BNG e PSdeG ven na disolución de Impulsa Galicia outro intento de ocultar xestións como a chegada de Altri

Feijóo cun responsable de Altri en abril de 2022, tras a decisión de Impulsa Galicia de elixir esa empresa para desenvolver un proxecto de transformación forestal en Galicia CC-BY-SA Xunta

O BNG di que o peche da empresa público-privada supón un "borrado de probas" tras deixar como legado a "bomba ambiental" de Altri

A disolución coñecida este xoves de Impulsa Galicia, a sociedade público-privada creada pola Xunta que impulsou a polémica fábrica de Altri, vén de ser recibida con críticas por parte da oposición. BNG e PSdeG coinciden en ver na desaparición da sociedade outro intento do Goberno galego de ocultar as xestións que a empresa fixo durante os seus catro anos de existencia. Nacionalistas e socialistas levan tempo tratando de obter documentación e explicacións sobre esas xestións, nomeadamente sobre a chegada de Altri, sen éxito.

Para o BNG a disolución da empresa é unha "sorte de borrado de probas" e unha "fuxida cara adiante" tras deixar como legado unha "bomba ambiental", en referencia ao proxecto de Altri. O deputado nacionalista Brais Ruanova sitúa Impulsa Galicia como paradigma da "política opaca e da economía de amigotes e chiringuitos" que practica o Goberno do PP. Neste sentido, o deputado lembra que a empresa a "leva no foco do Consello de Contas desde a súa creación" pola súa falta de transparencia e negativa da Xunta a que sexa fiscalizada.

Brais Ruanova, deputado do BNG CC-BY-SA BNG

O nacionalista subliña o feito de a sociedade se disolva "sen que os galegos e as galegas coñezan o acordo secreto asinado co pasteira portuguesa Altri en outubro de 2021 para impulsar a megacelulosa contaminante en Palas de Rei". Ruanova tamén quere que a Xunta explique "como se vai recuperar o capital público que a Xunta incorporou á sociedade Impulsa, presidida pola propia conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana". 

Finalmente, considera unha "brincadeira" que a empresa "se despida cunha nota de prensa na que se gaba de ter acadado os obxectivos para os que foi creada cando a realidade é que deixa como legado, ademais da ameaza de Altri, a privatización dos recursos naturais de Galiza a través dun chiringuito sen transparencia algunha", en alusión á empresa tamén público-privada Recursos de Galicia (RDG).

O PSdeG di que o peche "pola porta de atrás e en vacacións" demostra o "fracaso absoluto" da política industrial do PP

Para o PSdeG a disolución "pola porta de atrás e en plenas vacacións" demostra o "fracaso absoluto" da política industrial do PP. A deputada socialista Patricia Iglesias salienta que a disolución anúnciase un mes despois de que o seu grupo anunciase que reclamaría todos os expedientes relacionados con Impulsa Galicia "incluso por vía xudicial". Así, ve "curioso" que o anuncio de peche chegue "tras esa advertencia".

Patricia Iglesias, deputada do PSdeG © PSdeG

Iglesias lembra que a empresa "foi creada no 2021 coa promesa de atraer grandes proxectos ao noso país. E onde están? Pois en ningures". En resumo, a deputada socialista di que o ocorrido con Impulsa Galicia "é demostración do modus operandi do PP: crear chiringuitos híbridos de colaboración público-privada para fuxir do control".

Impulsa Galicia, participada tamén por Abanca, Sogama e Reganosa, leva tempo no foco do Consello de Contas, que lle vén pedindo transparencia, pero agora os seus socios péchana "tras cumprir o seu propósito fundacional"

Impulsa Galicia foi creada pola Xunta a proposta dun comité de expertos para "apoiar a maduración das propostas incluídas na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation" e "axudar na busca de futuros investidores para o seu desenvolvemento". No capital da sociedade a Xunta participou cun 40%, seguida por Abanca cun 38%, Reganosa cun 12% e Sogama cun 10%. Como a Xunta tamén está presente no capital de Reganosa e Sogama, a participación do Goberno galego en Impulsa Galicia superou o 48%, e reservouse o control das súas decisións e a presidencia, en mans da conselleira de Economía e Industria.

Porén, argumentando que a participación non superaba o 50%, a Xunta vénse negando a que Impulsa Galicia sexa fiscalizada polo Consello de Contas. Igualmente, a Xunta tampouco está a facilitar ao Parlamento, reclamada pola oposición, diversa documentación da empresa que ten no seu poder como socia da mesma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.