En marcha a regularización extraordinaria de medio millón de persoas migrantes

Representantes das entidades promotoras da ILP pola regularización e membros dos grupos que a apoiaron, ante o Congreso en abril de 2024 CC-BY-NC-SA BNG

Unha resposta a unha petición histórica de múltiplas entidades sociais, o resultado dun pacto con Podemos e tamén un golpe no convulso taboleiro político estatal e internacional. O Goberno de España lanzou de vez este 27 de xaneiro en Consello de Ministros a tramitación dunha regularización extraordinaria de migrantes en situación administrativa irregular coa que prevé beneficiar en torno a medio millón de persoas que "xa se atopan" en territorio do Estado español.

Acreditar cinco meses levar "como mínimo cinco meses en España antes do 31 de decembro de 2025" e non ter antecedentes penais, entre os principais requisitos

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións apela a unha mestura de "urxencia social" e "amplo consenso político, económico e social" para lanzar un Real Decreto que terá como "principal" requisito que as persoas solicitantes estivesen "de maneira continuada e como mínimo cinco meses en España antes do 31 de decembro de 2025". Poderán acreditalo "con calquera documento público, privado ou unha combinación de ambos", caso por exemplo dun certificado de empadroamento, contratos de servizos ou xustificantes de atención médica, por exemplo.

Elma Saiz, ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, explicando a regularización extraordinaria tras o Consello de Ministros deste 27 de xaneiro

Se se trata de solicitantes de asilo, teñen que ter presentada a petición de protección antes desa data. Canda ese limiar temporal, a ministra Elma Saiz subliña tamén como "indispensable" que a persoa estranxeira solicitante de regularización "non conte con antecedentes penais" nin "supoña unha ameaza para a orde pública".

As persoas beneficiarias terán unha autorización de residencia que durará inicialmente un ano, cinco no caso de menores de idade

Migracións prevé "as solicitudes se empecen a presentar a comezos de abril" e o proceso estará aberto ata o 30 de xuño. O prazo de tramitación será "dun máximo de tres meses", pero "coa mera admisión a trámite, que se resolverá nun máximo de 15 días", as persoas "poderán comezar a traballar" en condicións regulares. Neste sentido, o Ministerio subliña que "a maioría" da poboación potencialmente beneficiaria "xa traballa", pero "moitas persoas fano en condicións de informalidade ou precariedade administrativa".

De aí en diante, as persoas que reciban o visto e prace á súa solicitude de regularización "poderán acceder a unha autorización de residencia cunha vixencia inicial dun ano" que "permitirá traballar, dende o primeiro día", en condicións legais. "Transcorrido ese prazo -especifica o Ministerio- deberán incorporarse ás figuras ordinarias previstas no Regulamento de Estranxeiría".

Indica o gabinete de Pedro Sánchez que o proceso pretende tamén "protexer a unidade familiar" e por iso vai "permitir a regularización simultánea dos fillos e fillas menores das persoas solicitantes que se atopen en España". No seu caso, o permiso que obterán durará cinco anos. 

A medida atende, en boa medida, as reclamacións da iniciativa popular 'Regularización xa', impulsada por múltiplas entidades políticas e sociais e que quedou bloqueada no Congreso tras iniciar trámite por ampla maioría absoluta en 2024

Con estas medidas o Goberno de España atende, en boa medida, as reclamacións da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) Regularización xa, que o Congreso comezou a tramitar en 2024 por ampla maioría absoluta, pero que agora permanecía bloqueada. Por tras deste proxecto estaban entidades políticas e sociais moi diversas, dende organizacións que traballan con migrantes a entidades feministas ou a Igrexa. No caso galego, participaron entidades como Agareso, Foro Galego da Inmigración, Rede Galega de Apoio a Persoas Refuxiadas ou Plataforma Feminista Galega.

Diante das primeiras críticas á regularización, chegadas esencialmente dende o PP e Vox, a ministra Saiz presenta o proceso en clave de "continuidade histórica". "De 1985 a 2006 gobernos de distintas cores recorreron a procesos de regularización", subliña. Neste sentido, os datos do Ministerio apuntan a que se beneficiaron delas 1,3 millóns de persoas, a maioría durante os gobernos de Aznar (503.000) e Zapatero (576.000).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.