O presidente pide esperar para ver se a "flexibilidade se converte en laxitude para acreditar falta de antecedentes penais"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi preguntado este luns pola regularización de migrantes que xa viven aquí anunciada polo Goberno de España e se concorda coa presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, de que a medida supón un intento de manipular o censo electoral en beneficio da esquerda. Unha afirmación que lanzou malia que a regularización non implica o dereito de voto, que só se consegue coa moito máis complexa e longa obtención da nacionalidade -residentes dalgunhas nacionalidades estranxeiras si poden votar nas eleccións locais-.
Ante esa polémica, o presidente da Xunta non desbotou a afirmación de Díaz Ayuso e dixo que "o certo é que nada sabemos máis alá dos anuncios feitos polo Goberno". "Non coñecemos os detalles", incidiu Rueda malia as restricións que contempla a lexislación electoral.
O presidente mesmo alentou a teoría da extrema dereita dunha "grande substitución" por parte de migrantes remitíndose a unhas declaracións este domingo nun mitin da ex-ministra de Podemos Irene Montero. Na súa alocución Montero ironizou con esa teoría e dixo que "oxalá" se produza e "poidamos varrer de fachas e de racistas este país con xente migrante, con xente traballadora".
Para Rueda esas palabras de Montero significan que "un dos partidos que sustentan o Goberno di que si quere cambiar a xente que ten dereito a voto por outros que veñen de fóra que voten distinto". "Non sei se o Goberno pensa o mesmo", engadiu o líder do PPdeG.
Rueda di que "un dos partidos que sustentan o Goberno di que si quere cambiar a xente que ten dereito a voto por outros que veñen de fóra que voten distinto"
A Rueda tamén se lle preguntou a continuación na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta se non ve necesaria ou pertinente a regularización para un mercado laboral necesitado de man de obra en determinadas profesións. O presidente respondeu admitindo que o Goberno de España "quere regularizar a xente que xa está aquí" pero que o PP quere ir "máis alá, que a xente que se teña que seguir incorporando o poida facer de xeito ordenado, que poida vir xente aquí a traballar, que a necesitamos".
Para rematar a súa intervención Rueda dixo que "estamos vendo cousas que desde logo se son certas non me parecen axeitadas" como "que haxa unha absoluta flexibilidade que se converte en laxitude que se converte en falta de rigor na miña opinión para acreditar a ausencia de antecedentes penais".