A Xunta confirmou o pasado venres o inicio do arquivo do proxecto de Altri para instalar en Palas de Rei unha fábrica de celulosa e de fibras téxtiles a partir deste produto. O detonante do trámite é que a posible factoría ficou fóra da planificación das redes eléctricas do Goberno de España ata 2030 e, polo tanto, tamén da posibilidade de lograren un posterior permiso de conexión para unha futura liña de alta tensión.
O anuncio chegou case media década despois da decisión política de alentar o proxecto dende o Goberno galego. Sucedeu, como é sabido a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia. Foi quen daquela era o seu presidente pola súa condición de vicepresidente económico e conselleiro de Industria, Francisco Conde, o encargado de asinar un pacto coa compañía portuguesa cuxo contido segue sendo secreto e a cara ao cal agora viran, se cabe, aínda máis focos políticos e sociais. [A Xunta alega que "descoñece" o contido do pacto secreto con Altri que asinou un conselleiro ]
Cando a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, confirmou o que semella o comezo da fin do proxecto de Altri, o BNG xa rexistrara para o vindeiro pleno do Parlamento a pregunta que Ana Pontón vai formular ao presidente da Xunta o vindeiro mércores. "Que razóns levan ao seu goberno a ocultar información relevante, como é o caso de Altri?", tiña xa previsto preguntar Pontón tras anos a reclamar sen éxito os papeis no Parlamento. Por este motivo, o propio Bloque está a tentar conseguir a documentación a través dunha petición formal ante Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que xa foi admitida a trámite.
Pontón cuestionará a Rueda sobre o contido do documento que o Goberno galego se nega a amosar, e que o BNG tenta conseguir a través do Tribunal Superior tras as negativas no Parlamento. O PSdeG volve urxir a súa divulgación e confirma que acudirá tamén á vía xudicial
Pontón combina a reclamación do pacto secreto coa celebración do que considera o "gran triunfo do sentido común fronte ao tándem PP-Altri". No transcurso do acto do BNG polo día de Rosalía de Castro, a líder soberanista amosouse "segura" de que a poeta "sentiría o mesmo orgullo que sentimos nós ao ver como o pobo galego parou a macrocelulosa" malia exercer o propio presidente da Xunta coma o seu "comercial". "Galiza -di Pontón- non precisa o franquismo industrial das macrocelulosas", senón "empresas de vangarda, sostibles e de futuro, o contrario do que representa o PP".
A reclamación de que o pacto secreto sexa publicado tamén vén sendo reiterada por parte do PSdeG, cuxo secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, subliñaba tras coñecer o arquivo a necesidade de facer "transparente" que "compromisos concretos" contemplaba. E, máis concretamente, "se aos galegos e galegas lles vai custar cartos esta aposta falida".
Neste contexto, e despois de "solicitalo reiteradamente" polas vías parlamentarias e ao abeiro da Lei de Transparencia, o PSdeG confirmaba este luns a través da súa voceira de Industria, a deputada Patricia Iglesias, a súa intención de "acudir á vía xudicial". Iglesias subliña, ao tempo, a "influencia positiva do PSdeG, principalmente de Besteiro" no destino final do que "non era unha industria sostible para Galicia".
Ulloa Viva ve "fundamental que sexa público"
A plataforma que aglutinou as mobilizacións contra o proxecto advirte de que vai "seguir pelexando para que a Xunta emita unha denegación da autorización" alén do arquivo e así "dificultar calquera posibilidade de reactivar isto nuns anos"
Tamén a plataforma Ulloa Viva, principal aglutinadora da ampla mobilización social contra o proxecto de Altri en Palas de Rei, ve "fundamental que ese memorando de entendemento sexa público". En conferencia de prensa en Palas para valorar o arquivo o proxecto, o seu presidente subliñaba este luns que "todo o proceso" estivo marcado polo "escurantismo" e "pola conivencia entre a Xunta e as empresas promotoras", sostén Juan Pedro Sánchez.
Canda os avogados Pedro Trepat e Xoaquín Monteagudo, do gabinete xurídico da plataforma, Sánchez e mais a voceira do colectivo, Patricia Coucheiro, explican que Ulloa Viva "celebra", pero "con cautela". Porque "a loita non se detén até que a nivel oficial o proceso estea totalmente soterrado", advirten. E por iso Ulloa Viva "vai seguir pelexando para que a Xunta emita unha denegación da autorización, que é o que procede e ao que ten dereito a cidadanía e mesmo a propia empresa promotora".
Resaltan Trepat e Monteagudo que o colectivo vai procurar "ter acceso e coñecer ao detalle o anuncio da Consellería" sobre a causa do arquivo, a imposibilidade de conexión eléctrica, nun contexto no que ademais a primeira autorización ambiental xa outorgada pola Xunta "subsiste seis anos". Por todo isto a "batalla final" aínda non concluíu e "imos estudar e ver todas as vías para seguir xuridicamente atacando os restos vixentes e forzar un peche definitivo da cuestión". "O que procede -resumen- é a denegación e dificultar calquera posibilidade de reactivar isto dentro duns anos".