A poboación chegada de fóra leva a Galicia a gañar 35.000 habitantes en catro anos

Evolución da poboación galega no que levamos de século © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Xunta

Galicia conta na actualidade con 2.728.315 habitantes, 14 mil máis que hai un ano e 35 mil máis que no comezo de 2022, hai catro anos

Dende hai varias décadas un dos asuntos dominantes na conversa pública en Galicia é o progresivo envellencemento e a perda de poboación en moitas zonas. O envellecemento é incontestable e case que imparable (as persoas de máis de 65 anos pasaron de ser o 20,6% ao 26,6% no que levamos de século) pero a realidade é que a poboación galega está a experimentar nos últimos cinco ano un incremento moi notable,

O INE publicou este xoves os datos provisionais de poboación correspondentes ao 1 de xaneiro de 2026. A Estatística Continua de Poboación amosa que a Galicia conta na actualidade con 2.728.315 habitantes, 14 mil máis que hai un ano e 35 mil máis que no comezo de 2022, hai catro anos.

A gráfica amosa un rápido aumento dende o mínimo acadado en xullo de 2021, no contexto da pandemia de COVID (2.690.972) e deixa a cifra total de residentes no nivel máis alto dende xaneiro de 2015. O máximo neste século acadárase en xaneiro de 2011, con 2.773.415 habitantes, xusto antes de que a crise da Gran Recesión reducise a poboación galega en máis de 80 mil persoas na década seguinte.

No último ano a poboación galega aumento un 0,12%, só un pouco menos que o incremento experimentado pola poboación do conxunto do Estado (+0,16%). A poboación española chega a 49.570.725 persoas, cun aumento de dous millóns nos últimos catro anos.

O aumento da poboación concéntrase sobre todo na provincia da Coruña, que gaña 24 mil habitantes dende o 2022, pero atinxe tamén a Lugo e Ourense, que reverten a tendencia a perder poboación iniciada hai décadas 

Os datos do INE amosan que a poboación está a medrar en Galicia nas catro provincias, especialmente na Coruña (8 mil máis no último ano e 24 mil máis dende o 2022). O aumento en Pontevedra é moi inferior (3 mil máis no último ano e 5 mil máis dende o 2022).

Cómpre destacar que o incremento poboacional atinxe tamén ás provincias de Lugo e Ourense, que deteñen así un decenso iniciado hai décadas. Así, Lugo aumenta case mil habitantes no último ano, o mesmo que Ourense e manteñen a tendencia de ascenso iniciada no ano 2022.

A poboación galega medra non por un incremento da natalidade (aínda que o 2025 probablemente acabe supoñendo o primeiro aumento do número de nacementos dende o 2008), senón por un saldo migratorio moi favorable para Galicia, especialmente en relación ás entradas e saídas de poboación dende fóra do Estado español. En 2024 chegaron a Galicia 30.325 persoas máis das que marcharon do país. Nunca o saldo migratorio (diferenza entre entradas e saídas) fora tan positivo

O 13,2% da poboación galega naceu no estranxeiro e o 7,1% ten nacionalidade estranxeira. As persoas con nacionalidade estranxeira duplicaron o seu número dende o 2019

Os datos publicados polo INE este xoves deixan o titular de que por primeira vez hai máis de 10 millóns de españois e españolas que naceron no estranxeiro, un 20,2% da poboación total do Estado. En Galicia a porcentaxe de poboación nacida fóra no estranxeiro (con nacionalidade estranxeira ou non) non é tan elevada, pero sitúase no 13,2%, cinco puntos máis que hai cinco anos.

Se falamos estritamte da poboación con nacionalidade estranxeira, as porcentaxes son menores: un 7,1% en Galicia, o dobre que no ano 2019, e o 14,6% no conxunto de España.

A chegada de poboación dende outros países está contribuíndo a incrementar a poboación galega, con efectos importantes tanto nas zonas urbanas coma en concellos rurais e tamén a rexuvenecela, pois as persoas que chegfan a Galicia dende fóra son maioritariamente novas.

Máis do 25% dos galegos e galegas entre 25 e 34 anos naceron no estranxeiro

Os últimos datos publicados polo INE amosan que máis do 25% dos galegos e galegas entre 25 e 34 anos naceron no estranxeiro. As porcentaxes son igualmente elevadas na poboación de 35 a 39 anos (23%) ou na de 20 a 24 e na de 40 a 44, case o 20%. As cifras descenden de forma importante a partir dos 60 anos de idade (11% entre 60 e 64 anos) e sobre todo a partir dos 65 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.