"Vivían na total indefensión, nin sequera se podía saber cantas persoas son", o cal impedía, entre outras cousas, "dimensionar as políticas públicas contando con elas". A principios de ano o voceiro do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández, expresábase deste xeito en conversa con Praza.gal para resumir a necesidade da regularización extraordinaria de persoas migrantes que viña de iniciar o Goberno de España.
O prazo de presentación de peticións remata no conxunto do Estado con algo máis dun millón, o duplo do estimado
A entidade -na que participan entidades sociais e políticas, dende forzas sindicais e da esquerda ata organizacións da Igrexa católica, asociacións culturais ou colectivos feministas- manexaba diferentes estimacións sobre o impacto da medida no noso país que apuntaban a entre 8.000 e 10.000 persoas pero advertía: "É un cálculo complicado" pola súa total ausencia de constancia oficial no sistema. A primeira radiografía do proceso apunta a que en realidade a cifra era moito maior: máis de 38.000 aspirantes.
Unha vez concluído o prazo de presentación de solicitudes, que se estendeu dende mediados de abril ata o pasado 30 de xuño, o Ministerio de Inclusión vén de facer un primeiro balance dun proceso no que recibiu 1.174.978 solicitudes. Isto supón que as estimacións a nivel estatal ficaron tamén notablemente curtas (calcularan en torno a medio millón). Dentro do total, 38.747 corresponden con Galicia.
"Permite ofrecer seguridade xurídica e dereitos a milleiros de persoas que xa vivían, traballaban e formaban parte da nosa sociedade", salienta o delegado do Goberno de España en Galicia
Para a secretaria de Estado de Migracións, a galega Pilar Cancela, os datos desta fase do proceso "evidencian o esforzo histórico das institucións e da sociedade civil, que empurraron para que ninguén fique fóra deste proceso e conseguir unha sociedade de acollida efectiva, con dereitos e obrigas para todos". Neste sentido, o propio Ministerio admite a importancia do labor das entidades sociais que colaboraron oficialmente nos trámites da regularización.
No caso galego foron apenas unha ducia de entidades as incluídas no rexistro para, por exemplo, poderen emitir informes imprescindibles para a regularización. O propio Goberno de España destaca, no seu balance total, que en casos coma o da provincia de Pontevedra chegaron a asumir case unha de cada cinco solicitudes. En pleno proceso varias delas destacaban, en declaracións a Praza.gal, o aluvión de traballo que afrontaron para asistir ao que non deixaba de ser, subliñaba unha delas, unha "pelexa por dereitos básicos"
O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, pon o foco en que este proceso "permite ofrecer seguridade xurídica e dereitos a milleiros de persoas que xa vivían, traballaban e formaban parte da nosa sociedade" ao tempo que se "fortalece o mercado laboral e o sistema de protección social". Tamén supón, non obstante -sinala- "unha medida de responsabilidade e humanidade" que se combina coa "intelixencia económica", porque "combate a economía mergullada".
Case o 60% das persoas solicitantes teñen menos de 34 anos. Venezuela e Colombia son as principais orixes das peticións en Galicia
Os datos de Inclusión salientan que unha amplísima maioría das persoas solicitantes da regularización están en idade laboral e que o grupo máis numeroso é o de 25 a 34 anos (31,3%, 26,4% en Galicia), seguido por quen teñen de 35 a 44 anos (21,6% no total, 20% en Galicia). Case o 60% do total "teñen menos de 34 anos", agrega Cancela, que neste sentido subliña ademais que "como consecuencia do proceso de regularización" a 30 de xuño a Seguridade Social xa sumara case 160.000 cotizantes, cos sectores de hostalería e comercio como principais destinos.
Por orixes, segundo os datos manexados pola delegación gobernamental en Galicia, as máis abondosas son persoas migrantes procedentes de Venezuela, case o 30%, seguidas de migrantes de orixe colombiana (27%) e peruana (13%). A maior distancia sitúanse outros Estados coma o Brasil, con algo menos do 7%, ou Senegal, por baixo do 4%.