O anuncio no pasado outono de que a nova planificación do Estado das redes eléctricas ata 2030 deixaba fóra a subestación solicitada por Altri para Palas de Rei escureceu o futuro do seu proxecto. Aquela decisión do Goberno de España atrancaba de todo os plans da multinacional portuguesa en Galicia, que este venres —medio ano despois— recibiu o non definitivo ao anunciar a Xunta o arquivo do seu expediente.
Xunta, PP e Altri atribúen o arquivo do expediente de Altri a unha "decisión política" sobre un proxecto cunha clara conexión política desde a orixe
Tras case un lustro de anuncios imprecisos, pactos secretos, batallas políticas e unha intensa mobilización social en contra, a fábrica de celulosa e de fibras téxtiles a partir deste produto prevista na comarca da Ulloa marcha de vez, á espera de alegacións e alternativas que non teñen traza de saír adiante.
Faino aludindo a Xunta e a propia empresa a unha "decisión política" —argumento empregado acotío para acusar o Goberno central de pór obstáculos— sobre un proxecto cunha clara conexión política desde o principio. Co PP e co propio Executivo autonómico.
O plan da da compañía portuguesa Altri aterrou en Galicia da man da Xunta en outubro de 2021 a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia e da galega Greenalia, que na súa dirección ten como figura relevante a Beatriz Mato, conselleira de Traballo e de Medio Ambiente en distintos gobernos de Feijóo. O actual líder do Partido Popular no Estado apadriñou tamén a iniciativa.
O proxecto de Altri aterrou en Galicia da man da Xunta, a través de Impulsa Galicia e de Greenalia e cun pacto aínda secreto
A aventura de Altri botou a andar cun pacto cuxo contido, malia as denuncias e críticas da oposición, segue sendo secreto. Tan misterioso que a Xunta alega o seu "descoñecemento" para non informar del malia que foi asinado por un conselleiro. Só catro meses despois de asinarse este memorando de entendemento, o Parlamento votaba por unanimidade (cos votos a favor de PP, BNG e PSdeG) unha proposta a prol da fábrica da empresa lusa.
Esta votación foi esgrimida polos populares e a Xunta para acusar de "cambio de postura" a socialistas e nacionalistas, que advertiron sempre que o aprobado na Cámara en febreiro de 2022 era unha proba máis do escurantismo e o calote que supuña o proxecto respecto dos anuncios iniciais.
O proxecto presentouse como fábrica de fibras téxtiles e foi apoiado por unanimidade no Parlamento, pero o detalle desvelou que a maioría de produción sería celulosa e cunha elevada demanda de auga
Aquela proposición instaba a Xunta a "dar prioridade ao proceso de deseño da primeira fábrica de fibras téxtiles en España" que "permitiría pechar o ciclo de produción de madeira en Galicia". Altri advertía das súas bondades a nivel de sostibilidade e respecto ao medio ambiente, cualificaba de "biofábrica de fibras sustentáveis" o proxecto e o Parlamento reclamaba que se "propiciase a súa localización, preferentemente na Mariña" e, en todo caso, "na provincia de Lugo". Mesmo houbo laios de todas as cores pola non chegada da fábrica ao norte lucense.
Nada se mencionaba daquela da celulosa e o propio ministro de Industria, Jordi Hereu, advertía anos despois no Congreso da viraxe de Altri para poñer en dúbida o proxecto. Hai dous anos, en marzo de 2024, moitos dos riscos e impactos que viñan advertindo voces ecoloxistas, do agro ou políticas plasmáronse ao sacar a información pública a Xunta o estudo de impacto ambiental.
A biofábrica da que falaba a multinacional portuguesa pensaba producir, en realidade, ata 400.000 toneladas anuais de celulosa e 200.000 de lyocell, tecido artificial e ecolóxico fabricado a partir desa pasta de madeira. Precisaría 46 millóns de litros diarios de auga —tanta como a que consome Ence— e utilizaría como materia prima básica arredor de 1,2 millóns de metros cúbicos (toneladas) de madeira de eucalipto (globulus e nitens) por ano. Unha cantidade que supón máis do 20% do total das cortas forestais desta especie en Galicia.
As mobilizacións contra a planta estendéronse por toda Galicia e o lema 'Altri non' retumbou en estadios e espectáculos culturais
As mobilizacións que xa eran importantes na comarca da Ulloa estendéronse por toda Galicia, co lema de Altri Non enchendo camisolas, adhesivos e produtos de todo tipo, e sendo coreado en Riazor, Balaídos, así como en concertos e galas culturais. O clamor contra o proxecto encheu Compostela en decembro de 2024 e levou milleiros un ano despois. Polo medio, unha masiva mobilización desbordaba A Pobra do Caramiñal por mar e terra, alertando das posibles afectacións na actividade da ría de Arousa, ademais das xa denunciadas a nivel económico e medioambiental.
Foi poucos días despois de que a Xunta dese luz verde ambiental ao proxecto de Altri, nunha polémica decisión que ergueu aínda máis a indignación e a capacidade de mobilización social. Pero un mes máis tarde, Altri quedaba fóra das axudas á descarbonización que solicitara para instalarse en Galicia. O proxecto non foi incluído polo Goberno de España na lista de beneficiarios de fondos europeos asociados ao PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) neste ámbito, no que era o seu primeiro intento para acadar achegas comunitarias, fondos que sempre advertiu como indispensables para poder levar a cabo o seu investimento de perto de 1.000 millóns.
Altri recoñeceu que se presentara fóra de prazo á convocatoria de axudas da UE na que o seu proxecto foi o segundo con peor puntuación
Dese montante total, Altri contaba coa obtención de ducias de millóns con axudas públicas a través do fracasado PERTE de descarbonización industrial vinculado aos fondos europeos e de achegas directas das administracións. Nada obtivo. Recoñeceu que se presentara á convocatoria de axudas da UE fóra de prazo e pediu máis tempo, ademais de ser rexeitado o seu plan, que foi o segundo con peor puntuación. Non cumpría coas esixencias requiridas respecto do consumo de combustibles fósiles e non acadou nin tan sequera a puntuación mínima no referido ás emisións de gases de efecto invernadoiro e á necesidade de que fosen evitadas con recursos técnicos e melloras medioambientais.
Malia todo, a Xunta seguía erguendo a súa repetida argumentación: o Executivo central "discrimina" a Galicia e segue "criterios políticos" e non técnicos para prexudicar iniciativas empresariais no país.
Un apoio non tan firme
Á volta do verán, Altri topou coa negativa do Estado á subestación e, xa que logo, ao posterior permiso de conexión para unha futura liña de alta tensión de 220 kW que facilitaría o Estado cos reforzos do sistema eléctrico, a outra condición inexorable que a empresa puña para botar a andar a fábrica. O futuro xa era negro de todo á espera, tamén, do segundo e necesario visto e prace do Goberno galego: a Autorización Ambiental Integrada (AAI), que concreta os parámetros que a instalación debe respectar para cumprir coa declaración de impacto ambiental.
Polo medio, o aparentemente inquebrantable apoio desde a Xunta e o PP ao proxecto de Altri tamén fraqueaba, ben nas bases populares da comarca máis afectada, ben polas conexións político-empresariais cruzadas. Así, mentres o Goberno galego advertía da aldraxe polos atrancos ao proxecto de Palas, mantiña silencio coa perda da mesma axuda pública por parte de Ence, que non dubidou en amosar o seu malestar ante o equipo de Rueda e presumir do seu "avance firme" coa súa iniciativa nas Pontes.
Inditex, que foi sinalada como posible provedor de Altri e mesmo impulsor da planta, mantivo silencio; Ence amosou o seu malestar polo apoio férreo da Xunta a Altri
Fontes do sector e coñecedoras do proceso lembraban tamén que na defensa da planta de Altri non chegou a aparecer Inditex, que mantivo silencio e nada dixo sobre o proxecto malia ser sinalada como posible futuro provedor do lyocell que producise e mesmo como impulsor da fábrica. Os seus impulsores tampouco a lograron convencer, unha eiva aplicable ao que aconteceu con tantos e tantas outras.
Agora, Altri di estudar alegacións e outras "opcións para a conexión eléctrica" tras advertir dunha exclusión "política", en alusión á decisión do Goberno de España sobre a desexada subestación. Unha decisión política sobre un proxecto con evidentes conexións políticas e contestado fortemente na rúa con manifestacións. Protestas, tamén, políticas.