En marcha a regularización que abre a porta ao traballo legal a unhas 10.000 persoas en Galicia

A Agra do Orzán, na Coruña, é un dos barrios galegos con maior presenza de poboación de orixe estranxeira © Concello da Coruña

Varias organizacións galegas están incluídas na listaxe oficial do Goberno de España para axudar as persoas migrantes a completar un trámite administrativo que, dende que comeza, "habilita automaticamente para traballar"

Entre 8.000 e 10.000 persoas, segundo as estimacións de organizacións non gobernamentais, forzas políticas e o propio Goberno de España, poden beneficiarse en Galicia da regularización de persoas migrantes en situación administrativa irregular que atinxe a arredor de 500.000. Medio millón de persoas residentes ou solicitantes de asilo en territorio español antes do 1 de xaneiro de 2026 que, entre outros aspectos, verán aberta a porta ao traballo legal.

Dende o pasado día 16 está aberto o proceso que este luns, 20 de abril, viviu o seu primeiro fito co inicio da atención presencial para a presentación de solicitudes. Nalgunhas localidades galegas como a cidade da Coruña observáronse no inicio da xornada as primeiras ringleiras de solicitantes nun proceso para o que o Ministerio de Inclusión encomenda tarefas extraordinarias de xestión e axuda técnica a Correos e mais á semipública Tragsa.

Protesta do Foro Galego de Inmigración contra a Lei de Estranxeiría, nunha imaxe de arquivo © FGI

Alén disto o propio Ministerio, que habilitou un web informativo para para achegar detalles sobre o proceso e solicitar cita presencial, informa de que diversas entidades colaboradoras -na súa maioría, ONG- están recoñecidas oficialmente para axudar. Nesta listaxe atópanse varias organizacións galegas como Boa Vida, SOS Racismo Galicia ou Viramentos, así como outras de ámbito xeral con ampla implantación no noso país, caso de Cáritas.

O Foro Galego da Inmigración desataca que o proceso beneficia un colectivo de persoas que xa vivían aquí, pero "na total indefensión"

Ás portas do inicio da regularización unha das entidades galegas con máis experiencia na materia, o Foro Galego de Inmigración, aplaudía a nova vía que se abre para persoas que, destaca, xa viven en Galicia e noutros puntos do Estado, pero "na total indefensión". O primeiro e máis relevante "efecto positivo" do proceso, destacaba en declaracións a Praza.gal o seu voceiro, Miguel Fernández, é atallar a "intolerable" situación de que "houbese persoas convivindo connosco e sen dereitos".

Pero ademais, salientaba, "a nivel social e económico é unha vantaxe para todos, porque son persoas que se poden incorporar mellor ao mercado laboral". Así o acredita, apuntaba o voceiro do Foro, a "clara demanda por parte do empresariado para cubrir postos de traballo que quedan vacantes". "Moitas veces chégannos empresarios que queren contratar e non poden" por "non poder facerlle os papeis" ás persoas traballadoras, ilustraba.

A regularización de migrantes ten o prazo aberto ata o 30 de xuño. Entre os seus principais requisitos está o de levar cando menos cinco meses ininterrompidos en España. Ademais, acreditar a carencia de antecedentes penais mediante documento oficial, entre outros. Dende o momento en que a persoa solicitante recibe "a comunicación do inicio do procedemento administrativo" da regularización está "habilitada automaticamente para traballar" legalmente, destaca o Ministerio.

Forzas políticas da esquerda ou Igrexa católica apoian abertamente unha medida que o PP critica

Bota a andar, como é sabido, cun amplo apoio político e social entre o que destacan os principais partidos da esquerda e tamén a Igrexa católica e entidades ligadas á mesma como Cáritas, que en declaracións a infoLibre a aplaude como "unha medida que beneficia ao conxunto da sociedade civil". Desta interpretación desmárcase abertamente o PP, que a través de Alberto Núñez Feijóo descualifica a regularización "a granel" como "un disparate".

Aínda que con menor contundencia, tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, criticou en datas recentes a regularización porque, di, podería facerse "mellor" e "consultando" as comunidades autónomas. Previamente, ao ser preguntado ao respecto, alentara a acusación de que migrantes sen dereito a voto poden alterar as eleccións a través deste procedemento, que non outorga dereito a sufraxio nin nacionalidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.