Recursos de Galicia (RDG) é a empresa mixta impulsada pola Xunta xunto a diversas compañías privadas para participar en proxectos enerxéticos e mineiros tras o cambio de rumbo do gabinete do PP a este respecto. A Administración galega conta cun 30% do seu accionariado e os 32 socios privados, de dimensión empresarial e sectores diversos, co 70% restante en proporcións que o Goberno non revelou.
Unha comercializadora é unha empresa que merca a enerxía eléctrica ás produtoras e a vende ao consumidor final
Dende a pasada primavera, RDG tiña na súa axenda o lanzamento dunha comercializadora de enerxía eléctrica. O proxecto foi madurado no seo da compañía que preside Manuel Galdo -antigo alto cargo do Executivo con Feijóo-, se ben o anuncio foi reservado para o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que o fixo público a pasada fin de semana no marco do "retiro" co resto do Consello na Ribeira Sacra. Pero, cales son as implicacións desta decisións, con inevitables ecos doutras de gobernos de signo político oposto, caso de Barcelona en Comú no concello da capital catalá?
No mercado eléctrico, unha comercializadora é unha empresa que merca a enerxía ás produtoras, as propietarias dos medios de xeración (un parque eólico ou unha central de gas, por exemplo), e a vende ao consumidor final previo paso polas redes propiedade das compañías distribuidoras. No conxunto do Estado, segundo datos da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), operan máis de 500 comercializadoras, algunhas delas tamén impulsadas por entidades públicas.
Rueda avanza que RDG ofrecerá enerxía a prezos "por baixo do mercado" o que, alén da súa capacidade de compra a maior escala, implica unha subvención, toda vez que a empresa na que a Xunta controla o 30% das accións non opera no ámbito da produción eléctrica
Canda estas comercializadoras actúan as coñecidas como comercializadoras de referencia, as compañías que unicamente ofrecen a tarifa regulada polo Goberno de España, isto é, o Prezo de Venda a Pequenos Consumidores (PVPC). Son oito en todo o Estado e a da Xunta non entraría nese grupo.
Segundo o avanzado por Rueda, a que terá como denominación comercial RDG Comercializadora Galega de Enerxía "terá como clientes obxectivos a sectores estratéxicos da economía galega e aos veciños dos proxectos de xeración de enerxía". A súa oferta, agrega, será "100% renovable, por un prezo estable e substancialmente por baixo do mercado".
Á espera de coñecer a letra miúda do proxecto, o feito de que o titular da Xunta avance que a comercializadora de RDG ofertará enerxía eléctrica por baixo dos prezos de mercado implica, necesariamente, unha subvención. Non en van, Recursos de Galicia non conta, cando menos de momento, con participación nas dúas fases do mercado eléctrico previas á comercialización, a produción e a distribución, polo que non ten capacidade de actuación neles.
Fontes coñecedoras dos plans a medio prazo de RDG avanzan que eses "sectores estratéxicos" aos que se refire Rueda serán, esencialmente, pequenas e medianas empresas. Toda vez que as grandes empresas xa contan ou teñen capacidade para contar con acordos directos coas eléctricas para lograren prezos estables da enerxía eléctrica. A comercializadora con participación da Xunta poderá mercar enerxía en máis volume que unha PEME en solitario e, deste xeito, lograr prezos máis competitivos, consideran.
RDG prevé ter máis marxe de intervención cando participe en parques eólicos e outras instalacións de xeración. O Goberno galego seguiría sendo, co actual esquema, minoría nas decisións
Na contorna de RDG avánzase, ademais, que esta primeira modalidade da nova comercializadora, na que -alén das vantaxes que logre mercando enerxía ao por maior- só poderá intervir nos prezos pola vía de compensar economicamente as facturas, poderá ser substituída ou complementada nun futuro por outra. Iso sucederá cando Recursos de Galicia teña participación no accionariado de parques eólicos e outras instalacións de xeración. Así e todo, a marxe e intervención do Goberno galego continuará a ser limitada, dado que é o socio minoritario en RDG.
A oposición cre que beneficiará ás grandes eléctricas
O anuncio de Rueda foi acollido dende os grupos da actual oposición con escepticismo e receo. "Puro marketing, pura propaganda", coida a vicevoceira parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, quen resalta que o PP "carece de credibilidade" neste ámbito tras "opoñerse sistematicamente á empresa pública de enerxía que propón o BNG dende hai anos", unha compañía "100% pública" que, subliña, tamén estaría chamada a actuar no ámbito da xeración e non só na comercialización.
Este "anuncio estrela", abonda Rodil, é "outro intento de tapar que o PP leva anos traballando para o lobby das eléctricas". E, lamenta, "realmente non vai beneficiar en absoluto aos galegos e galegas".
Por parte do PSdeG o voceiro da súa Executiva Nacional, Julio Torrado, observa o anuncio da Xunta como "confuso e oportunista" tras anos en que "o propio Rueda desbotou sistematicamente propostas dos socialistas galegos para a creación dun sistema enerxético xusto e sostible". Agora, di, "retoma as mesmas ideas, pero condicionadas aos intereses das grandes enerxéticas".
Á espera da "concreción" sobre "como será a participación pública" na comercializadora, di Torrado, "temos razóns para sospeitar que non será máis ca unha manobra encuberta para beneficiar o sector privado, como noutras ocasións". "Non poden esperar que confiemos nun sistema enerxético onde as grandes empresas privadas teñan o control", conclúe. O mércores a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, ofrecerá máis avances sobre o proxecto, segundo indicou este luns Rueda a preguntas dos xornalistas.