Pemex deixa en evidencia a Xunta e nega que firmase contratos con estaleiros galegos

Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

O globo de Pemex desínflaselle a Feijóo. De vez. A petroleira mexicana vén de afirmar no seu país que a compañía "non asinou ningún contrato con estaleiros galegos", contradicindo así á Xunta, que anunciou a pasada semana a firma dun acordo para a construción de dous buques floteis para a empresa azteca, un deles no estaleiro de Barreras en Vigo e outro no de Navantia en Ferrol, que implicaba un investimento de 300 millóns de euros. A aclaración da compañía foi publicada incluso no seu perfil de Twitter.

"O que se falou coa Xunta, ao igual que con estaleiros coreanos, é que condicións se lle poden ofrecer a Pemex"

Nunha conferencia de prensa de varios directivos da compañía, e logo da polémica xurdida en México ante os anuncios feitos pola compañía en Galicia, os dirixentes de Pemex chegaron a asegurar que "non se asinou ningún compromiso" co Executivo galego. "O que se falou co Goberno de Galicia, o mesmo que se falou con estaleiros coreanos, é que condicións se lle poden ofrecer á empresa para ter servizo de floteis", asegurou Juan José Suárez Coppel, director xeral de Pemex, que non negou que se puidese chegar a acordos máis adiante. Conselleiros da firma estatal azteca acusaran a Pemex de ocultar o contrato, de non facer licitación pública ningunha e de ser unha operación pouco estratéxica para a súa industria, ao que se uniron as críticas da prensa por un acordo que consideraban "electoralista" e "político" e para nada beneficioso para a economía do seu país. Algunhas crónicas chegaron a falar do "negocio turbio máis grande dos negocios turbios de México".

Pemex nin tan sequera dá por feita a instalación da súa base no porto exterior da Coruña

"Estase en conversas cos estaleiros de Galicia, estase en conversas co porto da Coruña e estase en conversas con estaleiros en Corea porque algúns barcos construiranse en Corea. Agardamos construír outros barcos en Galicia, porque as condicións indican que van ser as máis axeitadas", recoñece Suárez Coppel que, no entanto, nega en varias ocasións que o acordo sexa definitivo e que os contratos con Barreras e Navantia estean asinados, tal e como se pode ver na transcrición textual da rolda de prensa que Pemex ofrece na súa web.

Foi PMI, unha filial de Pemex, quen asinou un acordo que ten que ser aprobado pola empresa estatal

"Non se asinou compromiso ningún, ningunha aprobación", insistiu Coppel, que logo aclarou aínda máis a situación, ante as insistentes preguntas dos xornalistas. "Como sucedeu en ocasións anteriores, PMI (filial de Pemex) é a que contrata e asina os contratos en Galicia, pero non é Petróleos Mexicanos". PMI, tal e como se aclara na súa propia web, é "o brazo comercial de Pemex no mercado internacional".

E aí radica a diferenza entre o asegurado pola Xunta e o procedemento levado a cabo por Pemex. PMI, a súa filial, negocia en Galicia e "asina contratos en Galicia para a construción de dous floteis", tal e como aclara Coppel, que máis adiante matiza: "PMI participou e vai participar nun proceso competitivo e Pemex Exploración e Produción elixirá a mellor proposta, a máis conveniente, a que máis traia beneficios a Pemex". Segundo o diario azteca Grupo Fórmula, o que hai é "un acordo para que os estaleiros participen nunha licitación que se dará a coñecer en 2013 e na que tamén terían que entrar outras compañías", ademais de asegurar que en España se pretendeu dar "un uso electoral" a unha operación "que aínda non se concretou".

"Pretendeuse dar un uso electoral a unha operación que aínda non se concretou", di a prensa mexicana

"O que se está facendo con Galicia é asegurarnos de que este tipo de floteis, que se ven moi competitivos para o que estivo contratando Pemex, se poida ir ofrecer a Pemex á hora de que o contrate", insiste a compañía. Polo que se ve, o asinado coa Xunta non é máis que un acordo para poder entrar na poxa por uns contratos sobre os que acabará decidindo a petroleira estatal mexicana

"Como pode explicar a fotografía do presidente da Xunta cun conselleiro de PMI, levantándolle a man á empresa, dicindo que van construír dous floteis e garantíndolle aos estaleiros que teñen o visto e prace?", chega a preguntarlle un xornalista ao director xeral de Pemex. "Moitas veces, desafortunadamente, o que se move nos xornais non é necesariamente a información máis precisa e por iso tratamos de dar esta conferencia", asegura. "A contratación que fixo a filial é moi sinxela, está claramente suxeita a que sexa a mellor opción para Pemex Exploración e Produción", volveu aclarar outro dos directivos de Pemex.

"Hai condicións suspensivas no contrato, as cales son suxeitas a que a oferta lle conveña a Pemex", aclara a compañía

"É dicir, hai condicións suspensivas no contrato, as cales son suxeitas a que a oferta lle conveña a Pemex", engade Coppel. "Cando Pemex aprobe, cando asine contrato haberá unha aprobación explícita do Consello de Pemex", remata, ante as críticas que aseguraban que a empresa asinara un contrato sen o coñecemento dos conselleiros da compañía.

Agora, será a Xunta quen teña que explicar as condicións dun contrato que implicaba un investimento de 300 millóns de euros e, segundo o Executivo galego, 3.000 empregos durante 30 meses para os estaleiros de Barreras e Navantia. Os sindicatos xa dubidaran das cifras dadas polo presidente Feijóo e denunciaran que non tiveran acceso ao acordo nin ás condicións de traballo ou número de empregos que se crearían.

Ademais, a Xunta Electoral xa ordenara, tras unha denuncia do PSdeG, retirar da web do Goberno galego os vídeos e novas do acto de sinatura dos contratos de Pemex, ao consideralo unha infracción en plena precampaña electoral.

 

Pemex confirma no seu twitter que "no hay ningún contrato firmado con astilleros gallegos" Dominio Público Praza Pública
Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo
Juan José Suárez Coppel, director xeral de Pemex © Pemex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.