A Xunta recoñece o que a Plataforma de Organizacións de Infancia leva tempo advertindo: "as prazas están sempre ocupadas e en ocasións non se dá resposta a unha situación porque non hai espazo"
A conselleira de Política Social, Fabiola García, admitiu este mércores no Parlamento de Galicia que o seu sistema de protección de menores "non ten nestes momentos nin unha soa praza dispoñible para acoller menores". Nin estranxeiros nin galegos.
Un colapso dunha competencia autonómica para o que a conselleira non achegou ningunha solución. Limítase a culpar o Goberno de Pedro Sánchez de que a chegada de menores estranxeiros obrigue a Xunta a crear un centro específico para eles en Monforte, o atacado a pasada fin de semana.

O "colapso" do sistema de protección de menores da Xunta xa viña sendo sinalado pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, que representa entidades como Unicef, Acougo, Faiben, Aseia, Meniños, Igaxes ou Cruz Roja. Hai ano e medio o presidente da plataforma, Xesús Vilas, xa sinalaba que "as prazas están sempre ocupadas e sabemos que en moitas ocasións non se dá resposta a unha situación porque non hai espazo. Sabemos que hai ocasións nas que non se deciden cousas porque unha vez ditado que un menor ten que entrar no sistema hai que ter onde mandalo”.
Pero meses despois os problemas empeoraron e esta semana pronunciábase en similares termos a presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais (CEESG), Sonia González, para quen "é certo que existe sobreocupación" nas instalacións que xa hai, "sabémolo as que traballamos en protección de menores, porque non é nada doado conseguir prazas".

Tras non crear novas prazas no sistema galego de atención a menores malia a súa necesidade agora a Xunta si fai un centro para estranxeiros "porque non temos alternativa"
Neste tempo a Xunta non só creou as prazas necesarias para os menores galegos que xa as precisaban senón que agora está a habilitar en Monforte un centro específico para menores estranxeiros. Unha creación dun novo centro á que agora si accede Política Social "porque non temos alternativa posible", en palabras da conselleira, que atribúe a súa actuación nesta materia á "imposición do Goberno de Pedro Sánchez". Porén, desde o colexio de educación social lémbrase que "os dereitos non poden cambiar en función da procedencia ou da cultura".