velaí unha das claves, segundo apuntan as mesmas fontes. "É unha cuestión de custo de oportunidade; se o reforzo eléctrico incluíse a Altri, habería que denegárllelo a outras industrias con proxectos máis asentados e prioritarios", explican. Porque o da multinacional portuguesa "non está maduro" nin cumpre polo momento cos requisitos necesarios para que sexa incluído na lista dos que cómpre apoiar desde o Estado, ben sexa pola súa relevancia e garantía financeira ou pola súa sostibilidade ambiental e carácter estratéxico. 

O conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina, planos do proxecto da fábrica en Palas e fragmentos da resolución do Ministerio sobre os fondos de descarbonización CC-BY-NC-SA Praza.gal

En resumo, as novas subestacións e liñas eléctricas que formula o Estado para os vindeiros anos achega conexións para proxectos que teñen máis asegurado o futuro ou a súa posta en marcha, algo que no caso de Altri está moi lonxe de ocorrer. 

Xa no pasado mes de xuño, a ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, advertía que a exclusión de Altri do PERTE era un "sinal claro de que ese proxecto non vai contar con axudas por parte da Administración Xeral do Estado; e por suposto entendemos que temos sempre que avogar por proxectos que teñan garantías ambientais". Naquela altura, a ex-ministra e presidenta do Banco Europeo de Investimentos (BEI), Nadia Calviño, aseguraba que non lle constaba "ningunha solicitude" de axudas por parte da multinacional lusa e deixaba "claro" que os "estándares en termos de protección medioambiental son moi elevados"

Altri obtivo a segunda peor puntuación na convocatoria do PERTE pola súa excesiva contaminación e presentouse sabendo que estaba fóra de prazo

Como lembran entidades sociais, políticas e ambientais contrarias ao proxecto, aquel primeiro atranco xurdido na carreira de Altri a Palas chegou logo de que obtivese a segunda peor puntuación no PERTE por non garantir unha redución de emisións contaminantes suficiente e usar demasiados combustíbeis fósiles, entre outras cousas. Pero ademais, recoñeceu que se presentara a esta convocatoria de axudas da UE sabendo que estaba fóra de prazo e que non podía acceder a elas a non ser que o Estado acordase unha prórroga coa Comisión Europea. 

Tras coñecerse, aínda que sen comunicación oficial á empresa, de que quedaría sen subestación eléctrica, Greenfiber —filial de Altri en Galicia— xa advertiu nun comunicado da posibilidade de "presentar alegacións" e "recurso" pola vía administrativa, tras cualificar a unha "decisión puramente política, que non está baseada en criterios técnicos, como debería ser". "A potencial exclusión do proxecto da planificación eléctrica suporía obrigar o territorio a renunciar a unha instalación que contribuiría á súa descarbonización", di a empresa, que lembran que contan coa declaración de impacto ambiental favorable por parte da Xunta e que lideran un proxecto "sostible, respectuoso co medio e coexistente con todas as actividades económicas que se desenvolven na contorna". 

Manifestación contra Altri, na Praza da Feira de Palas de Rei © Plataforma Ulloa Viva

Altri e Xunta calcan os seus argumentos contra a exclusión de Altri do plan eléctrico e advirten do prexuízo para o desenvolvemento industrial da provincia de Lugo

Pero Altri insiste e, seguindo o mesmo argumento que sae da Xunta e dos seus conselleiros, asegura que a exclusión do plan eléctrico estatal "suporía un claro prexuízo ao deixar fóra do mapa de desenvolvemento económico industrial toda a provincia de Lugo nos vindeiros anos, limitando oportunidades industriais e de emprego e afectando o desenvolvemento económico das comarcais rurais e ao obxectivo tan demandado da sociedade galega de asentar poboación e crear futuro no territorio". 

Desde a comarca onde pretende asentarse Altri, a plataforma Ulloa Viva dixo "lamentar profundamente" que a empresa decidise "presentar alegacións" á súa exclusión do plano eléctrico do Estado, considerando unha "oportunidade perdida" pola empresa para desistir "dunha macrocelulosa que ninguén quere". "Un proxecto que non ten electricidade, nin auga nin lexitimidade social", lembran. 

Avaliación ambiental e licenza

Ademais, Ulloa Viva cualificou como “o colmo da incoherencia” que Altri se queixe agora de quedar sen a subestación eléctrica polo que considera “unha decisión política e non técnica”: "Non lle pareceu tan mal a decisión puramente política  de declarar o seu  proxecto como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) no 2022 sen ningún estudo técnico”, lembrou Marta Gontá, voceira da plataforma. 

Malia ese carácter "estratéxico" que o proxecto ten para a Xunta, dese o Goberno galego admiten que as posibilidades de que vaia adiante son xa escasas. "Se unha fábrica non se pode enchufar, non pode funcionar", lembran acotío sobre unha exclusión do plan eléctrico que só é un atranco máis. 

Protesta contra Altri nun peche dun terreo na comarca da Ulloa © Pedro Armestre / Greenpeace

Sen axudas das administracións, coas que aspiraba a conseguir o 25% do investimento previsto, Altri ve negro un futuro para o que aínda lle quedaría a autorización ambiental integrada (AAI) por parte da Consellería de Medio Ambiente, así como a licenza definitiva de Economía e Industria para empezar as obras. Catro anos despois de que anunciase o seu acordo para aterrar en Galicia, a multinacional portuguesa non ten data para iniciar a planta de Palas... Nin moita esperanza de poder facelo. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.