Pontón sinala Pazo de Vilane como "exemplo perfecto" de "riqueza no rural" fronte á "bomba" de Altri

Ana Pontón, con Nuria Varela-Portas, xerente de Pazo de Vilane, durante a visita á granxa da empresa en Antas, este 29 de maio CC-BY-NC-SA BNG

A empresa fundada pola familia Varela-Portas rolda os 90 postos de traballo e pon no mercado uns cinco millóns de ducias de ovos campeiros ao ano

Tras case 30 anos de andaina, Pazo de Vilane é unha empresa consolidada na produción de ovos campeiros e marmeladas artesás. A granxa fundada pola familia Varela-Portas en Antas de Ulla rolda os 90 postos de traballo e pon no mercado arredor de cinco millóns de ducias de ovos cada ano.

Nuria Varela-Portas, cofundadora e xerente da compañía, recibiu este xoves nas instalacións unha delegación do BNG encabezada pola súa portavoz nacional, Ana Pontón. A visita do Bloque a Antas e a esta empresa en particular encádrase na súa oposición á implantación de Altri na comarca -a escasos 10 quilómetros da granxa- cunha fábrica en Palas de Rei que sería, afirma, todo o contrario ao "exemplo perfecto" de desenvolvemento para o rural que representa Pazo de Vilane.

Visita do BNG a Pazo de Vilane, en Antas CC-BY-NC-SA BNG

A empresa dos Varela-Portas, di Pontón, amosa ás claras como "dende o rural se poden poñer en marcha proxectos que crean riqueza e postos de traballo dende o respecto ao medio ambiente e ao territorio". Pero "inexplicablemente, esta riqueza e este emprego, este rural vivo e activo, está ameazado pola teima do PP en impoñer Altri, unha auténtica bomba ambiental no corazón de Galiza" malia "poñer en risco o medio de vida de miles de familias".

"Inexplicablemente, esta riqueza e este emprego, este rural vivo e activo, está ameazado pola teima do PP en impoñer Altri", di a portavoz nacional do Bloque para animar a participar este domingo na "marcha contra as macrocelulosas" en Pontevedra

En vésperas dunha nova mobilización contra o proxecto Greenfiber, denominación da fábrica de celulosa e fibra téxtil lyocell a partir deste produto que proxecta Altri canda a galega Greenalia da man de Recursos de Galicia -cofundada pola Xunta-, Pontón ve "clave seguir coa mobilización social". A seguir pola "marcha contra as macrocelulosas" que este domingo xunta en Pontevedra o movemento contra Altri coa reclamación de que Ence abandone a ría.

"Galiza quere industria", afirma a líder do Bloque, "pero do século XXI, innovadora e de vangarda, respectuosa co medio ambiente". E mentres, "o goberno do PP só ofrece pasado" e se "en 1963 foi Ence, sesenta anos despois ofrece o mesmo". Daquela "aniquilaron a riqueza da ría de Pontevedra, pero non imos permitir que fagan o mesmo coa ría de Arousa nin coa comarca de Arzúa e A Ulloa e o río Ulla".

"Dende Antas de Ulla, visitando un proxecto innovador e de referencia como é Pazo de Vilane", conclúe Pontón, pídolle a Rueda que rectifique" e "defenda os intereses de Galiza, da xente do rural e da xente do mar". "Non queremos -enfatiza- unha macrocelulosa dunha multinacional portuguesa que quere vir aquí en UTE con empresas amigas do PP para facer o que non lles deixan facer en Portugal". "Imos facer todo o posible para que ese atentado non se leve a cabo, man con man coa cidadanía que quere un fuutro que non pasa por envelenar os nosos montes, os nosos ríos e rías e o noso medio rural", finaliza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.