O líder socialista pide a comparecencia no Parlamento de Feijóo e o seu vicepresidente Francisco Conde e ve grave que o acordo privado coa empresa puidese conter indemnizacións públicas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou este xoves unha comisión de investigación no Parlamento "para esclarecer as circunstancias nas que se asinou o memorando entre a Xunta e a multinacional Altri" tras revelar Praza.gal que o Goberno galego "descoñece", segundo unha resposta oficial, o contido dese acordo. Besteiro esixe "explicacións públicas sobre un acordo que o propio Goberno galego admite agora que se asinou á marxe do control administrativo".
O Goberno galego vense negando a amosar o acordo asinado con Altri para a súa chegada a Galicia o 1 de outubro de 2021 polo daquela vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, co argumento de que o fixo non como conselleiro senón como representante da sociedade Impulsa Galicia, creada pola Xunta pero na que a participación pública non chega por pouco ao 50%. Pero agora, segundo vén de alegar ante a Comisión da Transparencia de Galicia no marco dun recurso interposto por Praza.gal, a Xunta mesmo di que o acordo "é descoñecido" para ela e que "non o posúe".
"Se non o sabe, o problema é gravísimo. E se o sabe e non o explica, tamén", di Besteiro sobre a resposta oficial da Xunta de que descoñece o contido do acordo con Altri
"A gravidade das informacións coñecidas obriga ao máximo responsable do Executivo galego a dar a cara e explicar que sabía, cando o soubo e que consecuencias pode ter este pacto para Galicia", di o PSdeG. Besteiro considera "extremadamente grave" que "un conselleiro puido asinar un acordo de enorme transcendencia económica, territorial e ambiental sen control político nin transparencia pública". "Non é crible que a Xunta non saiba que compromisos se asumiron en nome de Galicia. Se non o sabe, o problema é gravísimo. E se o sabe e non o explica, tamén", considera o líder socialista.
"Hai dúas versións claramente contraditorias e só o Parlamento pode aclarar que pasou realmente", considera Besteiro, que ve "imprescindible que Núñez Feijóo e Francisco Conde, hoxe deputados no Congreso, comparezan nunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia". A solicitude de comisión de investigación precisaría tamén, cando menos, do apoio do BNG para poder ser debatida.
Besteiro di que sería grave "que ese memorando secreto incorporase algún tipo de blindaxe legal para a empresa, que puidese abrir a porta a que Altri reclame millóns de euros en indemnizacións con cargo a fondos públicos".
Tamén o BNG vén reclamando o pacto con Altri e ante as negativas da Xunta o pasado outubro anunciou que acudiría á xustiza. Unha negativa da Xunta co argumento de que Impulsa Galicia, disolta o pasado verán, era privada que non convence ao Consello de Contas, para quen a súa elevada participación pública e creación desde a Xunta debe levala a someterse a unha maior fiscalización pública.