Pontón aplaude o arquivo de Altri como "triunfo da cidadanía" e "derrota do PP"

Ana Pontón e representantes municipais do BNG da contorna, en Palas de Rei nun acto contra o proxecto de Altri en 2024 CC-BY-NC-SA BNG

"Venceu a dignidade". A portavoz nacional do BNG ve no arquivo do proxecto de Altri confirmado este venres pola Xunta como unha "mostra máis da capacidade que ten o pobo galego para defenderse fronte a proxectos que supuñan unha ameaza para o noso futuro".

"É un gran día para Galiza" e "un gran triunfo da cidadanía", a comezar pola das comarcas máis afectadas polo proxecto, sostén Ana Pontón, que sinala como parte da vitoria os "milleiros de galegas e galegos que nos mobilizamos en contra da bomba ambiental de Altri". "Sen rendernos nunca e desmontando todas e cada unha das mentiras e das falacias do PP", salienta.

Pontón, coa alcaldesa de Santiago e outros membros do BNG nunha manifestación contra Altri CC-BY-SA BNG

"Venceu a dignidade", sostén a líder do BNG, que no vindeiro pleno do Parlamento cuestionará a Rueda sobre o contido do pacto secreto da Xunta coa compañía portuguesa

O acontecido, coida a líder soberanista, implica tamén a "derrota dun goberno do PP que defendía o espolio dos nosos recursos, a contaminación do noso territorio por riba das persoas" e que "quería poñer os intereses de Altri por riba da xente do medio rural e do mar". Implica, incide, a derrota "dun PP que só ofrece o franquismo industrial das macrocelulosas e que non ten máis alternativa industrial para Galiza que recoller proxectos que ninguén quere.

O arquivo do expediente de Altri chega en vésperas de que, no vindeiro pleno do Parlamento, Pontón vaia cuestionar o presidente da Xunta sobre o contido do pacto secreto ao que o Goberno galego chegou con Altri a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia. Paralelamente, o Bloque está a tentar conseguir esa documentación a través dunha petición formal ante Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que xa foi admitida a trámite.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.