Rueda atribúe a Pontón e Besteiro un "empate" no freo a Altri e mantén oculto o pacto coa empresa

Rueda na sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente insiste en que coñece o acordo logo de que a Consellería de Industria o negase á Comisión da Transparencia 

"Non gañou ningún dos dous, houbo un empate evidente, pero houbo un único perdedor, Galicia e o seu futuro". Así fixo responsables este mércores o presidente da Xunta aos líderes da oposición, Ana Pontón e Xosé Ramón Gómez Besteiro, do arquivo do proxecto de Altri. Rueda atribuíu a "o pobo", a través da súa vitoria electoral, a aposta pola fábrica de celulosa en Palas de Rei e lamentou que se perda agora "un futuro para que a xente teña emprego en Galicia". Díxoo na sesión de control á Xunta no Parlamento na que novamente evitou desvelar o acordo secreto asinado con Altri en outubro de 2021, como lle pediu Pontón. 

Ana Pontón insta a Rueda a publicar o pacto secreto con Altri e o presidente nega que a Xunta afirmase que o descoñecía, este 25 de febreiro no Parlamento CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Pontón centrou a súa pregunta quincenal a Rueda en coñecer o acordo con Altri e aproveitou para defender a postura do BNG no conflito. "O pobo galego leva dous anos dicíndolle con toda claridade 'Altri non, Galiza si', e o BNG estivo sempre ao lado da xente", dixo, para cualificar o arquivo do proxecto pola súa falta de conexión eléctrica de "rotunda derrota política" de Rueda.

"O único que queda é un vergoñento acordo secreto asinado con Altri", dixo Pontón, que lembrou que o BNG vén de recorrer ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para coñecer o documento. "Imos coñecer que oculta nese acordo secreto", asegurou a nacionalista, que pediu a Rueda pechar o conflito "con dignidade". "Entregue a este Parlamento o seu acordo", reclamou.

Previamente Besteiro tamén se referira ao pacto secreto con Altri. O socialista centrara a súa pregunta a Rueda na falta de apoio da Xunta aos concellos e lamentou que a resposta de Rueda sexa sempre culpar o Goberno de España. Nesa liña, Besteiro censurou que a Xunta, para cargar contra Pedro Sánchez, recorra á xustiza para coñecer o expediente sobre a concesión da AP-9 mentres teima en "non desclasificar os papeis de Altri", ante o que pediu a Rueda coherencia.

Fragmentos da resolución da Comisión de Transparencia que recollen o argumento da Xunta segundo o cal "descoñece" o contido do pacto con Altri © Praza.gal

Rueda atribuíu a "o pobo", a través da súa vitoria electoral, a aposta por Altri e lamentou que se perda "un futuro para que a xente teña emprego en Galicia"

Ese acordo con Altri vén sendo tamén reclamado en aplicación da Lei de Transparencia por Praza.gal. Hai unhas semanas a Consellería de Industria respondeu á Comisión da Transparencia de Galicia que a documentación solicitada "é descoñecida para ela". Pero este luns, e novamente este mércores, o presidente Rueda dixo "coñecer" o documento. E mesmo negou que o seu Goberno dixese o que a Comisión da Transparencia reflicte na súa resolución oficial. "En ningún momento dixemos que non coñeciamos o contido", dixo Rueda este mércores, para volver defender a súa "confidencialidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.