As que traballan: radiografía das migrantes que xa son piar do emprego en Galicia

Unha veciña do barrio coruñés da Sagrada Familia, nunha imaxe compartida pola asociación de veciños durante unha actividade de lecer CC-BY-SA AVV Sagrada Familia / Montaxe: Praza.gal

Erguerse de madrugada para limpar portais antes do abrente e facer media xornada. Levar o fillo ao colexio e completar despois, xunto a súa nai, o seu día laboral, que pode acabar cunhas horas ao coidado dunha anciá, un labor habitual en moitas das súas compatriotas. 

O Ministerio de Inclusión destacou este 8M a "contribución laboral e demográfica" e no "desenvolvemento económico e social" das mulleres migrantes

Lady é de Colombia, un dos países que achega máis poboación e traballadoras migrantes a Galicia. Vive nun barrio obreiro e avellentado dunha cidade galega, ateigado de cafeterías atendidas por rapazas novas chegadas tamén do Sur de América. Como moitas panaderías ou tendas tradicionais que sobreviven grazas ao labor de mulleres migrantes. Como as que limpan nas casas ou rexentan os seus propios negocios onde antes había baixos baleiros. 

Co gallo da celebración a pasada semana do Día Internacional da Muller, o Observatorio Permanente de Inmigración (OPI), dependente da Secretaría de Estado de Migracións, actualizou as cifras de mulleres estranxeiras no Estado —como as deste barrio— que son piar do emprego tamén en Galicia. Sinalou "a contribución laboral e demográfica" delas en España, así como "a súa crecente presenza no ámbito formativo e académico". "Os datos reforzan o seu papel estratéxico no desenvolvemento económico e social", destacou o organismo dependente do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. 

Segundo as últimas cifras actualizadas (no último día de 2025), no Estado hai máis de 3,6 millóns de mulleres migrantes con documentación de residencia en vigor, unha cifra que en Galicia se sitúa nunhas 76.000, case 30.000 delas na provincia da Coruña e algo máis de 24.000 na de Pontevedra, superando por pouco Lugo e Ourense cadansúas 10.000. 

En Galicia hai 76.000 mulleres migrantes con documentación de residencia en vigor

Arredor do 15% destas mulleres estranxeiras —máis de 11.000 e segundo os datos detallados de setembro— contan con documentación de residencia de longa duración nacional, autorización que permite residir e traballar en España indefinidamente nas mesmas condicións que calquera español. Pero a gran maioría gozan dunha residencia temporal, a que permite a unha persoa estranxeira vivir legalmente no Estado durante máis de 90 días e menos de cinco anos, papeis que son o primeiro paso habitual para que os migrantes acaden logo a residencia de longa duración ou a nacionalidade. 

Máis de 8.000 das mulleres migrantes en Galicia contan con esta documentación de residencia temporal por arraigo, é dicir, unha autorización excepcional para a regularización polos lazos sociais, familiares ou laborais que teñan no país. O resto, tamén temporal e por outras circunstancias.

Ademais, do total de mulleres migrantes en Galicia, arredor do 40% teñen entre 16 e 64 anos. Case a metade proveñen de América Central e do Sur, dándose aquí unha circunstancia que só afecta as persoas chegadas destes territorios: máis da metade das persoas de países suramericanos e centroamericanos que residen en Galicia (o 56%) son mulleres. 

Case a metade das mulleres migrantes en Galicia proceden de América Central e do Sur; Venezuela, Portugal e Colombia, os países con máis emigradas

As arredor de 30.000 mulleres residentes procedentes de Europa (tanto da UE como de países non comunitarios) supoñen case o 40% da migración feminina en Galicia, mentres que unhas 6.800 chegaron de África e equivalen a case o 10%, ao que hai que engadir as máis de 3.000 de Asia (4%) e as 1.500 chegadas de América do Norte. 

Por países, e sen ter en conta nestes datos o elevado número de persoas chegadas de América do Sur nacionalizadas —moitas delas por seren descendentes de galegos emigrados—, Venezuela é o país que máis mulleres migrantes achega a Galicia, con máis de 9.500 (sobre o 13%), seguida de Portugal (13%), con case idéntico número. A continuación sitúase Colombia (6.511 e sobre o 8% do total de mulleres emigradas), Romanía (5.284 e o 7%), o Brasil (case 5.000 e o 7%) e Marrocos (4.383 e o 6%). 

O peso no mercado laboral

Respecto destes datos, cómpre destacar que no caso dos países americanos (Venezuela, Colombia e o Brasil), as mulleres son maioría entre o colectivo migrante de cada un deses países en Galicia, superando amplamente o 55% e chegando ao 66% no caso do brasileiro. Pola contra, as mulleres son minoría no caso da xente con pasaporte portugués, romanés ou marroquí. 

Loxicamente, o peso da poboación estranxeira no mercado laboral galego é cada vez máis importante (e necesario). Supón xa o 7,2% do total de afiliacións á Seguridade Social, cando hai unha década non alcanzaba o 4%. E as case 78.000 persoas ocupadas chegadas doutros países supoñen o dobre de hai dez anos. 

O número de mulleres migrantes ocupadas en Galicia rolda as 34.000, un 6,3% do total das mulleres con emprego no país. Son tamén case o dobre que hai unha década, cando non chegaban ás 13.000 e representaban un 2,8% do mercado laboral feminino. 

Máis de seis de cada cen traballadoras en Galicia son migrantes e o 85% traballan no sector servizos, sobre todo en hostalería, coidados, comercio ou limpeza

Os datos exclúen o importante número de mulleres migrantes que seguen a traballar en negro en Galicia, quer no coidado de persoas maiores, quer na hostalería. Sexa como for, segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), case o 85% do emprego feminino estranxeiro (legal) en Galicia é no sector servizos e máis do 65% no grupo de ocupacións que abrangue camareiras, cociñeiras, dependentas no comercio, coidadoras de persoas, peiteadoras ou limpadoras. 

Abonda con pasear polos barrios máis humildes das principais cidades e vilas galegas para se decatar da relevancia das mulleres migrantes no día a día social e laboral, mais tamén da súa preponderancia —moi maioritariamente no caso das chegadas de fóra da UE— que teñen en certos sectores e nestes empregos menos remunerados. Fronte a estereotipos, prexuízos e olladas curtas. 

"Na hostalería, coidando dos nosos maiores, na limpeza... Estes son os traballos que fan; e que fariamos sen eles!", expresaba unha veciña do barrio coruñés da Sagrada Familia, nunha reportaxe sobre a área urbana máis mestiza de Galicia, con case o 40% da súa poboación nada no estranxeiro. "Son os galegos que iamos a Suíza e Inglaterra nos 60, choiando no mesmo que nós alá", contaba a veciñanza.

“Ao principio non quería vir pero agora, se tivese que volver, creo que choro”, di Ruth, peruana en Vigo que foi limpadora, cociñeira ou coidadora e agora 'Kelly'

Ruth, peruana chegada a España con 30 anos en 2007 e desde hai tempo en Vigo, é un exemplo. Cando chegou á cidade estivo traballando de limpadora, de axudante de cociña ou coidando maiores, o que podía ata que se estableceu como Kelly dun hotel. “Non estou preparada para outra cousa, que vou facer?, indica. Agora espera que a súa filla se forme para aspirar a un traballo mellor, porque está a estudar. “Ao principio non quería vir pero agora se tivese que volver creo que me poría a chorar”, asegura.

“No Perú íame moi mal, cunha nena de catro anos, sen traballo nin estudos profesionais e necesitaba ingresos”, explica agora sobre a súa chegada a Salamanca hai case dúas décadas. Asegura que tivo “sorte” porque veu cun contrato para coidar unha persoa maior e estivo alí un tempo ata que decidiu vir a Vigo. “Alí facía moito frío e Galicia parecíame un sitio ben fermoso”, di. 

No mesmo ano que Ruth chegou a España, Khady aterrou en Vigo, non sen antes probar noutros lugares. Cando fixo 18 anos marchou desde Dakar, en Senegal, a Francia. Na súa terra formouse como electricista e como peiteadora. En Francia non viu a posibilidade de obter papeis e a través dunha coñecida que tiña en Galicia conseguiu un contrato para coidar un bebé. 

Khaty, veciña senegalesa de Vigo, no seu salón de peiteado CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Khaty, senegalesa, leva en Vigo dúas décadas; foi camareira e peiteadora ata que montou o seu negocio: "Cheguei con 50 euros"

Chegou en 2007, con 20 anos. Axiña sacou o carné aquí case sen saber español. Casou cun vigués en 2011 e comezou a buscar traballo como peiteadora, que era o que máis lle gustaba. “Non coñecía a ninguén, pero para coñecer o idioma, ademais de traballar de 8 a 14 horas na casa coidando o bebé, ía de camareira de seis da tarde ata as dúas ou tres da mañá. Traballaba de luns a domingo. Non descansaba nada”, conta. “Son musulmá e non bebo; entraba unha hora antes para que me explicasen as bebidas e como se manipulaba todo”, lembra esta muller de Senegal, país cunha colectividade que achega 4.000 persoas en Galicia, aínda que o 70% homes. 

"Comigo portáronse ben"

“Ía dun salón de peiteado a outro unhas cantas horas e mesmo fun a unha academia para saber como se trataba aquí o pelo, pero eu xa estaba formada niso”. Entón comezou a traballar como peiteadora na súa propia casa e indo á casa da xente ata que montou o seu negocio. Agora mesmo ten salón de peiteado de seu en Senegal, outro en Francia e outro en Vigo, onde o abriu hai oito anos, e hai poucos día mudouse a un local moito máis grande, chamado Thiacha extensión, na zona da Dobrada. 

“Cheguei aquí desde Francia con 50 euros. Alí era todo moi caro e traballaba ata os días de descanso para tirar para adiante; como aquí tiña oportunidade de ter un contrato, vin”. Pero antes de telo, explica, tamén traballou sen papeis "facendo manicuras de aquí para alá". Tras ser regularizada, trouxo a súa irmá, e logo de obter a nacionalidade, solicitaron reagrupamento familiar. "Trouxen a meus pais, que van e veñen", explica Khady. 

Malia o auxe de partidos políticos abertamente racistas e de discursos discriminatorios en tantas partes, Khady di que nunca tivo "malas experiencias de discriminación", aínda que si coñece xente que as sufriu. "Comigo portáronse ben; o primeiro coche que tiven regaláronmo na casa onde traballaba”, di quen lembra que as súas clientas "son sobre todo españolas" pero que ten "de todo". "Mesmo dúas chinesas", explica. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.