"O noso tecido socioeconómico, que resultou ser un modelo exitoso de fixación de poboación e de cohesión territorial, está en perigo", sinalan as impulsoras do manifesto, que subliñan o seu papel fronte á crise climática
Das gandarías ás explotacións avícolas. De pequenas empresas de cosmética a granxas ou denominacións de orixe de produtos alimentarios. En total, case medio cento de produtoras da Ulloa véñense de unir baixo un mesmo manifesto para amosaren a súa oposición á instalación da fábrica de Altri en Palas de Rei.
En vésperas da manifestación que, o vindeiro domingo 26, pretende concentrar todo o movemento veciñal, ecoloxista e socioeconómico contra o proxecto, o Manifesto das persoas produtoras procura facer valer unha das ideas forza que máis se repite na contorna. Que A Ulloa e as comarcas do arredor non son unha área deprimida que precise o rescate a través dunha factoría coma esta, senón que Altri pon en risco un tecido socioeconómico que xa existe.
A gandeira en ecolóxico Ana Corredoira -tamén voceira do PSdeG en Palas-, Marta Fernández (da Granxa Maruxa) e Natalia Varela, no nome da Plataforma Ulloa Viva, puxeron este martes voz a un manifesto que principia lembrando o contexto da emerxencia climática. Tras un 2023 que foi o ano máis caloroso da historia dende que hai rexistros, subliñan, é máis que nunca o momento de "visibilizar o servizo ou papel que xogamos os modelos de produción ligados ao territorio".
"As produtoras e produtores", subliñan, son "auténticos axentes ambientais que coidamos dun territorio que dá vida e alimenta, facendo un uso respectuoso dos recursos", producindo "alimentos de calidade" e "pechando, e son numerosos os exemplos na nosa paisaxe, un ciclo que vai da terra aos consumidores". Unha "auténtica economía circular" que "contribúe á descarbonización" e se encadra nos compromisos de loita contra o cambio climático, resaltan, asumidos pola UE e inseridos na Axenda 2030.
Aspectos coma estes, advertiron na presentación celebrada en Monterroso, están "en perigo" por mor da "ameaza" de Altri. "O noso tecido socioeconómico, que resultou ser un modelo exitoso de fixación de poboación e de cohesión territorial, está en perigo. O noso sistema agrogandeiro, cun peso importante das producións diferenciadas e garantistas cos obxectivos recollidos nas políticas do marco europeo, está en perigo; do mesmo xeito que está en perigo o noso modelo de desenvolvemento industrial, ligado en gran medida a ese sistema agrario, que permite pechar o ciclo produtivo e valorizar o noso territorio e as nosas producións", sinalan.
Empresas como Pazo de Vilane, Milhulloa ou Arqueixal, fornos de pan da contorna ou as denominacións de orixe Arzúa-Ulloa e Queixo de Tetilla apoian o manifesto
Gandaría, labregas e labregos, queixarías, apicultura, comercios... "Somos unha rede tecida durante décadas, vencelladas á mesma paisaxe que nos foi proporcionando as materias primas e o substrato necesarios para vivir e traballar". Por iso, conclúen, "defendemos a nosa terra, o noso aire e a nosa auga".
Entre as asinantes do manifesto destacan empresas como Pazo de Vilane, Milhulloa, Granxa Maruxa, Arqueixal, Cosmética Muulhoa ou varias granxas. Tamén as panadarías Coego (Monterroso), Somoza e Manso (Antas) e establecementos hostaleiros da contorna. Grupos de consumo e persoas a título individual asinan xunto a organizacións como as denominacións de orixe Arzúa - Ulloa e Queixo de Tetilla, Fademur ou o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, entre outras.