A Policía Nacional desvela en poucos días tres operacións nas que persoas de orixe estranxeira eran explotadas en localidades galegas aproveitando a súa vulnerabilidade. A última, cun detido en Lugo por reter e agredir un traballador ao que mantivo oito meses "en condicións infrahumanas"
Mentres nalgúns ámbitos soben de ton os discursos políticos e económicos en clave racista, quer pola regularización regularización extraordinaria de medio millón de persoas migrantes no conxunto do Estado -unhas 8.000 en Galicia- activada polo Goberno de España, quer por calquera outro motivo, a realidade segue evidenciando casos no que poboación estranxeira en situación de pobreza volve ser vítima de explotación e enganos laborais. Tamén no noso país.
En casos días a Policía Nacional desvelou ata tres operacións diferentes cun nexo común: a explotación ou o engano a persoas traballadoras de orixe estranxeira, varias delas en situación irregular. O caso máis recente saíu á luz en Lugo este mesmo venres. Segundo a información revelada polo corpo policial, trátase da detención dun home por explotar un traballador estranxeiro que deu escapado de onde vivía "en condicións infrahumanas" nunha vila da provincia lucense e conseguiu chegar para denunciar o caso na Comisaría da cidade da Muralla.
"A súa precaria situación" e non ter documentación regular, sinala unha voceira da Policía, levou o traballador a aceptar un traballo sen contrato ningún nunha localidade rural da provincia que non identifican. As condicións ofrecidas incluían un salario, comida e vivenda e traducíronse en xornadas dunhas 15 horas diarias por "cantidades ínfimas", arredor de 2.000 euros en oito meses, é dicir, uns 250 mensuais nun período no que o aloxamento fornecido foi un cuarto nunha casa "case derruída, sen fiestras, con humidades e pingueiras" e alimentación deficiente.
A fuxida na que logrou denunciar, explica a Policía, foi a segunda. Na primeira o explotador conseguiu localizalo e que regresase empregando "ameazas, coaccións" e tamén "agresións físicas" que puideron ser certificadas por persoal médico despois da denuncia, detalla a comunicación oficial. O home está acusado de explotación laboral, ameazas e detención ilegal.
Explotación e etiquetaxe falsa de alimentos
Os detidos na Coruña forzaban o persoal a "xornadas laborais superiores ás doce horas" envasando produtos alimentarios aos que agregaban etiquetaxes falsas
Este caso de Lugo transcendeu apenas dous días despois de que a propia Policía Nacional informase doutras dúas detencións na provincia da Coruña no marco dunha operación iniciada por unha denuncia "de vulneración de dereitos que sufrían traballadores estranxeiros por parte dos propietarios dunha empresa". A compañía, sinalan, tiña a súa actividade nunha "nave de almacenamento e envasado de produtos hortofrutícolas" onde sete traballadores, tres deles "cidadáns estranxeiros" en situación administrativa irregular, tiñan que prestar servizos sen "condicións adecuadas de saúde e hixiene".
Os operarios "realizaban xornadas laborais superiores ás doce horas de traballo continuiado" en "condicións que suprimían gran parte dos dereitos recoñecidos polas leis". Aos produtos que envasaban nesas condicións os empresarios "asignáballes etiquetados de orixe España" malia seren mercado no estranxeiro e agregábanlles "un selo de calidade dun espazo Reserva da Biosfera" para vendelos "ao por maior a grupos titulares de importantes supermercados en Galicia e Asturias", que "resultaban enganados" pola etiquetaxe falsa. Os dous detidos están acusados de delitos contra os dereitos dos traballadores e estafa.
Sen cotizar para aforrar a formación
Pouco antes a Policía deu conta dunha terceira operación, esta nunha empresa "dedicada a labores de limpeza e mantemento" que "empregaba a cidadáns de orixe estranxeira utilizando documentos de identidade de antigos traballadores". Un home foi detido no marco da denominada operación Marka tras comprobaren que "o empresario efectuaba esta irregularidade" para "aforrar a contía dos cursos de preparación necesarios para desenvolver a actividade laboral".
Noutra operación na Coruña foi descuberta unha empresa de limpeza e mantemento que usaba "documentos de antigos traballadores" para evitar formar e cotizar polo persoal estranxeiro que tiña a traballar
As pescudas tiveron a súa orixe na denuncia dun traballador que, "ao consultar a súa vida laboral, observou que fora dado de alta na Seguridade Social nunha empresa en datas nas que estaba traballando para outra, fóra de España". O resultado desta irregularidade é que os traballadores "eran contratados coa crenza de que o empresario realizaba todos os trámites para dalos de alta" cando en realidade "non xeraban os correspondentes días de cotización" e, ao tempo, as empresas que pagaban polos servizos de limpeza e mantemento recibían persoal con risco para a súa saúde laboral, xa que nunca realizaran a formación que sobre o papel si tiñan. O empresario está acusado dun delito de falsificación documental.
Praza.gal non puido contrastar os nomes das empresas implicadas nestes casos, que non son revelados pola Polícia. Por esta razón non figuran nesta información. [Por que ás veces non é posible dar o nome das empresas condenadas]